Así lle foi a Galicia en París: un feixe de medallas de bronce e unha decena de diplomas olímpicos

Adeus París 2024. Ola, Os Ánxeles 2028 CC-BY-ND Nicolas Michaud

En piragüismo houbo medallas para Carlos Arévalo, Rodrigo Germade e Diego Domínguez e, ademais, un gran número de galegos e galegas clasificáronse para as finais

Galicia pechou a súa participación nos Xogos Olímpicos de París con medallas en piragüismo (Carlos Arévalo e Rodrigo Germade no K4 500), boxeo (Enmanuel Reyes na categoría de 92 Kg.) e balonmán masculino (Rodrigo Corrales). E, ademais, cun gran número de diplomas olímpicos (entregados aos oito primeiros de cada competición), en atletismo, remo, baloncesto e, sobre todo, piragüismo, confirmado de novo como deporte rei do olimpismo galego.

Foron dúas semanas e media nas que houbo grandes alegrías para a delegación galega e outros resultados que souberon a pouco. Foron días de despedidas, nalgúns casos, coma a da canguesa Teresa Portela, que completou cun magnífico sexto posto os seus sétimos xogos. E tamén de pasos adiante de competidores e competidoras moi novas, coma Pablo Crespo (Pontevedra, 2002), Carolina García (Pontevedra, 1999), Manu Ochoa (Tomiño, 1998), Tariku Novales (Etiopía, 1998) ou Julia Benedetti (A Coruña, 2004), que poñen xa o seu seguinte obxectivo olímpico nos Xogos dos Ánxeles de 2028.

A medallite, esa obsesión que semella existir por acadar un posto entre os tres primeiros, non debe ocultar o gran número de postos de finalistas acadados pola delegación galega

Foron xornadas de durísimos esforzos individuais e tamén colectivos, con galegos e galegas participando nas seleccións españolas de balonmán, baloncesto ou fútbol, cunha actuación moi destacada de Paula Ginzo, María Araújo, Tere Abelleira ou Rodrigo Corrales. As dúas primeiras caeron nos cuartos de final, acadando polo tanto diploma olímpico; máis dolorosa foi a derrota da selección de fútbol de Tere Abelleira, caendo no partido polo bronce. O cangués Corrales, en cambio, foi quen de obter o bronce no partido polo terceiro e cuarto posto.

A medallite, esa obsesión que semella existir por acadar un posto entre os tres primeiros, non debe ocultar o gran número de postos de finalistas acadados pola delegación galega.

Celebramos a medalla de bronce para o coruñés de orixe cubana Enmanuel Reyes Pla, aínda que un axustado (e discutido) combate de semifinais o afastase da loita polo ouro

Tamara Echegoyen non tivo unha boa semana de regatas en vela e tampouco María de Valdés puido brillar na natación de augas abertas. E na primeira fin de semana de competición, a relativa decepción do sexto posto da ribeirense Ana Peleteiro nunha final de triplo salto condicionada pola chuvia foi compensada pola medalla de bronce acadada polo coruñés de orixe cubana Enmanuel Reyes Pla, aínda que un axustado (e discutido) combate de semifinais o afastase da loita polo ouro.

Enmanuel Reyes Pla, nun dos combates de París 2024 © COE

Cómpre destacar tamén a notable actuación dos dous galegos no remo, con senllos diplomas olímpicos para Rodrigo Conde (5º) e Caetano Horta (8º)

Polo medio, foron varios os galegos e galegas que competiron en atletismo, cunha actuación digna pero sen grandes éxitos. Esperábase máis de Adrián Ben, que non foi quen de pasar das primeiras eliminatorias, pero si se puido celebrar o pase á final da oleirense Yulenmis Aguilar, que acadou un sexto posto, a menos dun metro das medallas.

Cómpre destacar tamén a notable actuación dos dous galegos no remo, con senllos diplomas olímpicos para Rodrigo Conde (5º) e Caetano Horta (8º).

Chegou despois o piragüismo, no que unha vez máis os galegos e galegas non fallaron. Dende Atenas 2004, en todas as citas olímpicas os palistas do país acadaron algún metal e así foi novamente en París 2024. Manu Ochoa quedou fóra da final no caiac cross, pero nas augas tranquilas foron moitos os competidores que obtiveron, cando menos, diploma olímpico.

Germade e Arévalo, coa medalla de bronce obtida xunto con Craviotto e Cooper © COI

O xoves o betanceiro Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade acadaron outra medalla de bronce como integrantes do K4 500 español (con Saúl Craviotto e Marcos Cooper) que finalizou en terceira posición, só por detrás de Alemaña (os grandes favoritos) e Australia. Ambos os dous foran xa prata en Toquio en 2021 no K4 500. 

O piragüismo deulle xa a Galicia 14 medallas na historia dos Xogos Olímpicos, ao redor da metade de todos os metais acadados polos deportistas galegos

Ese mesmo día Na final do C2 500 Diego Domínguez, piragüista madrileño de só 21 anos con licenza galega (pertencente ao Club CMDC Breogán do Grove e alumno da Universidade de Vigo) e considerado DGAN (Deportista Galego de Alto Nivel), finalizou en terceira posición nunha carreira moi axustada.

O venres non houbo medallas, pero Antía Jácome meteuse na final do C2 500, acadando un sexto posto e diploma olímpico. E o sábado, no día que se pechaba a competición, Jácome estivo aínda máis preto dos metais, cun cuarto posto na final do C1 200. A pontevedresa, de só 25 anos, ten un gran futuro e nos Xogos de 2028 abofé que estará entre as favoritas.

Diego Domínguez celebra a medalla de bronce acadada no C2 500 masculino © COI

O piragüismo deulle xa a Galicia 14 medallas na historia dos Xogos Olímpicos, ao redor da metade de todos os metais acadados polos deportistas galegos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.