O pontevedrés residente en Vigo Juan Antonio Saavedra acadou este domingo a medalla de bronce na competición mixta de R3 (rifle a 10 metros en posición tendida) nos Xogos Paralímpicos de París
O pontevedrés residente en Vigo Juan Antonio Saavedra acadou este domingo a medalla de bronce na competición mixta de R3 (rifle a 10 metros en posición tendida) nos Xogos Paralímpicos de París e converteuse no tirador español con máis medallas da historia en competiciones paralímpicas.
Trátase da terceira medalla que consegue Saavedra, despois dos metais acadados en Londres 2012 (prata) e Toquio 2020 (bronce). Saavedra participou tamén nos Xogos Paralímpicos de Sidney 2000, Atenas 2004 e Río 2016.
En París, Saavedra debutou no Centro de Tiro Chateauroux co segundo mellor resultado dos deportistas participantes na fase clasificatoria, ao sumar 637,3 puntos, só por detrás da eslovaca Veronika Vadovicova (637,8) e por diante da ucraína Iryna Shchetnik (636,9) e do eslovaco Radoslav Malenovsky (636,0).
Trátase da terceira medalla que consegue Saavedra, despois dos metais acadados en Londres 2012 (prata) e Toquio 2020 (bronce)
Na final dos oito mellores, Saavedra situouse segundo na primeira rolda, tras Vadovicova, e mantivo esa posición ata a segunda. A partir da terceira rolda colocouse terceiro e non abandonaría nunca máis ese posto.
Juan Saavedra sufriu durante a súa adolescencia a amputación do seu antebrazo esquerdo debido a un cancro. Posteriormente estudou a carreira de Enxeñaría de Minas na Universidade de Vigo e compaxinou a súa actividade deportiva no tiro olímpico (e tamén na natación, deporte no que foi campión de España) co traballo de asesor financeiro. Ademais, dirixiu o seu propio club deportivo, o Tiro Lucero.
En Toquio 2020 os e as deportistas galegas acadaron catro medallas de nove diplomas olímpicos
Trátase da primeira medalla da delegación galega en París, composta por unha trintena de deportistas, entre os que destacan, ademais de Saavedra, Susana Rodríguez (triatlón), Araceli Menduiña (piragüismo), Adrián Mosquera (piragüismo), Judith Rodríguez (esgrima), Adiaratou Iglesias (atletismo), Desirée Vila (atletismo), Juan Ferrón (natación), Gustavo Nieves (atletismo) ou Damián Jaime Ramos (ciclismo).
En Toquio 2020 os e as deportistas galegas acadaron catro medallas de nove diplomas olímpicos, nunha participación na que destacou a actuación da lucense Adiaratou Iglesias, ouro nos 100 metros e prata nos 400, e da viguesa Susana Rodríguez, campioa en triatlón.