USCénica celebra a súa segunda edición cunha mostra da mellor arte escénica do momento

Montaxe de Em-na, de Colectivo Glovo, presente no USCénica © Carlota Mosquera

“En tempos complexos coma os que vivimos, poucos elementos teñen tanta capacidade de contribuír á dinamización e reforzo das relacións sociais e persoais como a cultura”, salientan desde o festival que está en marcha en diversos espazos de Compostela

O xeito en que o corpo se sitúa na vibración. A vibración e o silencio resultante no corpo do outro. Dunha investigación arredor deste conceptos xurdiu Em-na, a peza que, en formato breve de rúa, levou o colectivo Glovo á II edición do programa de artes escénicas da USC USCénica. Esta compañía de danza, formada por Esther Latorre e Hugo Pereira, presentara hai pouco esta mesma peza na súa versión de sala no Teatro Principal de Santiago. O nome, Em-na, vén do portugués em -Hugo é portugués- e do galego na. Estar en. Que leva aos creadores á idea do mantra Om. O detonante, explica Latorre, foi a vibración e a súa capacidade de transformar o corpo. Xurdiu do ioga, do resultado da vibración que no corpo produce o mantra Om, xunto ao silencio que vén despois. No caso da peza é unha vibración sonora, derivada do espazo sonoro producido por Babykatze. Vibración que produce frecuencias no corpo, levando a distintos movementos.

Dous obxectos son especialmente importantes nesta peza. Un, un ventilador a xeito de péndulo que saúda os bailaríns nada máis comezar. “A peza é como unha viaxe que comeza cun estado comprimido, controlado, ata que ao final chega o desabafo”, indica Latorre. O ventilador produce un aire artificial e leva a un movemento marcado polos desequilibrios. Os bailaríns seguen o péndulo, déixanse levar por el. Cara o medio da peza proxéctanse nunha pantalla unhas imaxes dunha praia na que danzan os bailaríns. A area é movida polo vento. Volve, así, o aire, mais é un aire máis natural. Despois, a area sae da pantalla para aparecer no escenario. E é, explica Latorre, como un animal que nace da area. Como un renacemento. Como o inicio dunha nova Terra.

“Creamos o movemento moito por improvisación a través da música, a través das frecuencias de son”

Polo medio hai coreografías variadas. Os intérpretes pasan por diversos estados: comprimindo e estirando os corpos, achegándose e afastándose, variando o ritmo da súa vibración. “Creamos o movemento moito por improvisación a través da música, a través das frecuencias de son. Falamos moito entre nós das sensacións que tiñamos e cada un ía propoñendo o que a música lle suxería: estirar, contraer… Tamén é moi importante o silencio, a procura de como apousentar o movemento do corpo”. Todo buscando tamén “unha viaxe moi orgánica, moi natural, sen presións, sen imposicións”, engade. O proceso de creación foi, polo demais, relativamente longo. “Empezamos e despois veu o confinamento. Despois retomamos e a peza xa cambiara. A peza ten, así, unha parte xaponesa relacionada coa insinuación, co que non se di pero pode entenderse. Porque viñamos dun momento en que as persoas aprenderan a observar máis os corpos pola rúa, a tentar lelos”, di.

Imaxe de Colectivo Glovo na montaxe Em-na © Carlota Mosquera

Em-na fala así, tamén, do que o corpo di e entende. Corpo sensible, corpo casa, corpo enigma, corpo social e corpo habitado. Corpo social “porque hai unha sociabilidade entre nós e a escena”, apunta Latorre. Corpo enigma porque hai silencios, aspectos que se insinúan. Corpo habitado porque é un corpo instintivo, visceral, orgánico. Corpo casa porque é “un lugar onde nos sentimos confortables, seguros, confiados”. E corpo sensible porque é reacción á vibración. Nun momento, o corpo berra, a través dunha boca que imita o xesto do berro sen emitir sons. É cara o final, cando chega o desabafo. Significa, segundo Latorre: estou aquí, entendín por todo o que transitei e deixei fóra o que precisaba limpar. A peza pasa, así, polo caos, a orde, a pasividade, a receptividade, o eco da mente proxectado no corpo cambiante. Propoñendo un momento de paz ante unha mente desbordada, necesitada de silencio. Afondado no animal, no instintivo, no intuitivo. 

Mais USCénica comezara xa, en realidade, antes da actuación do colectivo Glovo. Na primeira xornada, Yago Vázquez Trío ofreceran un concerto na terraza do auditorio da Universidade. Tras a peza do colectivo Glovo foi a quenda, seguindo co teatro, de Clausura do Amor, de Cámara Negra Teatro, dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio. Un relato dunha ruptura amorosa salvaxe, descarnada, no que dúas persoas combaten corpo a corpo, palabra a palabra. Como un xuízo público ante o que o espectador pode irse posicionando de diferentes maneiras. Para el, a relación fora ficción. Para ela, todo realidade. E é o público o que debe decidir quen conta máis a verdade. Entre discursos crueis, pouco empáticos, sobre todo por parte del. Unha peza moi exixente física e emocionalmente para os actores, Teté García e Xosé M. Esperante, que fan un traballo excelente seguido, ademais, de perto por unhas cámaras, con cuxas imaxes se realiza unha montaxe en directo.

