Rodríguez e Xammar completan un palmarés histórico en catro anos: dous bronces en unha prata en Mundiais e dúas pratas e un bronce nos Europeos
A vela trouxo para Galicia outra medalla olímpica. Logo dun ciclo olímpico de cinco anos cargado de títulos, o vigués Nico Rodríguez, xunto ao catalán Jordi Xammar, pechou cun bronce na clase 470 un traballo que empezara aló por 2016.
O quinto posto acadado polos regatistas na medal race deste mércores na bahía de Sagami abondou para manter posto de podio e acadar o obxectivo polo que tanto tempo levan loitando, tras os barcos de Australia e Suecia.
Foi a recompensa a un segundo posto, un terceiro e un quinto nas nove mangas anteriores á última, que conta dobre, e onde outro quinto foi suficiente para pisar o caixón e poñer o ramo a uns últimos catro anos cargados de éxitos no palmarés de Rodríguez e Xammar: dous bronces en unha prata en Mundiais e dúas pratas e un bronce nos Europeos.
A deste mércores supón a terceira medalla da vela galega nuns Xogos Olímpicos tras as de Antón Paz e Fernando Echávarri en Pequín 2008 e a de Támara Echegoyen e Sofía Toro en Londres 2012.
E é o cuarto metal para Galicia en Toquio logo do bronce de Ana Peleteiro, a prata de Teresa Portela e a que ten asegurada Iván Villar, porteiro suplente da selección de fútbol que xogará a final contra o Brasil.
O soño de Adrián Ben
Pode haber aínda máis. Unha das posibilidades, aínda que complexa pola enormidade do xa conseguido, é a de Adrián Ben, que disputa pouco despois das 14 horas a final de 800 metros en atletismo logo dunha clasifiación histórica e batendo marcas en cada eliminatoria.
No día do seu aniversario --cumpre 23 anos--, o de Viveiro buscará unha fazaña máis grande aínda da xa conseguida.
Desde a Deputación de Lugo, nun vídeo, deportistas do Breogán, o Club Deportivo Lugo, o Burela de fútbol sala, o Ensino e o Emevé mandan ánimos a Adrián Ben nun día "histórico para o deporte galego". "Estamos no barco, seguimos soñando", din.
Ademais, o betanceiro Carlos Arévalo acompañará a Saúl Craviotto nas semifinais do K1 200 de piragüismo tras a clasificación deste mércores, como a que conseguiu a pontevedresa Antía Jócome en C1 200.