Xabier Xil Xardón: "Ás veces parece que a poesía se converteu nun fetiche onde depositar as esperanzas dunha sorte de redención histórica"

Dominio Público Praza Pública

Non saber que dicir. Que facer. Como reaccionar ante a barbarie. Atropelados por un tempo histórico que nos colleu co pé cambiado. Con iso ten que ver detéxtonos, o novo poemario de Xabier Xil Xardón, que vén de ser publicado por Positivas. Mais a constatación dos límites da palabra, saber que a poesía non vai redimirnos, non conduce o poemario á deriva do relativismo posmoderno. Ou da chamada "posverdade". Pois queda, polo menos, a enunciación da realidade. “Xa, pero falta moito para Europa?./ Cala, neno, e segue nadando”, di un dos poemas. O seu autor respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.

Podemos empezar polo título, se queres. “detéxtonos” vén do poema da contracapa. Por que decidiches chamarlle así?

O título é un xogo de palabras, como é obvio, un tanto chusco. Avisa da actitude aceda e desencantada que impregna o poemario, mais tamén do elemento lúdico que atravesa os textos. O texto da contracapa foi o último que escribín e explicita a mensaxe do título afirmando a presenza dun eu autorial e que se complementa coa “dedicatoria” que abre o poemario. Hai, en fin, nos paratextos, unha vontade de provocar, un pouco gratuitamente.

O libro está estruturado en cinco partes. Non conforman unha unidade na que as partes poidan entenderse como continuidade unhas das outras, mais tampouco están desligadas entre si. Cal foi, un pouco, o criterio para estruturalo nesas cinco partes?

Manexei moito material acumulado para compor o poemario, e o resultado final é fruto dunha selección que ben podía ter dado un conxunto distinto, pero deu este. Non hai un proxecto que dote os textos de unidade a priori, senón que se foi facendo a base de bourar neles e, sobre todo, de polos a falar entre si. A disposición e o agrupamento final en cinco capítulos buscan facilitar a lectura e reforzar unha certa idea de caos organizado.

Si hai certa continuidade, poderiamos dicir, na forma. A segunda e cuarta parte estruturan a páxina de xeito semellante: poemas curtos ao principio e ao final da mesma. Entre a primeira, a terceira e a quinta, é como se o verso se fose soltando, cada vez menos contido: faise máis longo, máis narrativo, aumentan as maiúsculas, desaparecen signos de puntuación… Por que?

Estou de acordo. Na segunda e cuarta partes agrupei textos curtos e epigramas arredor de dúas cuestións que me pareceron centrais: a identidade e a propia escrita. Neles, os títulos cobran unha importancia central. Nos capítulos impares agrupei textos longos, máis pensados ás veces para ser ditos do que para fixarse nunha folla, e si, a sintaxe e o sentido vanse diluíndo.

"Tentei expresar a idea do esfarelamento. A sintaxe que se disloca, o sentido que tende ao absurdo"

Tentei expresar a idea do esfarelamento. A sintaxe que se disloca, o sentido que tende ao absurdo... Outra cousa é que o resultado sexa eficaz do punto de vista comunicativo; cando se xoga contra os elementos que estruturan o discurso córrese o risco de que pareza que o poema trapalea ou que se lle está a tomar o pelo a quen o le. É un risco.

Hai moito xogo coa intertextualidade: Rosalía, Díaz Castro, Martin Codax, o himno galego… Con poemas, cancións… E é moitas veces un xogo irónico, retranqueiro, desmitificador. Por que está, cal é a función da intertextualidade neste poemario?

Algunhas referencias e citas literais buscan reforzar a mensaxe, outras ironizar cos textos orixinais. Trátase de textos que chegaron a min, como lector, para quedarse, e que non dubidan en meterse polo medio cando escribo. Ás veces cobran un sentido novo ou mesmo oposto ao orixinal.