USCénica, que xa na súa primeira edición destacara pola calidade das súas propostas, segue o venres 25 no Teatro Principal ás 21:00 horas con A Casa da Forza, (2, 52-88), de Angélica Liddell, interpretado pola aula de teatro da USC. Unha montaxe realizada a través dun traballo de dramaturxia feito coas páxinas 52 a 88 do texto A casa da forza de Angélica Lidell, unha das dramaturgas e directoras máis relevantes da actual escena teatral española.

Haberá no xardín da Universidade unha proxección en vídeo da montaxe de Matarile Teatro Los limones, la nieve y todo lo demás

O sábado 26 Belén L. Yáñez realizará na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño a partir das 21:00 horas pases de Encounters, unha vídeo instalación interactiva na que se convida os espectadores e establecer un diálogo, explorando a noción de separación usando as súas mans para comunicarse a través do sentido do tacto e do movemento. Ás 23:00 haberá no xardín da Universidade unha proxección en vídeo da montaxe de Matarile Teatro Los limones, la nieve y todo lo demás. Baltasar Patiño, iluminador e membro de Matarile Teatro, terá ademais un encontro co público o martes 29 ás 20:00 horas na sala Roberto Vidal Bolaño, mentres que actriz, directora e dramaturga Ana Vallés, a súa compañeira en Matarile Teatro, fará o mesmo o martes 6 de xullo ás 20:00 no mesmo lugar.

O programa do 29 de xuño completarase cun concerto de The Swinging Flamingos na terraza do Auditorio da Universidade. O mércores 30, na sala Vidal Bolaño, ás 21:00 e 21:45 horas, poderá verse Insomnio de Calamar de David Creus Andrade, unha performance creada para o ciclo de poesía Poetas (Din)versos a partir do libro Insomnio de calamar. “Silencio. Estradas envolventes coma nun soño. Silencio. A difícil tarefa de entendernos socialmente. As figuracións. Silencio. Que se pregunta, que se pregunta, que se pregunta? Que se pregunta? BUFFFF…FICCIÓN? BUFFF…Ou querer dicilo e posuílo TODO, querer dicir ALGO importante, facer algo importante de forma sólida, porque haberá algo importante, non é? O AMOR. Silencio. Unha solución a un problema que é o existir cando UN SE MIRA, cando un se detén. Silencio. Un home que intenta escribir un poemario para un evento e que se desposúe, se separa e mira coma un estraño. Un grito (O GRITO). No Atlántico Norte estaremos a salvo!!!”, subliña a sinopse da obra.

Esther Latorre e Hugo Pereira forman Colectivo Glovo © Carlota Mosquera

O xoves 1 de xullo ás 21:00 horas o Salón Teatro acollerá a peza teatral de Diego Anido O alemán. Os iogures levan a data da súa morte tatuada na pel. Que cruel condena. Que horrible destino. Deste feito parte O alemán, montaxe que Anido recuperou para os escenarios, tras unha proposta de Teatro Ensalle, máis de dez anos despois. Hai pouco representouna no Teatro Principal, en Santiago, e a conexión co público volveu ser inmediata. Non só polo humor, senón pola radical humanidade que desprendía todo. Da empatía ao sacrificio. Do tenro ao terrible. As contradicións humanas. E o acerto das cousas ben feitas.

O venres 2 de xullo o bailarín e coreógrafo Javier Martín achegará ao Teatro Principal ás 21:00 horas a súa peza Teorema, que indaga nas relacións entre a interioridade e a exterioridade do corpo, animando a cuestionar as inercias a través das que nos percibimos. “En esencia”, explicou Martín nunha entrevista con Praza, “todo é quietude/movemento e segundo o seu grao de vibración, segundo a súa frecuencia e lonxitude de onda, convértese en materia, distancia, luz, son...: intensidades. Os diferentes niveis de vibración da materia circunscriben o seu estado físico, a súa temperatura, mobilidade, a súa transformación, a súa disposición... A idea que temos sobre os nosos sentidos, a súa funcionalidade, é unha construción cultural, un acordo. Definir un órgano sensorial dun xeito unívoco limita a súa realidade ou capacidade de acción. Dependendo das nosas expectativas sobre a funcionalidade dunha ferramenta, permitirannos atopar determinados usos e non outros”.

