O vindeiro 20 de novembro o director do MARCO Iñaki Martínez Antelo abandonará o seu cargo. É algo coñecido dende hai case un ano, dende que en decembro anunciara a súa renuncia debido, entre outros motivos, á falta de apoio institucional ao museo vigués e aos recortes orzamentarios. Os meses foron pasando sen que dende o Padroado do museo se aclarase o seu futuro nin se iniciase o proceso para a selección dunha nova persoa para a dirección.
A situación foi xerando cada vez máis críticas entre colectivos profesionais e culturais, pronunciamentos de docentes das tres universidades galega, da Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva) ou da Xunta de Goberno da Facultade de Belas Artes. Sobre todo despois de que o Concello de Vigo se fixese co control do Padroado da institución e de que o alcalde Abel Caballero anunciase que introduciría cambios no funcionamento da institución e nos propios contidos e proxecto de museo para que fose “adecuado ás demandas de Vigo", signifique o que signifique isto.
Hai dúas semanas a Agrupación de Amigos do MARCO lanzou un manifesto que reclama "información sobre os plans que afectan ao futuro" do museo e esixe "que se apoie e reforce este proxecto, que se foi consolidando con éxito ao longo de 15 anos, e que pode correr serio risco de desaparecer como espazo profesional e independente dedicado á cultura e a arte contemporánea". O texto, que xa foi apoiado por case cinco mil persoas, e por boa parte das entidades e profesionais da cultura en Vigo e en toda Galicia, pide que o museo "non perda a identidade que o caracterizou", de xeito que poida seguir contribuíndo "a potenciar unha identidade de progreso para a cidade". Falamos coa presidenta da entidade, Daniela Sarraíno.
"Dende a Agrupación de Amigos do museo pedímoslle unha cita á Alcaldía de Vigo, xa a comezos de setembro, e aínda non conseguimos que nos recibira"
Hai case dous meses solicitastes ao Alcalde de Vigo manter unha xuntanza para poder ter información sobre o futuro do museo. Como está a situación? Houbo avances nas últimas semanas?
Efectivamente, dende a Agrupación de Amigos do museo pedímoslle unha cita á Alcaldía de Vigo, xa a comezos de setembro, e aínda non conseguimos que nos recibira. E non temos máis noticias sobre o que vai ser o futuro do MARCO. Neste momento a planta baixa está completamente baleira; ía haber unha exposición de fotografía, pero foi cancelada. Todo isto o que fai é aumentar a inquedanza, a preocupación e a incerteza que temos, tanto a propia Agrupación de Amigos do MARCO como todas as persoas que apoian a continuidade do proxecto.
Este mércores celebrouse no Ateneo de Vigo un debate sobre o futuro do museo. Como resultou?
Había distintas posicións representadas e eu esperaba que houbese un gran debate sobre o que debe ser o museo e sobre a súa continuidade. Pero creo que realmente ese debate non se deu. As persoas que participaron expresaron a súa opinión, de forma tranquila e educada, o que está moi ben, pero faltou esa confrontación de ideas. A impresión que me queda é que a maior parte das persoas que participaron defenden a necesidade de que nos vindeiros anos continúe o actual modelo do MARCO.
"Non se está tendo en conta que o MARCO é un referente cultural na cidade e un dinamizador social e cultural que funcionou moi ben"
En calquera caso, o tempo vai pasando e xa estamos a menos dun mes dese 20 de novembro no que Iñaki Antelo abandonará a dirección, de momento sen substituto. Isto incrementa a incerteza sobre a continuidade do museo?
Si, vai pasando o tempo, non sabemos o que vai pasar e xa case estamos chegando a esa data. Houbo algunhas declaracións oficiosas e rumores, fálase de que se vai reformular toda a rede museística, de que se vai remodelar a programación e os contidos de todos os centros. Pero creo que non se está tendo en conta que o MARCO é un referente cultural na cidade e un dinamizador social e cultural que funcionou moi ben, con 117 exposicións e 93 mil visitantes en 15 anos. Evidentemente, resentiuse da falta de apoio de certas administracións, polo que a actividade foi reducíndose en comparación coa que houbo nos anos iniciais do museo. Pero é un dos centros da cultura na cidade.
Que perdería a cultura e a arte galegas se o MARCO finalmente desaparece?
O que se expón pódelles gustar a unhas persoas e a outras non gustarlle, pero a arte contemporánea é necesaria: é a forma de expresión actual, a linguaxe artística deste momento. Nun lugar no que temos unha Facultade de Belas Artes coma a de Pontevedra, como nos imos agora pechar á arte contemporánea? No MARCO déuselle sempre un amplo espazo aos artistas galegos e a comisarios de aquí. Ao tempo que facía isto, o museo tivo exposicións de artistas internacionais e o museo e a propia Agrupación de Amigos conectámonos con outras institucións e entidades de toda España e doutros países. Fíxose un labor moi importante de interconexión. É unha mágoa que todo este traballo se desaproveite.
"Vigo é unha cidade moderna. E sería unha pena que perdese a posición vangardista que sempre tivo"
E que perdería Vigo, tanto a súa vida cultural como a nivel de imaxe de cidade?
