Deportivo Galicia, o equipo dos galegos na liga inglesa

O Deportivo Galicia, nun partido da pasada tempada © FC Deportivo Galicia

Bahamonde, Costa, Decabo, Cambeiro, Castro, Viaño ou Andón, pero tamén Bennett, Aldabbagh, Duncan ou Diarrassouba. Estes son algúns dos nomes que compoñen o cadro de xogadores do Deportivo Galicia, o único equipo español federado na liga inglesa e que busca apoios para seguir subindo chanzos na súa aventura futbolística no país que veu nacer o deporte rei.

O Deportivo Galicia busca apoios e patrocinadores para seguir escalando categorías e lograr xogar algún día na FA Cup

Xurdido arredor do Centro Galego de Londres a finais dos 60, anos despois uniuse a outro equipo de emigrantes na capital británica (o Deportivo, na honra do seu homónimo coruñés) para refundarse como FC Deportivo Galicia. Malia que viviu as súas mellores épocas durante os 90, chegando incluso a conquistar títulos amateurs en Francia, Bélxica ou Alemaña, tardou pouco tamén en pasar polos seus peores momentos, cando hai tan só seis tempadas estivo a piques de desaparecer. Foi daquela cando dous veteranos xogadores e fillos de galegos, Leo Decabo e José Andón, colleron o temón do equipo para facelo aboiar de novo.

E abofé que o conseguiron. O Deportivo Galicia vén de ser recoñecido como un FA Charter Standard Club, galardón da Federación Inglesa de Fútbol que recoñece o bo facer da entidade, tanto na súa xestión como no traballo de canteira. Compite na Middlesex County Football Premier League, sétimo chanzo do balompé inglés e equivalente á Rexional Preferente en España, e anda na busca de apoios e patrocinadores que lle permitan conseguir o seu soño: escalar categorías e lograr xogar na FA Cup. "Imaxina o que significaría ser o primeiro equipo español que participa no torneo máis antigo do mundo", aclara Leo Decabo, adestrador do equipo, que confía tamén en "contar algún día cun campo propio".

O club recibe unha mínima axuda a través do Centro Galego, pero o resto dos gastos cúbrense grazas aos xogadores e adestradores

Ao manter a vinculación co Centro Galego de Londres, a través da Xunta chega unha subvención de 2.500 libras ao ano, o que tan só cobre o 20% do orzamento necesario para toda a tempada e que se complementa coa recadación conseguida a través de comidas e festas e das propias achegas do equipo, xa que o Deportivo Galicia é o único club da súa categoría onde adestradores e xogadores sufragan os gastos pagando unha cota mensual e a ficha ao comezo da campaña.

A medio prazo, o obxectivo tamén é formar un equipo reserva, dada a cantidade de mozos galegos e españois que reclaman unha praza no club ante a masiva emigración que está a provocar a crise económica. Porque o Deportivo é tamén unha excepcional axuda para os rapaces que buscan "aprender inglés e integrarse nas diferentes culturas de Londres". Ademais, a entidade galega procurará tamén algunha colaboración cun equipo español para futuros acordos, aínda que Decabo sabe que "iso agora é difícil", pero que tamén suporía "unha transformación do club".

A maioría dos futbolistas son galegos, pero tamén hai xogadores do resto de España ou de Iraq, a India e Inglaterra

Polo momento, e mentres agarda a chamada dalgún patrocinador ou entidade interesada, o Deportivo Galicia seguirá competindo cun cadro de xogadores no que se inclúen 18 galegos, dous asturianos, dous cataláns, dous valencianos, dous madrileños, un iraquí, dous indios, dous ingleses, un representante de Serra Leoa, Francia e as Illas Seychelles... "E outro que non sabe nin de onde é", bromea Decabo. Un conxunto multicultural pero coa maioría das súas raíces na terra.

"Representar a Galicia é case a cousa máis grande para nós; é difícil explicar o orgullo que sentimos", di o seu adestrador

"Representar a Galicia é case a cousa máis grande para nós; é difícil explicar o orgullo que sentimos e moito máis doado chorar de emoción", recoñece Decabo, que lembra que "levar a banda azul no peito" supón "un sentimento de verdade" para todos os integrantes do equipo. "Tamén para os que non son galegos, porque todos se senten moi a gusto con nós", di o adestrador dun club que viste a franxa da bandeira galega ou raias branquiazuis nas súas equipacións e que serve tamén de promoción para o seu lugar de orixe. "Non hai rival que non nos pregunte onde está Galicia, e non hai club que non acabe coñecendo a nosa terra", engade.

Outros coñéceno por figuras ilustres que pasaron polo Deportivo Galicia, como Francis Cagigao, ex futbolista fillo de galegos emigrados a Londres, ex xogador e adestrador do club e encargado de descubrir talentos mundiais para o Arsenal, como Cesc Fàbregas, ou clave nas fichaxes de Almunia, Reyes, Monreal ou Cazorla polos gunners.

O Deportivo Galicia, nun partico contra West Essex © FC Deportivo Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.