Este mércores inaugúrase o festival internacionais de documentais de Tui, o Play-Doc, que chegaá súa oitava edición con cambios, cun formato máis modesto, pero mantendo a calidade e a orixinalidade nas propostas, no medio dun contexto moi complicado no que outros certames máis consolidados tiveron que baixar o pano. A sección oficial do festival, na que se compite por un premio de 5.000 euros, combina nomes consagrados do documental con prometedores novos cineastas, aínda que en todos os casos se trata de cine de autor, pezas moi persoais e independentes. O festival desenvolerase até o domingo 25.
Neste ano, o Play-Doc de Tui apostou por dúas liñas temáticas moi marcadas, a exploración da paisaxe e o diario filmado. Na primeira vertente, o director ruso Victor Kossakovsky presentará Vivan as Antípodas!, un filme sobre catro pares de Antípodas (Arxentina e China, España e Nova Zelandia, Chile e Rusia, Botswana e Hawai). Tamén se poderá ver Two Years At Sea, de Ben Rivers, un cineasta británico aplaudido pola crítica, que o premiou na pasada edición do festival de Venecia por esta cinta. Nela, Rivers filma en branco e negro o día a día dun ermitán que vive nun apartado bosque.
Neste ano, o Play-Doc de Tui apostou por dúas liñas temáticas moi marcadas, a exploración da paisaxe e o diario filmado
O filme Mirage, do serbio Sr an Ke a, sitúase entre esta primeira vertente paisaxística e o diario filmado, ao combinar rexistros das construcións da grande metrópole de Dubai con testemuños dos obreiros e os turistas que habitan ese espazo. Máis local, pero igual de necesaria, é Yatasto, de Hermes Paralluelo. A película mergúllanos nas vidas dun grupo de rapaces 'carreros' en Arxentina, que recollen cartóns da rúa para vendelos, montados no seu carro de cabalos. Finalmente, Vikingland, de Xurxo Chirro, recupera cintas de vídeo gravadas por un mariñeiro mercante da Guarda para compor un retrato da diáspora galega e o mundo do traballo, e así foi considerada, moi positivamente, en festivais coma os de Marsella ou Xixón, e partirá tamén en marzo ao FICUNAM de México.
Vikingland, de Xurxo Chirro, recupera cintas de vídeo gravadas por un mariñeiro mercante da Guarda para compor un retrato da diáspora galega e o mundo do traballo
Non será o único traballo do cinema galego no festival. Lois Patiño trae a Play-Doc as curtas Ecos do bosque, Na vibración da auga e Na vibración da terra. Son pezas moi breves e intensas, que ofrecen “unha poetización” contemplativa dos lugares filmados. Patiño prepara, na mesma liña, a súa primeira longa, Costa da Morte, unha película que se perfila como unha das grandes promesas do cinema galego para os vindeiros meses. Pola súa banda, Sandra Sánchez presentará Tralas luces, estreada no festival de San Sebastián con moi boas críticas. Nela, segue a familia feirante de Lourdes polas estradas do norte de España, que percorren coa súa pista de coches de choque. A representación galega complétase con Pantasmas#1 e Pantasmas#2, de Ángel Santos, pezas documentais elaboradas a partir do arquivo fotográfico e fílmico familiar na cal o director reflexiona sobre o paso do tempo, a memoria persoal e as pega-das do pasado na construción da propia identidade.
Contidos do Play-Doc no Vídeo baixo demanda de R
R e Play-Doc chegaron a un acordo para que parte dos contidos presentados no Festival Internacional de Documentais de Tui se emitan tamén na televisión dixital do operador galego de comunicacións por fibra óptica. Deste xeito, unha selección dos filmes máis importantes que pasarán polo festival, así como a obra de grandes realizadores aos que Play-Doc dedicou amplas retrospectivas, exhibiranse no catálogo do vídeo baixo demanda de R. Grazas a esta colaboración entre R e Play-Doc, máis de 95.000 fogares terán acceso a contidos de calidade que chegan a Galicia da man dunha das máis importantes citas do audiovisual na nosa comunidade. Unha boa oportunidade para descubrir grandes obras que habitualmente non teñen cabida nos espazos comerciais e aos que é difícil acceder fóra do circuíto de festivais.