Vigo ensaia o préstamo de libros electrónicos

Captura de pantalla da aplicación © Concello de Vigo

O venres pasado o Concello de Vigo lanzou eBookVigo, unha plataforma que permite acceder de balde durante 21 días a un catálogo de ducias de libros electrónicos. Os únicos requisitos son ser usuario ou usuaria rexistrada da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas e ter máis de 16 anos de idade. O sistema introduce certos límites; por exemplo, só se poderá ter un máximo de dúas obras en préstamo simultaneamente. Ademais, aínda que se trate de formatos dixitais, se o exemplar xa está prestado, haberá que agardar a que o usuario o devolva, podendo iso si reservalo.

A de Vigo é unha das primeiras experiencias deste tipo en todo o Estado. Segue o ronsel aberto hai poucos meses por eBookPozuelo

A de Vigo é unha das primeiras experiencias deste tipo en todo o Estado. Segue o ronsel aberto hai poucos meses por eBookPozuelo (de Pozuelo de Alarcón), que emprega a mesma tecnoloxía.

Os libros poden lerse directamente na páxina da plataforma, a través de calquera dispositivo fixo ou móbil, e tamén se poden descargar ao ordenador persoal e lelos nel a través da aplicación gratuíta Adobe Digital Editions. Porén, advírtese de que "ocasionalmente, e en función das condicións establecidas polos editores, poderán encontrarse ebooks dispoñibles exclusivamente para aplicacións de lectura (Apple ou Android) e libros dispoñibles para descarga sen protección DRM".

Manuel Bragado, director de Xerais e presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), abeizoaba hai uns días no seu blog esta iniciativa e sinalaba que se podería presentar unha primeira valoración do seu funcionamento no simposio O Libro e a lectura, que a AGE organizará o vindeiro 14 de novembro en Compostela.

Captura de pantalla da aplicación © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.