Xosé Vázquez Pintor envía este poema, co que quere despedirse e lembrar a Avelino Pousa Antelo:
amigas e amigos, vai este poema para avelino, que nunca se negou, por se hai espazo e tempo.
as apertas de buxo e de sobreira, e a memoria en sempre,
Meu bailador
Nacías nesta mañá de hai mil anos
e eu gastaba paraugas e chapeu
de primavera cando xoves catorce no Obradoiro
brincaba a luz en auga de amorodos.
Un nubeiro entrara polo mar de Vigo e viña afoute
en paso predador para esta Lingua:
levan odio e cinsa das penúltimas borraxas.
Caro Avelino, a Pousa de Antela viste en ti
e na lagoa das aves hai memoria dos teus pasos
cara ao Val do Xálima onde aquela noite era unha festa
de convivio cos irmaus de lonxe: a voz da gaita
e o tamboril que ghobernabas pra danza da muiñeira
e as noventa e cinco lagaradas e todos os paxaros
de acollida no teu ombro e no teu colo. Señor das risas,
terramar, buxaina, alborecida…sempre estás aí,
coma aloumiño e forza que non cesa.
Painoso bailador de tantas albas!
Xosé Vázquez Pintor
Quian, 14 de maio 2009