Xosé Monteagudo é o gañador da 15ª edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega coa súa novela Eternity. A obra, que convida a facer unha reflexión sobre o futuro da sociedade, será publicada nos vindeiros meses pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio -que ademais está dotado con 12.000 euros- terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
A obra, que convida a facer unha reflexión sobre o futuro da sociedade, será publicada nos vindeiros meses pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na Coruña
O ditame anunciouse este mércores na sede da RAG, nun acto que contou co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez e, ademais, con Xavier Senín, que actuou como voceiro do xurado.
O xurado destacou que a novela "consegue artellar unha trama na que funden a precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria" e "sitúanos ante unha serie de desafíos que enfrontamos decote, en ocasións sen decatarnos: como están a mudar as nosas vidas, ata que punto as convertemos en ficción, como se constrúe a historia persoal, como enfrontamos a morte”. Ademais, o xurado salientou que, sendo unha novela moi actual na súa relación coas redes sociais, amosa que a natureza do ser humano ten un fondo de preocupacións transcendentes que permanecen.
A novela "sitúanos ante unha serie de desafíos que enfrontamos decote, en ocasións sen decatarnos: como están a mudar as nosas vidas, ata que punto as convertemos en ficción, como se constrúe a historia persoal, como enfrontamos a morte”, destacou o xurado
Xosé Monteagudo (Moraña,1965) é licenciado en Dereito e traballa como técnico de Facenda na Axencia Tributaria de Pontevedra. Na súa traxectoria como escritor obtivo numerosos galardóns, comezando polo accésit no premio Modesto R. Figueiredo do ano 2001 co relato O engado do triángulo. A súa primeira novela, As voces da noticia, resultou gañadora do Premio Blanco Amor no ano 2002. Tamén gañou en 2009 o Premio García Barros pola novela Un tipo listo. No ano 2017 obtivo o Premio á mellor obra narrativa da II Gala do Libro Galego e o Premio San Clemente Rosalía-Abanca, por Todo canto fomos. Nese momento entrevistámolo dende Praza.gal. Ademais, publicou as novelas Esta historia e O curioso mundo das persoas normais
O xurado estivo composto pola escritora, socióloga e filóloga, Estíbaliz Espinosa; Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; a escritora, ensaísta e investigadora, María López Sández; o tradutor e académico Xavier Senín; e Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC, crítica literaria, tradutora e autora.
O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e desde 2010, é impulsado pola Fundación Repsol, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a AELG. Na súa XV edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 36 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. Esta é a relación completa de autores, autoras e obras gañadoras:
- 2006 - Miguel Sande, Se algún día esta muller morta (Accésit: Xavier Lama, O insomnio dos centauros).
- 2007 - Anxos Sumai, Así nacen as baleas.
- 2008 - Xosé Luís Martínez Pereiro, A verdade como mal menor.
- 2010 - Xurxo Sierra Veloso, Os fíos.
- 2011 - Fernando Díaz-Castroverde, Microbios e outros paquidermos.
- 2012 - María López Sández, A forma das nubes.
- 2013 - Berta Dávila, O derradeiro libro de Emma Olsen.
- 2014 - Santiago Lopo, A diagonal dos tolos.
- 2015 - Marcos S. Calveiro, Fontán.
- 2016 - Daniel Asorey, Nordeste.
- 2017 - Xosé Antonio Neira Cruz, O sono das sereas
- 2018 - Antón Lopo, Extraordinario
- 2019- Gonzalo Hermo, Diario dun enterro
- 2020 - Berta Davila, Illa decepción
- 2021 - Xosé Monteagudo, Eternity