"Unha persoa pode ser galega e africana ao tempo, ter o mesmo sentimento polas dúas culturas"

Manoliño Nguema © Agareso

Achégase o día. Este venres 15 de decembro o Teatro Principal de Santiago de Compostela será o escenario para a representación de Manoliño Nguema, dous mundos que se tocan, unha obra de teatro do galego-guineano Marcelo Ndong que relata a súa propia vida, a cabalo entre dous países, dous continentes, dúas culturas. Con 13 anos Ndong chegou a Galicia (en 1968) formándose grazas a unha bolsa de estudos na Cidade dos Muchachos de Bemposta. Despois de dar a volta ao mundo varias veces actuando nos espectáculos desta pioneira escola de circo, volveu a Guinea en 1990 para colaborar na reconstrución dun país que quedara devastado trala descolonización de España e a ditadura de Francisco Macías, e creando unha escola de circo e artes escénicas en Malabo. As entradas xa están dispoñibles por un donativo de 10€  na billeteira do propio teatro.

A obra foi un encargo de Quico Cadaval, que o animou a relatar esta aventura vital, que el mesmo representa na escena, xunto con dous dos seus alumnos, Raimundo Bernabe Russo e Gorsy Edu Abaga. A ONGD Waka Films e a produtora Fílmika Galaica, coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), están a realizar ademais un documental (Manoliño Nguema) gravado entre Guinea e Galicia, e para o que está en marcha unha campaña de crowdfunding. Falamos con Marcelo Ndong, que hai uns días regresou a Galicia, onde viviu durante tres décadas.

"Como bo galego sinto morriña de Galicia cando estou en Guinea: as paisaxes, as cancións, a comida..., iso non o podo evitar"

Como foi o retorno a Galicia? Como te sentiches?

Sentinme moi ben, moi contento ao ver a paisaxe, Galicia é a miña casa. Atopeina máis modernizada, iso si, non é a Galicia que eu deixei hai vinte e tantos anos.

Ti chegas a Ourense moi novo, con só 13 anos. Como foi esa experiencia? Como era vivir na Cidade dos Muchachos?

Chegamos a Ourense en 1969. Eramos os primeiros negros en Ourense e a xente flipaba con nós. 'É que tedes unha cara tan difícil', dicían. Tiñamos pensado estar cinco anos, pero despois cambiou a situación política en Guinea, rompéronse as relacións diplomáticas con España, e quedamos aquí 20 anos. A Cidade dos Muchachos foi un experimento, que quería demostrar que se podía crear outra sociedade. O circo era o máximo. E foi a miña casa, a mellor experiencia da miña vida. Todas as ensinanzas que eu fun aplicando despois en Guinea aprendinas naqueles anos.

Regresas a Guinea en 1990. Nese momento tiñas xa a idea de formar a escola de circo?

Eu volvo coa idea de despregar todo o que eu sabía entón, na agricultura, no teatro, no circo..., porque non había nada. Cando chega un torto ao país dos cegos convértese en rei. Ao final centreime máis na parte cultural, porque era a que estaba máis atrasada; a agricultura máis ou menos íase facendo, de xeito tradicional; e na sanidade a cooperación española e francesa ían facendo avances.

"Guinea é unha república moi nova e somos varias etnias (isto en África é moi importante), e con estas actividades imos creando sociedade, unha sociedade sen prexuízos, e achegando as distintas etnias, que non están en absoluto cohesionadas"

Tivo moito éxito entón, non?

A Escola tivo moito éxito, porque alí non hai nada, sobre todo para a mocidade. Cando abrín a escola de circo todos os rapaces de Malabo querían entrar, porque non había outra oferta cultural ou formativa. E o mesmo pasou co teatro: comezamos a montar obras e obradoiros de teatro, cun éxito tremendo. Así había obras nas que participaban 80 actores, porque a xente non tiña outras opcións e gustáballes moito.

Cambiou algo a situación? A xente pode dedicarse profesionalmente á cultura?

Ninguén vive da cultura en Guinea, ninguén vive do teatro, ninguén vive da música. En realidade nós estamos creando unha semente, non esperamos vivir disto. Xa non miramos a parte económica, senón sobre todo a parte social: Guinea é unha república moi nova e somos varias etnias (isto en África é moi importante), e con estas actividades imos creando sociedade, unha sociedade sen prexuízos, e achegando as distintas etnias, que non están en absoluto cohesionadas. Unha cousa moi importante para nós é enviar fóra os rapaces, para que poidan formarse, e conseguir bolsas para que poidan aprender no estranxeiro e volver despois.

