Adiaratou Iglesias e Susana Rodríguez fan voar a Galicia nos Xogos Paralímpicos

Adiaratou Iglesias, competindo nos Xogos de Toquio © Jaime de Diego / CPE

Catro medallas e nove diplomas. Esa foi a colleita de Galicia nos Xogos Paralímpicos de Toquio que veñen de rematar. Notables resultados para unha expedición de 16 deportistas que volveu traer medallas desde Xapón, como fixeran Peleteiro, Portela o Nico Rodríguez só unhas semanas antes

O tirador Juan Saavedra foi o último galego en lograr metal co bronde na proba de carabina tendida 50 metros SH de discapacitados físicos, ao que se une o diploma que o mesmo deportista acadou en dez metros tendido R3. 

Sara Loehr e Susana Rodríguez, no podio en Toquio © CPE

O de Poio puxo o ramo a unha participación galega marcada, sobre todo, polos éxitos de dúas galegas que xa entraron na historia do deporte: Susana Rodríguez e Adiaratou Iglesias

Susana Rodríguez, portada da revista 'Time' en xullo polo seu labor como médica contra a pandemia, volveu ás portadas co ouro paralímpico en tríatlon

A primeira fíxoo logo de que no pasado mes de xullo fora portada da prestixiosa revista Time, que a destacou como exemplo de deportista, profesional e cidadá polo seu labor como médica na primeira liña contra a pandemia no Hospital Clínico de Santiago. En Toquio, proclamouse campioa olímpicoa de tríatlon --na clase PTVI de discapacitados visuais-- xunto á súa guía, Sara Loehr. Ambas impuxéronse con superioridade para que a viguesa, cunha discapacidade visual provocada polo albinismo, engadise un ouro paralímpico aos máis de 25 campionatos internacionais que suma con 33 anos. 

A Susana deulle tempo, 48 horas despois da proba de tríatlon, de sumar un diploma nos 1.500 metros de atletismo, onde finalizou quinta. 

Foi na mesma pista onde se ergueu con forza a figura dunha das estrelas destes Xogos Paralímpicos, o da lucense Adiaratou Iglesias. Nacida con albinismo en Malí e cun 20% de capacidade visual, tivo que fuxir do seu país, onde as persoas albinas son perseguidas por superstición. 

Adiaratou Iglesias destacou desde moi nova gañando torneos de atletismo fronte a deportistas sen discapacidade; agora suma dúas medallas paralímpicas

Enviada por seus pais con só once anos a Logroño, onde vivía un medio irmán, acabo nun centro de acollida onde coñeceu a unha profesora lucense, María Lina Iglesias, que decidiu adoptala. Xa na cidade amurallada, entrou nun club de atletismo onde destacou moi cedo, chegando a gañar campionatos galegos fronte á ateltas sen discapacidade e acadando un sétimo posto nun campionato de España en 2019, tamén contra deportistas con visión completa, entre outros títulos. 

Juan Antonio Saavedra, coa medalla de bronce en Toquio © Paulino Oribe /CPE

En Toquio, acadou o ouro olímpico nos 100 metros da clase T13 e tan só catro días despois logrou a prata nos 400, rematando así unha participación histórica. 

Ademais das medallas de Adiaratou, Susana Rodríguez e Juan Saavedra, Galicia sumou diplomas con Desirée Vila, sexta en lonxitudu T63, ou con Gustavo Nieves en maratón. Chano Rodríguez, nos seus sextos Xogos, foi octavo na final de natación de 50 metros libres S5, mentres que Jacobo Garrido rematou quinto na de 400 S9. 

Tamén acadaron diploma os membros da selección española de baloncesto en cadeira de rodas: David Mouriz, Manuel Lorenzo e Agustín Alejos, cuartos tras perder na pelexa polo bronce co Reino Unido. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.