"No deporte a miña meta persoal é ser campión olímpico", dicía Adrián Ben nunha entrevista en Vinte hai agora un ano. Doce meses despois, o atleta viveirense celebrou o seu 23º aniversario cun histórico quinto posto na final dos 800 metros nos Xogos Olímpicos de Toquio, mellorando o tamén histórico sexto posto dos últimos mundiais cunha marca de 1:45.96.
"Melloro o meu posto de Doha, un obxectivo que parecía moi difícil; que dicir dun diploma olímpico no meu debut nuns Xogos", dicía nada máis acabar unha proba na que os kenyanos Korir e Rotich, ocuparon as dúas primeiras prazas, o bronce foi para o polaco Dobek e o australiano Bol entrou por diante do mariñao.
No día no que cumpría 23 anos, Adrián Ben foi o segundo europeo nunha final olímpica, a primeira para un deportista do equipo español na historia
Adrián Ben foi o segundo europeo nunha final olímpica, a primeira para un deportista do equipo español na historia, datos que dan conta da meritoria participación dun mozo de só 23 anos que comezou no atletismo logo de gañar con sete anos a carreira popular de Viveiro.
O cativo que os pais levaban cada semana a adestrar a Lugo desde A Mariña. "Se estou onde estou é grazas a eles que fixeron o esforzo, cen quilómetros ir e cen volver", lembraba na mesma entrevista.
Desta vez, coa súa valentía habitual, a progresión na última volta deulle un quinto posto histórico que, por momentos, soñouse con máis en Viveiro, desde onde a través dunha pantalla xigante veciñanza e familia seguían a carreira. Quedou a 57 centésimas do bronce. "Faltoume unha marcha; a cen metros vía que tiña a medalla", contaría despois.
Non chegou o metal pero si a consolidación dun atleta que xa é historia do atletismo galego e español e que olla xa aos Xogos de París... E aos que lle quedan. Este mércores subiu un chanzo máis desa "escaleira" que di que foi a súa carreira desde o principio. "Cada vez un pasiño máis arriba e crecendo pouco a pouco", explica.
Cumprindo un obxectivo que impresiona para un rapaz que, tras a suspensión dos Xogos en 2020, aclaraba que, no fondo, o deporte era "un entretemento" e que o importante era "curar a pandemia". O mesmo que, tras un quinto posto olímpico, acordouse da xente coa que veraneaba no cámping.
O Adrián que aparenta un neno entre os xigantes do atletismo, pero que xa ten un posto entre eles. Máis que merecido. Desde A Mariña. "Ata loguiño", dixo despois de entrar na historia.