A triatleta Susana Rodríguez Gacio revalidou o ouro que xa obtivera en Toquio e lográronse medallas tamén en tiro, ciclismo e tenis e esgrima en cadeira de rodas
Tras unha ducia de días de competición este domingo chegaron ao seu remate os Xogos Paralímpicos de París, os máis semellantes da historia aos xogos olímpicos que os precederon, coas mesmas medallas e, no caso de España, os mesmos premios para ambos tipos de deportistas. E o resultado da representación galega foi mesmo mellor. Se cunha trintena de deportistas galegos nos xogos olímpicos lográronse cinco medallas de bronce e once diplomas, nos paralímpicos, coa metade de deportistas, 14, a colleita foi dun ouro, catro bronces e unha ducia de diplomas.
O principal éxito do deporte galego foi a medalla de ouro da triatleta viguesa Susana Rodríguez Gacio. Revalidou así o ouro que xa lograra nos xogos paralímpicos de Toquio.
A atleta nacida en 1988, que recibiu recentemente o Premio Nacional do Deporte, leva anos dominando a disciplina, na que sumou cinco campionatos do Mundo e catro campionatos de Europa, ademais dos seus dous títulos olímpicos. Rodríguez Gacio naceu con albinismo e unha grave deficiencia visual, dous factores que non impediron que desenvolvese unha brillante carreira profesional e deportiva. Traballa como médico no servizo de Medicina Física e Rehabilitación do o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
En tiro o pontevedrés residente en Vigo Juan Antonio Saavedra logrou a medalla de bronce na competición mixta de R3 (rifle a 10 metros en posición tendida) e converteuse no tirador español con máis medallas da historia en competiciones paralímpicas. Trátase da terceira medalla que consegue Saavedra, despois dos metais acadados en Londres 2012 (prata) e Toquio 2020 (bronce). Saavedra participou tamén nos Xogos Paralímpicos de Sidney 2000, Atenas 2004 e Río 2016. Ademais deste novo bronce, en París Saavedra foi tamén cuarto en R6 mixto 50 metros rifle tendido SH1.
En tenis en cadeira de rodas o vigués Martín de la Puente logrou a medalla de bronce en dobres xunto con Daniel Caverzaschi. De la Puente tamén foi cuarto, obtendo así diploma paralímpico, na competición individual.
En ciclismo o coruñés Damián Ramos logrou a medalla de bronce na proba contra o reloxo individual C4. Tamén logrou un diploma co seu oitavo posto en persecución individual. E na carreira en ruta C4-5 rematou en décima posición.
E en esgrima en cadeira de rodas a viguesa Judith Rodríguez foi tamén bronce en florete individual categoría A. En espada categoría A, pola contra, caeu en cuartos de final. Judith Rodríguez foi tamén a abandeirada da representación española na cerimonia de clausura destes Xogos Paralímpicos de París.
Ademais das medallas houbo diplomas en atletismo, natación ou baloncesto en cadeira de rodas
Ademais destas medallas, moitos outros deportistas lograron diploma paralímpico.
En atletismo Adiaratou Iglesias foi cuarta en 400 metros T13 e quinta en 100 metros T13, proba na que fora ouro nos xogos paralímpicos de Toquio. E oitavo quedou en Maratón T12, na última xornada destes xogos, o vilalbés Gustavo Nieves, nos que eran os seus sextos xogos paralímpicos. En salto de lonxitude categoría T63 Desirée Vila quedou novena.
En piragüismo Araceli Menduiña quedou cuarta en kayak individual KL3 200 metros. Pola súa banda, Adrián Mosquera foi décimo en paracanoa individual VL3 200 metros.
En natación o coruñés Jacobo Garrido foi quinto en 400 metros estilo libre na categoría S9. En 100 metros bolboreta en categoría S9 e en 200 metros estilos S9 quedou eliminado na clasificación. Pola súa banda, Juan Ferrón, de Mos, quedou sétimo en 100 metros bolboreta en categoría S13.
E en baloncesto en cadeira de rodas a selección española masculina, na que xoga Manuel Lorenzo, rematou sétima mentres que a selección feminina, na que xoga María Victoria Alonso, foi oitava.