Xunta e Sargadelos rexeitan acudir á xuntanza convocada para evitar o peche da galería en Ferrol

Xuntanza mantida este luns pola mañá no Concello, á que Xunta e Sargadelos rexeitaron acudir © Concello de Ferrol

Nin a Xunta nin Sargadelos acudiron á xuntanza celebrada este luns en Ferrol para tratar o peche da sede da galería na cidade e as posibilidades de evitalo. Tanto o Goberno galego coma a empresa foran convidados ao encontro. Porén, optaron por rexeitar o convite, segundo confirmou o alcalde Jorge Suárez en rolda de prensa, que engadiu que dende o Goberno local se tentou mediar a través dos herdeiros de Díaz Pardo, pero sen éxito.

Na reunión, celebrada no Concello, participaron ademais do rexedor, os voceiros de todos os grupos políticos municipais (PSOE, PP, BNG e C´s), os responsables da franquicia na cidade e representantes da plataforma cidadá Salvar Sargadelos. O obxectivo da xuntanza era explorar fórmulas para "darlle continuidade a un local que para Ferrol ten vital importancia polo que é e o que representa, que é un legado inmaterial da cultura galega", manifestou Suárez.

"Somos conscientes de que se trata dunha empresa de carácter privado, aínda que para nós ten un significado de especial interese público pola súa transcendencia e compromiso coa cultura galega", subliña a plataforma

Xa pola tarde, coma todos os luns, levouse a cabo unha nova concentración na propia sede de Sargadelos-Ferrol, organizada por Salvar Sargadelos coa participación de partidos políticos, sindictos, asociacións culturais e entidades, ademais de cidadáns a título individual. "Somos conscientes de que se trata dunha empresa de carácter privado, aínda que para nós ten un significado de especial interese público pola súa transcendencia e compromiso coa cultura galega", subliña a plataforma.

A mediados de decembro, o equipo responsable da xestión da Galería Sargadelos en Ferrol anunciaba a través dun comunicado o peche do local, que mantivo unha intensa actividade na cidade durante os últimos 26 anos. Aludían ao incumprimento por para de Fábrica de Cerámicas do Castro S.L. e de Fábrica de Cerámica de Sargadelos S.L do contrato asinado con eles en 2012. E acusaban as dúas empresas de deixar o legado de Díaz Pardo "totalmente diluído" e "sen futuro para Sargadelos". De inmediato comezaron a sucederse na cidade as mostras de ánimo e recoñecemento para os xestores da galería, subliñando a importancia que o local ten para a vida cultural ferrolá, como espazo de difusión e dinamizador de iniciativas locais.

 

Xuntanza mantida este luns pola mañá no Concello, á que Xunta e Sargadelos rexeitaron acudir © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.