"O caso é que non sei se o poemario pasaría a proba esa da “máquina do plaxio”, porque case nunca emprego cursiva nin explicito a mención a outras autoras"

É un xogo que me gusta, e creo que o diálogo que se establece pode ser enriquecedor. O caso é que non sei se o poemario pasaría a proba esa da “máquina do plaxio”, porque case nunca emprego cursiva nin explicito a mención a outras autoras. Correrei ese risco.

O poemario ten un sentido xeral como de non saber como posicionarse, que dicir, como reaccionar, ante a barbarie. Como se o tempo histórico se nos adiantase, deixándonos mudos e na retagarda. Por que?

Ben, esa podería ser unha boa síntese do conxunto. Creo que é obvia a analoxía coa realidade social, política e cultural na que estamos inmersos. E nese sentido creo que non é tanto unha denuncia o que fago, mais unha constatación do que hai.

“A nosa casa/ era unha sucesión de incendios controlados”. En relación co anterior, na primeira parte do libro está a familia, a orixe, o silencio obsceno, o asistir tranquilos á destrución, mentres avanza o tempo, a historia. Por que? A figura da nai aparece tamén cara ao final. Por que?

A nai quere ser a orixe, esa pulsión que nos leva a refuxiarnos no ideal dun tempo que se esgota. A casa vén ser algo parecido, a memoria oral da familia e da comunidade de orixe, sexa cal for. Quere ser, dalgún xeito, aquela casa do poema de Aresti tan ben traducido do euskera por Isaac Xubín, que onde no orixinal dicía “a casa do meu pai”, el fixo dicir “a casa da miña mai”. Só que a nosa casa é mala de defender porque xa está ardendo. Arde todos os anos.

"A nosa casa é mala de defender porque xa está ardendo. Arde todos os anos"

Na segunda parte hai como unha constatación dos límites da palabra, e do poema, para dicir. Non deixa de ser un tema moi presente na poesía actual mais, por que este enfoque? Dígoo porque tamén vexo aí algo xeracional. Admitir como que a poesía non vai salvarnos, fronte a tantas esperanzas que se puxeron nela, por exemplo, ao asignarlle un papel tan relevante na construción nacional galega.

A poesía galega cangou sobre os seus textos un peso inmenso. Ás veces parece que se converteu nun fetiche onde depositar as esperanzas dunha sorte de redención histórica.

"Vendo que a poesía vai un pouco derreada pola vida, nesa sección cebeime a gusto a frivolizar con todo iso"

A poesía ten moito por facer dentro das súas limitacións, mais creo que non entra dentro das súas posibilidades salvarnos de nada nin mudar nada por si mesma. Así que, vendo que a poesía vai un pouco derreada pola vida, nesa sección cebeime a gusto a frivolizar con todo iso, empezando pola miña propia condición de persoa que lle dedica tempo a lela, a escribila e a gozala.

Mais esta constatación da dificultade para dicir non leva ao pensamento posmoderno nin moito menos á “posverdade” -de feito, hai varios versos que critican, a través da ironía, a linguaxe dos medios e da publicidade-. Porque a realidade si é enunciada, sobre todo a partir da terceira parte. “Xa, pero falta moito para Europa?./ Cala, neno, e segue nadando”, di un dos poemas. E esa realidade enúnciase desde a conciencia da subalternidade. En que sentido e por que?

Iso si que pode facelo a poesía, enunciar. Non redimir, mais si armar un texto que articule un certo sentido do real, aínda que con moitas limitacións. Pode, creo, sinalar a realidade, deformala para revelala como construto ideolóxico, póla contra as cordas da evidencia. Pero esa realidade ten que transformarse por outras vías, e aí, como dixen, a poesía nada ten para dicir nin para facer. Creo que se lle deu en chamar “posverdade” ao que en realidade é monopolio absoluto da violencia.

"Creo que se lle deu en chamar “posverdade” ao que en realidade é monopolio absoluto da violencia"

A posmodernidade acaboulle botando a culpa de todo á linguaxe, ao discurso, mais creo que ese proceso de ensimesmamento é fruto dunha derrota que pouco ten que ver coa linguaxe nin moito menos coa poesía, senón coa substracción da economía do ámbito da decisión política. Podemos laiarnos pola xente que morre fuxindo da miseria, mais non podemos tomar ningunha decisión política de calado ao respecto; mentres non afrontemos iso, ningún poema “servirá para salvarnos”.