O traballo de Cinema Sticado caracterízase por facer en directo, cunha tecnoloxía creada por eles mesmos, teatro obxectual, teatro de sombras, teatro de monicreques e teatro de actor

O sábado 3 de xullo será a quenda de Cinema Sticado, que levará ás 21:00 horas á sala Roberto Vidal Bolaño Strpts, unha das historias de Mirlo e Rita. O traballo de Cinema Sticado caracterízase por facer en directo, cunha tecnoloxía creada por eles mesmos, teatro obxectual, teatro de sombras, teatro de monicreques e teatro de actor cunha estética próxima á da banda deseñada ou do cine negro. Nesta peza, Un home sixiloso (Mirlo) e unha muller soñadora (Rula) cruzarán os seus destinos nunha fuxida inesperada por culpa dun segredo a voces, unha fuxida tinguida de intriga e sangue nun mundo en desequilibrio coa natureza e os dereitos sociais e ateigado de corrupción política. O mesmo día ás 23:00, nos xardíns do Auditorio da Universidade, a compañía de teatro IlMaquinario proxectará en vídeo a súa montaxe Resaca. O martes 6, ás 22 horas na terraza do Auditorio da Universidade, un concerto de Iago Mourinho Trío completará o programa aberto co encontro con Ana Vallés. 

O mércores 7 de xullo, a sala Vidal Bolaño acollerá ás 21:00 horas Phármakon, de Pablo Seoane, unha peza musical e escénica para viola, óboe, corno inglés, dous actores e unha creadora visual composta a partir das traxedias clásicas Antígona (Sófocles), Medea (Eurípides) e As Bacantes (Eurípides). A obra indaga en tres aspectos comúns a todas elas: a relación entre o chibo expiatorio e a comunidade, os inestables límites da identidade persoal e a clásica iconografía na que adoitan presentarse tanto esa relación como esa inestabilidade. Por baixo destes tres aspectos alenta un substrato dionisíaco entendido aquí, lonxe das alporizadas interpretacións habituais, como ‘o elemento silencioso e poderoso do vexetativo’, en palabras do helenista Karl Kerenyi, segundo pode lerse na sinopse da peza.

O xoves 8 chegará á Igrexa da Universidade ás 21:00 horas Clásicas desfeitas, Vol 3, obra dirixida por Gena Baamonde, Rut Balbís e Manu Lago e creada por Gena Baamonde, Rut Balbís, Cristina Balboa, Sabela Domínguez, Julia Laport, Manu Lago, Verónica Moar, Jas Processor, Andrea Quintana e Paula Quintas. Clásicas Desfeitas Vol. 3 é un proxecto xerado a través das residencias REGA en coprodución coa Fundación Cidade da Cultura coa colaboración do Centro Dramático Galego. Unha mirada compartida arredor do tempo e a identidad que xira arredor de tres eixes de inspiración principais, o Orlando de Virginia Woolf, o Mito de Sísifo de Albert Camus e A Consagración de la Primavera de Igor Stravinski. Un xogo que cuestiona o propio canon e o propio feito artístico, partindo dun discurso centrado no corpo, segundo indica a sinopse.

O venres 9 de xullo poderá verse a peza Santa Inés, da escritora e actriz Lorena Conde, no Teatro Principal, interpretada por Inés Salvado e con música de De Vacas. Santa Inés é o título dun dos libros de Lorena Conde, segundo Gena Baamonde “palabra feita corpo, moldeada a pé de escena, de creadora a creadora coa firmeza dun compromiso valente de exploración que non se detén no papel. Convite libertario a un diálogo creativo atravesado dunha poética precisa, icónica e afiada”. 

A feroz Santa Inés “coa afouteza de ser libre, camiñando sobre la, sen reparar na grea de lobos que fan do camiño un matadoiro cheo de ouveos sedentos, que olen sen descanso o territorio dun corpo inabarcable de corazón flamíxero. Imaxes turbadoras cargadas dunha simboloxía que acabamos por sentir como propia”. O sábado 10 de xullo rematará o programa, ás 21:00 horas na sala Vidal Bolaño, coa performance de Ana Gesto Concerto para Ferreñas de do de peito (da capo al fine) e, xa ás 22:00 horas, na terraza do Auditorio da Universidade, cun concerto de Marta Casais e Benjamín Vázquez. 

“En tempos complexos coma os que vivimos, poucos elementos teñen tanta capacidade de contribuír á dinamización e reforzo das relacións sociais e persoais como a cultura”, apuntaron dende a organización de USCénica na presentación do programa. Por iso a USC “reforza a súa aposta por aquilo que nos une e nos inspira, por todas e cada unha das súas formas. É a cultura USC”, segundo recolle o xornal da USC. O programa completo do festival, así como as localizacións específicas pode consultarse nesta ligazón. As entradas só poderán retirarse o mesmo día da función nos espazos onde se programa cada espectáculo a partir das 19.00 horas O acceso é de balde aos concertos, encontros e proxeccións, previo paso polo despacho de entradas. O acceso ás funcións programadas na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño, Teatro Principal, Salón Teatro e Igrexa da Universidade teñen un prezo de 3 euros e a recadación será destinada ao Banco de Alimentos de Santiago e Compostela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.