No pasado ano 2020, en plena crise e confinamento pola COVID, a cineasta galega residente en Inglaterra, Ana Taboada, pensou nun proxecto no que enfocar o esforzo e a superación que levaron a tres "persoas normais" a triunfar co que enfrontarse á negatividade que envolvía o ambiente.
Elixiu para esta aposta polo optimismo e a superación tres deportistas galegos en preparación para os Xogos de Toquio, celebrados un ano despois do previsto por mor do coronavirus: Teresa Portela, Nico Rodríguez e Carlos Arévalo. Tres medallistas protagonistas de La Cima, o documental que debulla a súa vida, o seu traballo e o seu día a día na loita por unha meta. Desde a perspectiva máis humana.
"Quería mandar unha mensaxe de optimismo e buscamos tres atletas que tivesen unha historia complicada pero que saísen adiante", conta Taboada.
"Son historias extraordinarias protagonizadas por persoas normais, capaces de perseguir unha meta sen descanso"
Presentado este mércores na Coruña, a primeira longametraxe de Ana Taboada dá voz a tres deportistas que ocuparon portadas neste verán, hai tan só uns días, ao conseguir dúas pratas --a de Teresa Portela no K1 200 e a de Carlos Arévalo xunto aos tres compañeiros no K4 500 de piragüismo-- e o bronce de Nico Rodríguez na clase 470 de vela con Jordi Xammar. Foi, como lembraron todos, un filme "talismán", centrado en tres atletas preparando uns Xogos nos que acabaron subindo ao podio.
"Son historias extraordinarias protagonizadas por persoas normais, capaces de perseguir unha meta sen descanso", di o equipo dun proxecto que "trata sobre ti, sobre min, sobre eses que non saben se perseguir os seus soños, sobre o que está elixindo carreira, sobre o que non quere estudar", di Taboada, directora e produtora.
"Tamén fala sobre eses que se erguen todos os días co son da alarma para conseguir chegar a ese posto soñado, fala de que podes tirar a toalla e recollela, que podes cambiar o camiño,que podes priorizar a familia, podes facelo á túa maneira, que con persistencia, trabalo duro e bo facer chegarás a onde queres chegar, só é cuestión de tempo", di.
"Estes tres incribles atletas ensínannos que todo é posible", insiste Taboada, que aclara que La Cima está afastado da filosofía de recompensa fácil e da crenza de que todo está escrito no destino. Un documental que pretende achegar a idea de que o éxito, en definitiva, "é estar contentos co esforzo desenvolvido, seguros de ter dado todo o mellor".
Coa estrea prevista en Los Cantones da Coruña, pero aínda á espera de acadar espazos para a súa difusión futura, o documental foi gravado en Aldán, berce de tantas medallas olímpicas, o Cabo Ortegal, Illas Cíes, Vigo, os Canóns do Sil, Betanzos ou as Fragas do Eume.
Céntrase na vida e na carreira deportiva de Teresa, Carlos e Nico e nos esforzos diarios destes tres deportistas de elite. Tamén no azaroso dunha traxectoria que pode mudar por un pequeno detalle ou decisión. Ou pola diferenza entre quedar cuarto nuns Xogos ou alcanzar un podio e ocupar portadas e espazos nos medios de comunicación e obter o recoñecemento en formas de continuas homenaxes. Un longo e esforzado camiño ata á cima.