Unha fin de semana 'de cine' para os filmes galegos

Un fotograma de Arraianos © Praza Pública

O cinema galego pisa con forza nalgúns dos festivais máis importantes do mundo. Pode que os focos da atención mediática e dos grandes públicos ainda non se centren neles, pero nos vindeiros meses escoitaremos falar moito dalgún nomes: Eloy Enciso, Lois Patiño, Xan Viñas e Pablo Cayuela..., e moitos outros: Ángel Santos, Susana Rei, Xacio Baño, Xurxo Chirro ou Marcos Nine. Esta fin de semana en concreto foi unha boa mostra. Pode que Sevilla, Roma ou Copenhague non sexan festivais tan coñecidos coma Cannes ou Berlin, pero en moitos sentidos teñen unha calidade meirande e son moi importantes á hora de marcar tendencias.

A gran noticia da fin de semana para o cinema galego foi o premio para Arraianos no Festival Internacional de Cine de Sevilla. O filme de Eloy Enciso obtivo o premio da sección Nuevas Olas, que está dotado con 15.000 euros para apoiar a distribución comercial do filme en España. O xurado destacou a "madurez" de Arraianos o seu "carácter híbrido entre xéneros e formas" e a súa procura "do cine fóra do cine e non dentro del". O filme estreouse en agosto no Festival de Locarno, e a vindeira semana participará no REC Tarragona. Para vela en Galicia teremos que agardar até o 22 de novembro no festival Cineuropa de Santiago de Compostela.

Pero o audiovisual galego viaxou por toda Europa esta fin de semana. O sábado Lois Patiño estreou Montaña en sombra no Festival de Roma dentro da sección CinemaXXI, centrada en películas dedicadas ás novas tendencias do cine mundial, obras que refliten a continua reinvención do cinema. O filme de Patiño comparte sección coas novas obras de Larry Clark, Roman Coppola, Peter Greenaway, James Franco ou Apitchapong Weerasethakul. 

E tamén o sábado, pero máis ao norte, no prestixioso Festival de Documentais de Copenhague, proxectouse Fóra, o traballo de Xan Gómez Viñas e Pablo Cayuela sobre o sanatorio de Conxo. O filme compartiu cartel con algúns dos traballos documentais máis prometedores do ano en Europa. E en La Rochelle, no festival de documentais Escales Documentaires, proxectouse Península XY (ruta X)un traballo de Juan Lesta e Belén Montero que percorre un eixo x e un eixo y na peninsula ibérica mediante un sistema timelapse, a partir de máis de 40.000 fotografías.

Un fotograma de Arraianos © Praza Pública
Fóra © Praza Pública
Montaña en sombra © Lois Patiño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.