Germade e Arévalo dan outra medalla ao piragüismo galego, que suma doce na historia olímpica

Craviotto, Cooper, Arévalo e Germade, coa prata olímpica en Toquio © COE

Rodrigo Germade --outro de Cangas, de onde ía ser-- e o betanceiro Carlos Arévalo trouxeron outras dúas medallas para Galicia dos Xogos de Toquio. Xunto a Saúl Craviotto e Marcus Cooper no K4 500 do equipo español, os dous padexeiros ergueron de novo o piragüismo galego ao máis alto, ao sumar o duodémico metal olímpico na historia para esta disciplina. Desta vez, unha prata. 

Barco español do K4 500, cos galegos Arévalo e Germade © FEP

Os galegos Germade e Arévalo, xunto a Craviotto e Cooper, só foron superados polos alemáns, os outros favoritos da proba

Desde a primeira de Ramos Misioné en Montreal 1976 ata hoxe, pasando por Enrique Míguez, as cinco medallas de David Cal, os ouros de Pérez Rial e Cristian Toro ou o último metal acadado por Teresa Portela. Doce podios olímpicos para Galicia no piragüismo, co Morrazo e Cangas como protagonistas principais. 

Desta vez, Germade, Arévalo e os seus compañeiros cumpriron coas expectativas que os daban a eles ou aos alemáns como campións. Os xermanos só sufriran unha derrota en todo o ciclo olímpico, pero fora precisamente contra o barco español. 

O deporte galego suma cinco medallas en Toquio, o seu mellor resultado nuns Xogos Olímpicos

Venceron os alemáns cunha vantaxe de 0.226 sobre o barco español, que chegou xusto por diante de Eslovaquia. Non foi o broche de ouro logo da longa selección da embarcación, cunha importante polémica á hora de confeccionar os integrantes do equipo e logo dun accidente no barco. Malia todo, sabe case a ouro, máis a Saúl Craviotto, que iguala o galego David Cal como o español con máis metais olímpicos, con cinco. 

Con esta medalla, os deportistas galegos suman tamén xa seis en Toquio logo da de Ana Peleteiro en atletismo, a de Teresa Portela en piragüismo, a de Nico Rodríguez en vela e a de Iván Villar en fútbol. Na mañá deste sábado uniuse a de Rodrigo Corrales, outro cangués, que sumou o bronce na selección española de balonmán, que derrotou a Exipto. 

É o mellor resultado nuns Xogos Olímpicos para Galicia tras os catro metais acadados en Londres 2012 (Echegoyen e Toro en vela, o padexeiro David Cal, o triatleta Javier Gómez Noya e Begoña Fernández en balonmán). Catro do total de deportistas que colgaron medalla en Toquio son de Cangas: Teresa Portela, Rodrigo Germade, Iván Villar e Rodrigo Corrales

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.