A atleta viguesa, ouro en Toquio 2020, revalidou este luns o seu triunfo en París 2024, acompañada da súa guía Sara Pérez, impoñéndose con claridade na proba
A viguesa Susana Rodríguez Gacio segue a ser a raíña do triatlón paralímpico. A atleta galega, ouro en Toquio 2020, revalidou este luns o seu triunfo en París 2024, acompañada da súa guía Sara Pérez, impoñéndose con claridade na proba.
A atleta nacida en 1988, que recibiu recentemente o Premio Nacional do Deporte, leva anos dominando a disciplina, na que sumou cinco campionatos do Mundo e catro campionatos de Europa, ademais dos seus dous títulos olímpicos.
Premio Nacional do Deporte en 2024, protagonizou unha portada da revista Time, e fíxose unha boneca Barbie inspirada nela para amosar a diversidade
Susana Rodríguez Gacio naceu con albinismo e unha grave deficiencia visual, dous factores que non impediron que desenvolvese unha brillante carreira profesional e deportiva. Traballa como médico no servizo de Medicina Física e Rehabilitación do o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
Protagonizou unha portada da revista Time, e fíxose unha boneca Barbie inspirada nela para amosar a diversidade, a marca elixiuna xunto a oito referentes deportivos máis de todo o mundo como a tenista Venus Williams.
Trátase da segunda medalla da delegación galega en París, composta por unha trintena de deportistas, despois do bronce acadado este domingo por Juan Antonio Saavedra en tiro
Trátase da segunda medalla da delegación galega en París, composta por unha trintena de deportistas, despois do bronce acadado este domingo por Juan Antonio Saavedra en tiro. Entre os e as participantes destacan, ademais, Araceli Menduiña (piragüismo), Adrián Mosquera (piragüismo), Judith Rodríguez (esgrima), Adiaratou Iglesias (atletismo), Desirée Vila (atletismo), Juan Ferrón (natación), Gustavo Nieves (atletismo) ou Damián Jaime Ramos (ciclismo).
En Toquio 2020 os e as deportistas galegas acadaron catro medallas de nove diplomas olímpicos, nunha participación na que destacou a actuación da lucense Adiaratou Iglesias, ouro nos 100 metros e prata nos 400, e da viguesa Susana Rodríguez, campioa en triatlón.