"Podemos laiarnos pola xente que morre fuxindo da miseria, mais non podemos tomar ningunha decisión política de calado ao respecto"

Aínda que falar dun binomio rural/urbano podería ser falso -e máis nun poemario que parece situarse en Vigo-, si hai unha certa constatación do caos da cidade como unha sorte de ocultación, -da memoria histórica, por exemplo-. Por que?

Creo que falarmos hoxe de rural e urbano é unha cuestión moi discutible. Aínda así, no meu percurso vital si que pasei de ser de aldea a vivir nunha cidade. Atopei aí un conflito permanente, tanto co lugar de onde veño coma co lugar ao que cheguei. Obviamente, no noso imaxinario colectivo, a cidade é ese lugar onde o país se desarticula; o urbano penetrou no rural nas últimas décadas ata disolver moitos dos modos de vida tradicional, que non teñen tanto que ver cunha visión romántica do rural como co desmantelamento de lóxicas de convivencia en que a comunidade tiña (ten) un grande papel protagonista.

"Estamos no medio (final?) dun proceso de individualización salvaxe que nos desarma pouco a pouco"

Estamos no medio (final?) dun proceso de individualización salvaxe que nos desarma pouco a pouco, nun contexto en que unha persoa xurídica ten moito máis peso social ca unha comunidade composta por persoas físicas. Podería resumirse nunha brincadeira: dispersádevos todos, é o espolio final. E o despoboamento do rural ten moito que ver con isto.

Unha Xunta que declara a bosta patrimonio da humanidade, un IES Moncho Reboiras concertado e un IES María Miramontes concertado e segregado. Tras un intento de redacción dun manifesto que se destrúe a si mesmo, que se desescribe. Hai tamén no poemario bastante sentido do absurdo. Mais, detrás deste absurdo, hai como un sentido de urxencia, como certa esperanza de que, pese ás limitacións da palabra, algo poderiamos facer para que o tren non nos colla definitivamente. É así? Por que?

Pois vivo o día a día, coma calquera que non pense apenas en salvar o seu cu, cunha sensación de impotencia moi aguda ante o desmantelamento de moitas cousas que considero básicas para un futuro viable e vivible.

"Vivo o día a día, coma calquera que non pense apenas en salvar o seu cu, cunha sensación de impotencia moi aguda ante o desmantelamento de moitas cousas que considero básicas para un futuro viable e vivible"

Mais tamén recupero de vez a esperanza ao ver que segue habendo unha chea de colectivos e persoaos que erguen, contra vento e maré, proxectos ilusionantes. A lista é inabranguible. O caso é que, malia ao pesimismo, non podo deixar de ser tamén optimista, e creo que iso tamén se reflicte nalgúns textos.


“O esgotamento dos estereotipos masculinos roza/ os límites do escatolóxico e a min tócame os/ collóns”. É un libro, tamén, quizais, escrito desde un “masculino singular” -como Carlos Negro-, con conciencia de selo. En que sentido?

No sentido de non fuxir de confrontar co espello, de non obviar o que non debe ser obviado; lembro ser eu moi neno e sentir una satisfacción enorme por ter nacido rapaz. Ser unha nena, supoño que por todo o que eu vía e malamente daba razonado, resultábame unha mala idea.

"A nosa maneira de relacionarnos coa nosa propia masculinidade é contraditoria e xéranos grandes contradicións"

Creo que os homes arrastramos ese prexuízo ao longo dos anos, e ímolo vestindo de diferentes maneiras. A nosa maneira de relacionarnos coa nosa propia masculinidade é contraditoria e xéranos grandes contradicións, a empezar por como xestionamos os privilexios dos que gozamos e de que maneiro imos elaborando discursos e conxugandoos co politicamente correcto para xustificalos.

 

 

'detéxtonos', de Xabier Xil Xardón Dominio Público Positivas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.