Un chimpo para a historia do atletismo galego. A ribeirense Ana Peleteiro acadou a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos tras un salto histórico de 14,87 metros que lle valeu para subir ao terceiro posto do podio en Toquio.
Ana Peleteiro bateu o récord de España en dúas ocasións para colgarse a medalla de bronce nun concurso histórico
Foi no segundo intento cando Peleteiro certificou xa a inscrición do seu nome na historia do triplo salto mundial, logrando unha marca de 14,77 metros e batendo o récord de España. No quinto, superouno en dez centímetros para se colocar terceira por tres centímetros e asegurar a medalla de bronce. Foi tamén cando vibrou Galicia, o Barbanza e Ribeira, desde onde moitos dos seus veciños seguían en pantalla xigante a proba que podía levar ás portadas a súa localidade.
"Por fin podo dicir que son medallista olímpica, levo toda a vida soñando con isto pero non sabía se ía ser quen de sacar ese salto", dixo Peleteiro
Así foi. E fíxoo acadando o primeiro metal olímpico para o atletismo galego co mellor salto da súa vida nunha final na que se superou o récord de España, pero tamén o récord do mundo, por parte dunha histórica Yulimar Rojas, con 15,67 --compañeira de adestramento de Peleteiro--, e o de Portugal, co salto de Patricia Mamona, as outras dúas medallistas que completaron un concurso de lenda.
Nas súas declaracións nada máis rematar a competición, Peleteiro asegurou que sabía que "podía ser un gran día" pero que "non sabía se ía ser quen de sacar ese salto". "Soñei moito pero non sabía se o lograría", dixo. "Por fin podo dicir que son medallista olímpica; levo toda a vida soñando con isto e aínda non o podo crer", rematou.
Supuxo a confirmación da atleta galega, que irrompeu con forza en categoría absoluta cando en 2019 se proclamou campioa de Europa en pista cuberta en Glasgow, cun salto de 14,73 metros que supuxera a mellor marca de toda a súa carreira e o récord de España (superando os 14,64 de Carlota Castrejana de 2007).
Hai tan só uns meses, en Polonia, cedeu a súa coroa continental por un só centímetro á portuguesa Patricia Mamona, saltando 14,52 tras unha preparación atrancada polas lesións, pero acadando unha medalla de prata que a mantivo na elite.
Agora, na cita por excelencia do atletismo, a ribeirense subiu ao podio tras colgarse unha medalla de bronce que xa é historia do atletismo e do deporte galego. O metal dunha rapaza de tan só 25 anos, con moitos campionatos por diante e os Xogos de París 2024 xa no horizonte.
Todo nun día histórico con outra boa noticia para o atletismo galego da man de Adrián Ben. O viveirense clasificouse para a final dos 800 metros en Toquio tras conseguir a súa segunda mellor marca de sempre e a mellor dun español nuns Xogos Olímpicos nunhas semifinais onde foi cuarto tras unha gran remontada.