"Vexo Rompente constantemente: na crise económica, na situación do país que temos hoxe"

Alberte Valverde © Universidade de Vigo

"Rompente é un espazo de convivio, de diálogo, e de experimentación. Foi o acicate necesario que houbo na Transición para renovar por completo o campo literario galego". O pasado mes de decembro Alberte Valverde presentou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento, Elementos para a descrición e análise da vangarda no final do século XX na Galiza: o grupo Rompente (1975-1983)dirixida por Burghard Baltrusch. O traballo, unha biografía artística de Rompente, serviu para organizar, sistematizar, dixitalizar e dar a coñecer os textos poéticos, teóricos e performáticos do grupo, tanto os xa publicados e coñecidos, como unha morea de inéditos. "Ante a falta de interese de todas as editoriais" por publicar a tese -destaca-, o obxectivo inmediato é que estes textos, especialmente os inéditos, sexan difundidos a través da web, nun proxecto que deberá concretarse á volta do verán.

O obxectivo inmediato é que estes textos, especialmente os inéditos, sexan difundidos a través da web, nun proxecto que deberá concretarse á volta do verán

A maior parte dos textos inéditos que esta investigación saca á luz estaban nas propias bibliotecas persoais dos integrantes do grupo. Por exemplo, Alfonso Pexegueiro conservaba un inédito teórico de 1977, aínda que a meirande parte das descobertas foron feitas grazas a Manolo Romón, "auténtico arquiveiro de Rompente", destaca Alberte Valverde. Ademais dos textos poéticos, Valverde destaca a importancia dos traballos teóricos sobre Teoría da Literatura, política ou ideoloxía na Galicia da Transición, "cunha importancia moi grande para o campo literario galego, porque fan unha reflexión na súa propia contemporaneidade". E despois habería un terceiro grupo de textos, os máis deles inéditos, que serían os textos performánticos. "Rompente son os primeiros que traballan a performance de xeito serio, non como simples espectáculos poéticos. Os documentos das performances estaban inéditos, a única información que tiñamos era a través da prensa da época ou por exercicios memorísticos", sinala

Rompente nace no verán de 1975, polo impulso de Alfonso Pexegueiro e Antón Reixa, e nos anos seguintes, ben como Grupo de Resistencia Poética (1975-1977), ben como Grupo de Comunicación Poética (1978-1983), funcionou como un espazo de creación polo que pasaron outros poetas, nomeadamente Camilo Valdehorras, Alberto Avendaño ou Manolo Romón. Porén, aos poucos Rompente foise nucleando ao redor de Reixa, Avendaño e Romón, até a súa disolución en 1983. Tanto nas tres obras colectivas publicadas (Silabario da turbina, ¡Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio! e A dama que fala) coma nas obras individuais dos seus membros (Facer pulgarcitos tres, As ladillas do travestí e galletas kokoschka non), Rompente racha con todas as convencións da poesía e a cultura que ata entón se fixeran en Galicia.

"Sempre estivemos demasiado centrados no canon, pero hai territorio máis aló do canon. O interesante é ver como se forma o canon literario galego na Transición"

"Sempre estivemos demasiado centrados no canon, pero hai territorio máis aló do canon. O interesante é ver como se forma o canon literario galego na Transición", destaca Alberte Valverde. "Para min Rompente é o acicate necesario que houbo na Transición para renovar por completo o campo literario galego. Por riba da importancia de calquera obra importante naquel tempo, que se Con Pólvora e Magnolias ou Seraogna, Rompente como colectivo representa claramente como foi o cambio de mentalidade", engade. 

Rompente distánciase das tradicións folcloristas ou socialrealistas dominantes na cultura galega do momento, sinala Valverde. "Eles chegan á conclusión de que a poesía socialrealista de Celso Emilio ou de Manuel María non calla na sociedade. Polo tanto eles propoñen unha reformulación do discurso socialrealista. E por iso aparecen aí unha serie de capitais simbólicos que eles reclaman. Por exemplo a figura de Pasolini, de Hikmet, que poñen riba da mesa para transformar radicalmente o campo literario". Rompente de ningún xeito vive ou crea de costas á realidade. Todo o contrario: Valverde subliña que os textos do grupo non se poden entender “sen ler Teima, coñecer os conflitos de Ascón, entender o concepto subproletariado formulado por Xosé Manuel Beiras ou as aproximarse ás diferentes lecturas do marxismo da época”.

"Nos oitenta" -subliña- "hai un grupo de axentes literarios, cunhas características moi específicas, que son os que ocultan o seu traballo"

O seu impacto foi grande no seu momento ("Rompente nese momento tiña unha repercusión a nivel social enorme, cunha gran presenza na prensa", destaca Valverde), pero ao longo dos oitenta "desaparece por completo, non se fala deles". "Nos oitenta" -subliña- "hai un grupo de axentes literarios, cunhas características moi específicas, que son os que ocultan o seu traballo". A xeración de poetas dos 90 recupéraos, reclámaos, por exemplo Ronseltz. "En Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados hai unha recuperación de Rompente como un capital simbólico escollido para oporse ao pai. Quen é o pai? A poesía dos 80, que os poetas de Rompente denominan como venecianos e os poetas dos 90 denominan formalistas"explica Valverde. 

"Para min Sitio Distinto é puro Rompente e aí danse cita unha serie de axentes culturais que hoxe teñen moitísimo peso"

O autor salienta que "ultimamente vólvese falar moito de Rompente, cando se bota a vista atrás, cara á Transición. Pero tamén eu hoxe vexo Rompente constantemente, na crise económica, na situación do país que temos hoxe, na renovación do galeguismo...". "O máis interesante", conclúe, "é que non é simplemente un artefacto literario, é un artefacto cultural. Establecen conversa con pintores, con músicos... E ese traballo multidisciplinar chega até o Sitio Distinto de Reixa en 1989. Para min Sitio Distinto é puro Rompente e aí danse cita unha serie de axentes culturais que hoxe teñen moitísimo peso".

Alberte Valverde © Universidade de Vigo
'Silabario da Turbina' © Universidade de Vigo
'Fóra as vosas sucias mans de Manoel Antonio' © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.