Vigo é unha cidade moderna. Tivo sempre unha gran cantidade de movementos de vangarda e segue a habelos, tanto na arte, como na música, como na moda. E sería unha pena que Vigo perdese esa posición vangardista que sempre tivo. A sociedade viguesa ata agora tivera moitos contedores culturais pero poucos contidos, e coa creación do MARCO por fin había un contedor con contidos. Evidentemente, a arte contemporánea é minoritaria, non xera grandes colas de xente para ver unha exposición. Por outra banda, é máis fácil mercar unha exposición xa feita, dun artista coñecido, pero no MARCO estábase facendo un traballo que ía moito máis alá, baseado na investigación, no desenvolvemento do coñecemento, no museo como xerador de estímulos.
"A sociedade viguesa ata agora tivera moitos contedores culturais pero poucos contidos, e coa creación do MARCO por fin había un contedor con contidos"
Eu cando cheguei a Vigo, hai xa moitos anos, o primeiro que fixen foi ir a Castrelos, ao Museo Quiñones de León. E está moi ben, para coñecer a cidade, pero non ten moitas visitas e sobre todo non xera actividade, relación coa cidade. Despois, coa creación do MARCO, si que houbo un espazo que conseguía dinamizar a vida cultural en Vigo, con cursos, talleres, proxeccións..., que máis aló das exposicións contribuíu a crear unha mensaxe cultural global.
E que un museo, sobre todo un museo de arte contemporánea, é algo máis que un edificio no que almacenar ou no que expor unha serie de obras...
Moito máis. Hoxe en día os museos concíbense dende un punto de vista social, para encontros, para crear novas relacións, para un intercambio social. E isto pasou co MARCO e mesmo coa Agrupación de Amigos, que está formada por 400 persoas. Xeráronse novos grupos, redes, relacións, algo que en Vigo é especialmente importante, porque faltaban espazos onde facer isto.
"Non estamos a favor da compra de exposicións prefabricadas, que é unha moda que se está estendendo nun contexto da cultura entendida como espectáculo. Queremos, en cambio, que no museo haxa investigación, intercambio de ideas, traballo cos axentes locais da cidade"
Que habería que cambiar ou que mellorar, en todo caso, no funcionamento do MARCO?
Sería importante recuperar os apoios institucionais que se foron perdendo nos últimos anos, non deixar que sexa só unha administración -neste caso o Concello- a que apoie o museo. Hai que elixir para a dirección unha persoa con preparación, profesional, que poida desenvolver un proxecto propio que á vez teña en conta a traxectoria previa do MARCO. De igual modo, a programación sempre é mellorable, pero seguindo en todo caso unha liña coherente. Non estamos a favor da compra de exposicións prefabricadas, que é unha moda que se está estendendo nun contexto da cultura entendida como espectáculo. Queremos, en cambio, que no museo haxa investigación, intercambio de ideas, traballo cos axentes locais da cidade.
Unha das cousas que reivindicades é que a nova direccións sexa seleccionada de forma aberta, transparente, en base a méritos profesionais. E iso aínda non foi garantido...
Efectivamente, iso aínda non foi garantido por ninguén. O novo director ou directora debe ser profesional, debe escollerse con transparencia e de forma aberta, e debe ser libre e independente, non partidista. Estamos falando de cultura.
Que valoración facedes da actuación ata este momento do Concello de Vigo?
Os Amigos do Museo somos cidadáns sen adscrición política que nestes anos estivemos apoiando de forma voluntaria e desinteresada este proxecto. Por iso resúltanos tan chocante que ninguén nos diga nada, que no Concello non nos reciban. Dende que en decembro do ano pasado o actual director anunciou que abandonaría o seu posto, estivemos calados, non nos posicionamos publicamente, mentres que si había entidades que reclamaban a convocatoria dun concurso transparente e regrado. Estivemos tranquilos e confiados en que dende o Concello traballarían neste tema e o resolverían. Chegamos a setembro, pedimos unha cita para ter unha xuntanza e non nos responderon. E agora estamos xa a vinte e poucos días do abandono do director e seguen sen dicirnos nada. É un erro moi grave.
"O novo director ou directora debe ser profesional, debe escollerse con transparencia e de forma aberta, e debe ser libre e independente, non partidista"
Como está sendo recibido o manifesto que lanzastes?
Ante esta falta de resposta do Concello, decidimos lanzar o manifesto, primeiro só entre as persoas da Agrupación, que o apoiaron de forma masiva, e despois fixémolo público o 10 de outubro. Recibimos moitos apoios, de artistas, de museos de toda España, de asociacións, de moitísimos cidadáns de todo tipo, case cinco mil persoas. E unha representación moi importante do mundo da cultura en Vigo e Galicia. Creo que suficientemente importante, tanto cuantitativamente como cualitativamente e que as administracións deberían atender a este chamamento que facemos.
Cales son os vindeiros pasos? Tedes en marcha algunha nova acción?
Queremos facer moitas actividades na rúa, para informar á cidadanía do que está pasando. Neste traballo estamos tendo moita axuda de asociacións como A Colectiva. Ademais, presentaremos as sinaturas no Concello. E despois xa veremos. Queremos ser prudentes, en todo caso.