Portela acada unha medalla olímpica nos seus sextos Xogos e con 39 anos
Unha medalla para a historia. Nos seus sextos Xogos Olímpicos, unha marca xa de lenda, a padexeira galega conseguiu a prata na final de K1 200 en Toquio. Con 39 anos, a de Cangas suma un novo éxito --polo que devecía desde hai tanto-- a un palmarés difícil de igualar e volve situar O Morrazo e o piragüismo galego no cumio do olimpismo.
Portela marcou un tempo de 38.333, por detrás de Lisa Carrington e diante da danesa Emma Jorgensen, e con case 40 anos, sendo nai, cumpriu con soño do que quedou a poucas centésimas en Londres 2012. Seis Xogos e cinco diplomas olímpicos despois desde que se estreara en Sydney 2000 con tan só 18 anos. 21 despois, xa ten o metal que tanto buscara.
Cangas e o club de remo de Aldán suman a medalla de Portela ás cinco de David Cal e ao ouro de 'Perucho'
A parroquia de Aldán e o seu club de remo poderán volver presumir dunha fazaña inimitable ao sumar un novo metal olímpico aos seis que suman outros dous veciños da localidade: os cinco de David Cal e o ouro que conseguiu Carlos Pérez Rial, Perucho. Sete en total.
Agora, Teresa Portela completa coa prata conseguida este martes un palmarés único, con 15 medallas en campionatos do mundo e 17 en europeos. "Era un soño estar nos Xogos e poder estar na final xa era incrible, pero a medalla é a miña recompensa aos máis de vinte anos na elite", asegurou a galega nada máis rematar a proba e logo de dedicar a medalla, en especial, á súa filla Naira, de sete anos. "Díxome: 'mami, gaña'. Non gañei pero sábeme a ouro", rematou.
Puido ser unha xornada aínda máis memorable para Galicia, logo do domingo de bronce con Ana Peleteiro. No entanto, en vela, a pontevedresa Támara Echegoyen e o sonense Iago López, xunto aos seus compañeiros Paula Barceló e Diego Botín, quedaron ambos a un pasiño da medalla de bronce. No primeiro caso por un só punto de diferenza, e no segundo tras acabar en empate cos terceiros clasificados.
Queda aínda a opción do vigués Nico Rodríguez, que este martes rematou a xornada na clase 470 de vela mantendo praza no podio tras un quinto e sétimo posto nas dúas regatas disputadas.