Unicornibot: disco, vídeo e xira europea

Unicornibot Dominio Público Matapadre

Unicornibot están de estrea. Este mércores publicarán o seu terceiro álbum, Mambotron, que sucede a Hare Krishna (2010) e Dálle (2012), e que dende hai uns días se pode escoitar a través da web de Mondosonoro. Ademais, dende hoxe pode verse o vídeo do primeiro single do disco, Liceo mutante, unha homenaxe á asociación cultural pontevedresa, e en palabras da banda, "a máis suave e bonitiña. A canción é alegre e saltarina aínda que ao final dá un pouco de caña coma o Liceo".

Mambotron supón a confirmación dunha das grandes bandas emerxentes e con máis proxección internacional do Estado, un disco editado por Matapadre e que foi rexistrado en directo nos Estudios Brazil por Javier Ortiz. A portada foi deseñada polo artista francés Yoan Puisségur.

O 13 de setembro presentarán o disco na Zona C de Santiago de Compostela. Será o primeiro concerto dunha intensa xira de 24 actuacións que os levará por Madrid, Zaragoza, Barcelona, Málaga, Valencia ou Sevilla, entre outras cidades españolas, e tamén a 11 localidades de Francia, Holanda e Bélxica. Tamén actuarán, xa en outubro e novembro, en Pontevedra, A Coruña, Lugo e Ferrol.

 

Unicornibot Dominio Público Matapadre
Unicornibot Dominio Público Matapadre

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.