Vigo: Guindastres

Guindastres © Niquelarte

Niquelarte, o blog de Patrimonio de Praza Pública, fala hoxe de guindastres: símbolo, pasado, presente e futuro? da cidade de Vigo.

 

Vigo é industria. Ferruxe vertical no horizonte dende o perímetro da Ría. Guindastres.

Monumentos. Paisaxe. Mostras dunha fracción histórico-tecnolóxica.

Máquinas que esmorecen nas súas funcións.

Ecosistema mudando.

Modo conservacción activado.

 

Guindastres.m. Máquina para levantar e levar grandes pesos dun punto a outro.Tamén se di grúa. (RAG)

Monumento. Construcción ou obra produto da actividade humana, de relevante interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, artístico, etnográfico, científico ou técnico. (LPCG)

O perfil litoral da cidade de Vigo está cheio de guindastres. Dende os inicios do século XX a cidade foi convertíndose pouco a pouco nunha vila moderna enfocada a aquelas actividades relacionadas coa industria do mar. O porto e as diferentes empresas privadas pedían sen parar diferentes tipoloxías de grúas para atender ás diferentes actividades relacionadas co naval, a conserva, o tráfico de mercadorías, o fluxo de persoas, etc. A día de hoxe estes seres de ferro perfilan o horizonte. Algúns seguen mantendo as súas funcións, outros xa se converteron en ferralla fundida pero moitos están aí, esperando. Hai historias agochadas nestes monumentos-máquina que forman parte xa do imaxinario colectivo, pero hai historias que ainda teñen que protagonizar. Guindastres pensando en como queren atravesar o novo século.

 

.- O Ecosistema: Do Vigo Industrial-Ao Vigo Imaxinado

Ecosistemas.m. Conxunto de seres vivos e non vivos que forman parte dun medio natural e que desenvolven entre eles e co seu contorno unhas interaccións mutuas. (RAG)

Sitio ou territorio histórico. Lugar ou paraxe natural vinculada a acontecementos ou recordos do pasado, creacións culturais ou da natureza e obras do home que posúan valores históricos ou técnicos. (LPCG)

 

.- Patrimonio Industrial ou o modo de pensar no futuro a través do pasado.

Patrimonio Industrial: conxunto de elementos de explotación industrial, xerados polas actividades económicas de cada sociedade. Este patrimonio relaciónase cun proceso de produción e un sistema tecnolóxico caracterizados pola mecanización, dentro dunha manifestación de relación social capitalista. (Definición do Plan de Patrimonio Industrial, IPCE-MCU)

Vigo é ante todo unha cidade industrial do século XX. Polo tanto é preciso por en práctica un proceso de reivindicación do industrial como un dos eixos patrimoniais da cidade. Alfageme, a Panificadora, a Fábrica de Santa Clara, o mundo da conserva e dos astaleiros.É preciso comezar a pensar na posibilidade dun Plan Director do Patrimonio Industrial. Mentres tanto, propoñemos un laboratorio de probas cos Guindastres establecendo unha proposta de conservación-acción que traballe sobre unha posible metodoloxía a seguir para emprender este tipo de proxectos.

Valorar v.t. Atribuír un determinado valor (RAG)

Valor s.m. 1. Calidade ou conxunto de calidades obxectivas que fan que unha cousa sexa digna de aprezo. 2. Maior ou menor aprezo ou importancia que por razóns subxectivas se lle dá a unha cousa. 3. Importancia atribuída convencionalmente a unha cousa (RAG).

Este proxecto prantexa a necesidade de intervención sobre o Patrimonio Industrial para valoralo.

O valor documental; os guindastres son máquinas, producto de deseños de enxeñería para funcións concretas. Teñen corpo e movemento, función e tipoloxías específicas, donos e espazos industriais definidos, cronoloxías propias.

O valor potencial; que novos valores poden ir adquirindo?. De que tipo son os novos usos atribuíbles? Quen son suxeitos que interveñen nestes cambios?

Conservacción: todas aquelas accións que teñan como obxectivo a salvagarda do patrimonio cultural tanxible e intanxible; ordenación do territorio en clave de capas temporais. Interpretación do pasado, analizando o presente, deseñando-soñando o futuro.

A conservación non pode somentes ser entendida dende o punto de vista da materialidade. A pel dos guindastres pode mudar, mudando con ela a súa capacidade figurativa e as súas funcións sociais e culturais. Unha intervención de conservación sempre conleva unha transformación do preexistente. Este proxecto pretende ser unha amalgama da reflexión sobre qué valores inherentes ao obxecto hai que conservar e qué factores poden ser modificados para renovar os códigos. Conservación e creación.

Street art: movemento artístico que ten a capacidade de mímesis da expresión plástica co entorno, que xorde da paisaxe, que ofrece ao espectados novos xeitos de entender ou percibir o seu entorno social.

Levar sempre unida a parte creativa. Unha creación dende a experiencia artística. Conservacción dende o street art. O proxecto quere posibilitar a reflexión sobre a relación entre a conservación e a arte, e que sexa a arte a que explore as novas funcionalidades dos elementos patrimonias. 

Dende aquí lanzamos este artigo como parte dun proxecto que leva máis de dous anos redactado, incubando ideas, en expansión e tamén en pausa esperando que alguén o faga seu e emprenda algo tan bonito como é encher de vida eses fermosos Guindastres. Liberámolo no dominio público para que se se empape de novas ideas e novos seres animados!

 

Posdata: este proxecto está inspirado por horas de paseo polo porto de Vigo e en contacto co catálogo de patrimonio industrial desta ría. Se queres máis información sobre Patrimonio Industrial pincha neste enlace no que conversamos con Uxío Reinoso.

Proxecto Guindastres, texto e imaxes: María Masaguer

Apoio na redacción do texto, edición e corrección: Adela Vázquez

Guindastres © Niquelarte
Guindastres © Niquelarte
Guindastres © Niquelarte
Guindastres © Niquelarte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.