A Casa da Xuventude de Ourense vive a súa época máis difícil tralo pasamento do seu director, o galeguista Benito Losada, por mor da reorientación que os responsables da consellería de Traballo e Benestar implantaron coincidindo coa desaparición de Losada.
Tras 32 anos de existencia e ser a segunda máis antiga do Estado, despois da de Pamplona, A Casa ten unha nova directora que está implantando unha novo modelo á marxe do sistema de coxestión polo que se viña rexendo dende a Transición política.
O presidente Lalo Gómez Rosales, nomeado en época de Losada polos socios, non recoñece a institución que preside que “ata lle cambiaron o nome polo de Espazo Xove” e asegura que “a pesar de que nos puxemos en contacto coa Xefatura Territorial e lle levamos os estatutos polos que nos viñamos rexendo que contemplan unha participación do movemento asociativo e cultural ao mesmo nivel que a Administración non recibimos unha resposta clara”. É máis, segundo relatou Lalo Gómez a Praza Publica, o xefe territorial, José Selas, aclaroulles que “non sabía, que non tiña ningunha alternativa” e engadiu “do mesmo xeito que vós tardastes un tempo en redactar os estatutos eu necesito un tempo para estudalos”. O actual presidente, sen funcións, trala implantación do novo sistema de goberno só sacou en claro “que temos que esperar ao que mande a nova directora que é unha persoa da máxima confianza do Xefe Territorial”.
Sen comunicación oficial ao persoal
Daquela, funcionarios e funcionarias e socios da Casa están pendentes das decisións de Mercedes Valeiras, sucesora do finado Benito Losada dende o verán de 2011. Segundo puído saber Praza, a actual responsable accedeu á dirección a través dun concurso público aberto o 23 de xuño 2011, un ano e sete meses despois de que Losada pedise a baixa por enfermidade.
A Xunta comunicou aos funcionarios a apertura do proceso a través dunha carta cun prazo para presentar candidaturas de 5 días dende a data da recepción do oficio. Fontes da Casa aseguraron que “en ningún momento houbo listas públicas para saber os que estaban interesados en ocupar o posto e para coñecer a lista de candidatos, ou polo menos nos non as vimos”. Finalmente, o posto foi para Valeiras, antiga directora do Centro de Menores de Montealegre e familiar do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, (a nai do presidente e a nai de Mercedes Valeiras son curmás). Segundo diversas testemuñas, foi ela mesma a que se presentou nas instalacións dicindo que era a nova directora, sen mediar ningunha comunicación oficial aos traballadores.
A carreira da nova responsable no seu novo destino vén precedida pola polémica ao ser denunciada, segundo confirmaron fontes do sindicato CIG, pola súa xestión en Montealegre (centro destinado a menores con problemas de adaptación e integración social) perante a Fiscalía de Ourense polos recortes orzamentarios aos que someteu a entidade educativa durante o seu mandato.
Ao marxe da súa xestión anterior, os funcionarios e representantes do tecido cultural e asociativo de Ourense, manifestaron a este diario electrónico que “esta señora foi responsable dun centro de menores e nunca tivo relación cos adolescentes nin coa dinamización cultural”. De feito comentan que a súa primeira decisión foi cambiar as pechaduras das portas e a súa achega a día de hoxe “comprar un futbolín para o tempo de lecer”.