Peleteiro dedica o seu novo éxito ao 8M e "a todas esas mulleres que loitan por ocupar o lugar que merecen"

Ana Peleteiro celebra a medalla de prata nos Europeos de Atletismo en pista cuberta © Miguelez / RFEA

"A todas esas mulleres que loitan cada día por ocupar o lugar que merecen". Esa foi a dedicatoria que a galega Ana Peleteiro neste 8 de marzo fixo da medalla de prata que un día antes conseguira nos Europeos de Atletismo de pista cuberta celebrados na cidade polaca de Torun. 

Peleteiro dedica a súa medalla de prata polo 8M "a todas esas mulleres que loitan cada día por ocupar o lugar que merecen"

Tan só unhas horas despois de acadar o subcampionato --tras o ouro conseguido dous anos antes en Glasgow-- a deportista de Ribeira botou man das redes sociais para volver sacar o seu lado reivindicativo, feminista e afouto. "Todo isto concide co 8M, o Día da Muller, a muller valente, loitadora, guerreira... O día de todas nós", destacou Ana Peleteiro, que advertiu que por esa razón quería dedicarlles o seu novo éxito. 

Belén Toimil, nos Europeos de Torun (Polonia) © European Athletics

Foi nun campionato con selo galego e feminino, no que a mugardesa Belén Toimil logrou en lanzamento de peso o sétimo posto e a clasificación para os Xogos Olímpicos de Toquio, pero sobre todo bater un récord de España que fora acadado cando ela só tiña dous anos. 

A prata de Peleteiro e o impensable récord de España de Belén Toimil deron selo galego aos Europeos en pista cuberta

Toimil lanzou o pasado xoves a bóla de catro quilos a 18,64 metros, 70 centímetros máis alá que os 17,94 que conseguira Martina de la Puente hai 25 anos. Foi unha proeza histórica, unha marca impensable no atletismo español e acadada no momento exacto, no lanzamento perfecto. A mellor marca da atleta mugardesa era de 17,21 metros ao rematar o 2020 e de 17,86  hai tan só unhas semanas. 

Tamén Peleteiro deu o máximo no momento xusto. Quedáballe un só intento e cos 14,34 metros acadados tan só podería ser cuarta. Tras un ano de dificultades, xogou todo a unha carta tendo o ouro a 20 centímetros de distancia. No quinto e derradeiro salto do campionato, alcanzou os 14,52, a dous centímetros do ouro pero dabondo para alcanzar a medalla de prata. 

"Loitei ata o final e conseguín a mellor marca do ano malia estar lesionada bastante tempo. Demostrei que son boa competidora e, aínda por riba, o meu adestrador está contento comigo", destacou Peleteiro, que adiantou que o verán "será mellor seguro". 

Ana Peleteiro, nos Europeos de Atletismo en pista cuberta de Torun (Polonia) © Miguelez / RFEA

Alá espera Toquio para Belén Toimil e para unha Ana Peleteiro que, só unhas horas despois dun novo éxito, acordouse do 8M e volveu reivindicar a causa feminista e da muller como antes fixo para denunciar o racismo ou a discriminación das mulleres embarazadas no deporte ou para defender a lingua galega. "Sobre todo, eu son galega", dixo hai só uns meses cando recibiu a Medalla Castelao quen sabe da súa influencia nas redes sociais e das súas mensaxes, sempre claras e sen complexos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.