"Na obra quería falar do que se pode chamar migración positiva. Un sae do seu país, vai aprender a outro lugar para despois regresar e ensinar o que aprendeu"

Neste senso sería importante o apoio das institucións galegas?

Si, a través desta obra quero facer un chamamento ás institucións galegas para que apoien o desenvolvemento da cultura en Guinea e a formación dos rapaces no estranxeiro, para que despois poidan axudar ao seu país de orixe. Non temos bolsas nin axudas para poder estudar noutros países. Necesitamos que os nosos rapaces aprendan teatro, música, audiovisuais..., con dous anos que pasen en España despois xa poderían volver a Guinea para estender todos eses coñecementos. Os actores que están comigo na obra son os meus alumnos e tamén alumnos dos meus alumnos. Eu na obra quería falar do que se pode chamar migración positiva. Un sae do seu país, vai aprender a outro lugar para despois regresar e ensinar o que aprendeu. En África hai poucas escolas para a formación artística, así que cando saes fóra tes claro que o que aprendes tes que levalo de volta.

E como é a situación política e económica do país?

Nós procuramos evitar os comentario políticos, pero quen queira saber como está a política en Guinea pode sabelo lendo por aí. A nivel económico temos petróleo, o país ten moita riqueza, pero non abonda con ter riqueza, senón que importa como se manexa.

"As xeracións máis novas seguramente non saben que nós fomos unha provincia máis e que aprendíamos a xeografía e a historia de España como os nenos que estaban aquí"

Guinea foi unha colonia española durante varias décadas, pero dá a impresión de que España dálle as costas ao que sucede nese país. Sentídelo así?

Todo guineano ten unha relación sentimental con España. O que pasa é que a colonización de España en Guinea foi moi limitada; só uns poucos españois estaban alí e hoxe case non se sabe nada en España daquel proceso. As xeracións máis novas seguramente non saben que nós fomos unha provincia máis e que aprendíamos a xeografía e a historia de España como os nenos que estaban aquí. E aínda hoxe somos o único país de toda África que ten o español como lingua oficial. A colonización de Guinea foi feita por uns poucos, que sacaban madeira e beneficio de aí. Cando a ONU pediu a abolición das colonias, España lavou rapidamente as mans. Hoxe estrañámonos de que en España non se saiba nada de Guinea. Xa non digo doutros lugares de África, que para moita xente é coma se fose un único país, non distinguen entre uns países e outros.

"Galicia e Guinea teñen unha relación moi especial. Gran parte dos colonos que chegaban a Guinea eran galegos. A independencia mesma de Guinea foi alí a asinala Manuel Fraga"

Tes morriña de Galicia?

Eu son galego, dalgunha maneira. Eu marchei de Guinea con 13 anos e volvín máis de vinte anos máis tarde, o que non é unha broma. Eu crieime en Galicia, fun á Universidade de Santiago e a miña cultura en parte é galega. E como bo galego sinto morriña de Galicia cando estou en Guinea: as paisaxes, as cancións, a comida..., iso non o podo evitar. Galicia e Guinea teñen unha relación moi especial. Gran parte dos colonos que chegaban a Guinea eran galegos. A independencia mesma de Guinea foi alí a asinala Manuel Fraga. Esa era a xente de España que nós coñecíamos.

"A obra tenta reflectir as miñas dúas vidas: a galega e a guineana e queremos transmitir esa idea: que unha persoa pode ser galega e africana ao mesmo tempo e ter o mesmo sentimento polas dúas culturas"

Iso é o que queres reflectir na obra? Esa relación entre Galicia e Guinea, o teu propio sentimento a cabalo entre os dous lugares?

Quico [Cadaval] animoume a escribir unha obra na que contara a miña vida galega e a miña vida africana, e pareceume interesante. Cando volvín a Guinea nos anos noventa era máis galego que africano. Dende entón fun redescubrindo tamén a miña parte africana. A obra tenta reflectir as miñas dúas vidas: a galega e a guineana e queremos transmitir esa idea: que unha persoa pode ser galega e africana ao mesmo tempo e ter o mesmo sentimento polas dúas culturas. A miña etnia é a fang. E construímos a miña africanidade sobre a etnia fang: os instrumentos, as cancións... E tamén hai música galega: canto o Himno Galego, Catro Vellos Mariñeiros... Facemos unha fusión entre a cultura fang e a cultura galega.

Manoliño Nguema © Agareso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.