Vilamor, de Cannes a Cans

O equipo de 'Lovetown', chegando a Cannes © Rubén Riós

Lugo, Monforte, Ribadeo, Mondoñeso, O Barco, A Rúa, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín, A Estrada, Santiago, A Coruña, Ferrol, Narón, Cee, Carballo e Ourense. Despois de dous meses percorrendo todo o país de vila en cidade, a Caravana Vilamor culminou este 17 de maio a etapa principal da súa andaina coa estrea do filme en Ourense. A gran demanda de entradas obrigou aos cines Cinebox a habilitar unha segunda sala para a estrea, polo que máis de 400 viron o filme na súa primeira xornada na cidade das Burgas, onde o recibimento, ao igual que en toda a provincia de Ourense, foi "magnífico", segundo os responsables de Vilamor, que se manifestaron "emocionados".

O director e os actores principais da película (Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez) completaron así nove semanas de presentacións do filme en 175 centros de ensino, ademais de asociacións culturais e veciñais, eventos deportivos, sociais e gastronómicos. En total foron 12 mil quilómetros, que permitiron por exemplo que máis de 14 mil estudantes coñecesen de primeira man como se fai unha película e cales son os valores que transmite un filme como Vilamor.

Para Ignacio Vilar, director de Vilamor, “é todo un orgullo celebrar o Día das Letras Galegas estreando unha película en galego nas salas comerciais con semellante éxito”

Para Ignacio Vilar, director de Vilamor, “é todo un orgullo celebrar o Día das Letras Galegas estreando unha película en galego nas salas comerciais con semellante éxito”, e engade que “isto quere dicir que a nosa lingua está moi viva e o público ten moitas ganas de consumir cine en galego”. Vilar di que en todos os lugares funcionou o "boca a orella" e iso é o que está permitindo que o filme resista nas carteleiras durante semanas en Vigo ou A Coruña, o que non é doado. queda pendente a estrea en Compostela, aínda en negociación, pero que podería chegar o 8 de xuño. Despois chegará o verán, para cando se están preparando proxección ao aire libre naqueles concellos sen sala de cinema. E en outono está previsto que Vilamor se estree en Portugal, Madrid, Catalunya e Euskadi.

Agora comeza a segunda fase, a dos festivais, e a da distribución internacional. E a primeira parada desta nova caravana é o Festival de Cannes, onde o filme se proxectará este sábado, e en concreto o Marché du Film, onde os responsables de Vilamor esperan pechar contratos con distribuidores de distintos países. Vilar revela de moitos destes acordos están xa negociados dende a fase de proxecto da película. A fin de semana seguinte estarán no Festival de Cans (O Porriño), onde se estreará un documental sobre esta xira a bordo da Caravana Vilamor.

 

Tes que vela

Hai unhas semanas Vilamor puxo en marcha o concurso Tes que vela, que convoca sobre todo a rapaces e rapazas de ensino medio -pero tamén a todas as persoas que se queiran animar- a facer unha peza promocional moi curta, de menos de medio minuto de duración, na que se anuncie a película Vilamor, baixo o lema Tes que vela. Até o momento o equipo recibiu máis dunha ducia de vídeos, e até o 30 de maio está aberto o prazo para enviar propostas. Os gañadores do mellor vídeo gozarán dunha fin de semana nos Ancares cos protagonistas e o director de Vilamor acompañados dun tutor legal, se son menores de idade.

O equipo de 'Lovetown', chegando a Cannes © Rubén Riós

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.