Viaxe a ningunha parte, de Sarabela Teatro, con 10 nomeamentos, e Tokio 3, de Voadora, con 9, son as producións cun meirande número de finalistas para os Premios Maria Casares, que se entregarán na Coruña o 27 de marzo, coincidindo co Día Mundial do Teatro e será retransmitida pola TVG. Con 5 nomeamentos está O metodo Grönholm, con 3, Galicia Caníbal, e con 3, Currículum Vitae, Decamerón. Historias para tempos ruíns, A función do tequila, Malos Hábitos e Pequenos actos pseudorrevolucionarios que non serven para cambiar o mundo, pero fan que quedemos máis tranquilos.
Os finalistas anunciáronse este mércores nun acto realizado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames) e conducido pola actriz Isabel Risco.
Nuncabunga (Elefante Elegante SC), Tokio3 (Voadora) e Viaxe a ningunha parte (Sarabela) optan ao premio ao mellor espectáculo. Ánxeles Cuña (Viaxe a ningunha parte), Marta Pazos (Tokio3) e Xúlio Lago (O método Grönholm) ao premio ao mellor director/a. Artur Trillo (O método Grönholm), Hugo Torres (Tokio3), Manuel Manquiña (A Función do Tequila), Víctor Mosqueira (Románticos!) e Xosé Manuel Olveira “Pico” (Kafka e a boneca viaxeira) ao premio ao mellor actor. E Ana Santos (Desfeitos), Camila Bossa (Malos Hábitos), Iolanda Muíños (Malos Hábitos), Marián Bañobre (Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios...) e Marta Pazos (Tokio3) ao premio á mellor actriz.