Vikingland, de Xurxo Chirro, seleccionada para a sección oficial do Play-Doc

Luís Lomba, en Vikingland © Xurxo Chirro

O festival de documentais Play-Doc, que se celebra todos os anos en Tui,  seleccionou para a súa edición de 2012, que terá lugar do 21 ao 25 de marzo
próximos, dez títulos galegos, encabezados por Vikingland, que competirá na sección oficial. A película, que rescata varias cintas de vídeo gravadas por un mariñeiro mercante da Guarda, é un documento histórico sen igual sobre a diáspora galega e o mundo do traballo, e así foi considerada, moi positivamente, en festivais coma os de Marsella ou Xixón, e partirá tamén en marzo ao FICUNAM de México. Chirro competirá con outros catro filmes polo premio ao mellor documental Play-Doc 2012, un galardón de 5.000 euros.

O resto dos filmes están incluídos nunha sección dedicada ao cinema galego, que recolle o mellor da tempada. Lois Patiño, centrado na exploración de paisaxes naturais nos seus últimos traballos, presentará Ecos del bosque, Na vibración da terra e Na vibración da auga; mentres que Ángel Santos dará a coñecer ao público do certame a súa serie Pantasmas, composta de momento por dous títulos que exploran os temas da memoria e a infancia, nun exercicio que ten algo de diario filmado. Completan esta sección as longas A muller do Eternauta, de Adán Aliada; e Tralas luces, de Sandra
Sánchez. Ambas son historias de mulleres fortes e loitadoras. 

Ademais, Play-Doc trae a Tui o work in progress de Pela del Álamo e Víctor Hugo Seoane. O obradoiro Docs in Progress, unha iniciativa do festival para apoiar a creación audiovisual, xuntou en decembro de 2010 nunha casa rural a 10 cineastas, que discutiron ata avanzar nas montaxes dos seus respectivos filmes. Del Álamo e Seoane foron os representantes galegos, que agora presentan as versións case rematadas de N-VI e Lugares no tempo, respectivamente. 

Neste tempos de grandes recortes orzamentarios, Play-Doc fai chamamento ao público que desexe colaborar co festival cunha axuda económica. A través da plataforma Play-Doc Support, á que se pode acceder dende a páxina web do festival, os seguidores do certame poden realizar achegas da cantidade que desexen e, a partires de 10 euros, obterán beneficios como descontos no concerto de Morphine ou unha acreditación especial que dá libre acceso a todas as actividades e proxeccións programadas nesta edición.

Luís Lomba, en Vikingland © Xurxo Chirro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.