O betanceiro Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade acadaron a medalla de bronce como integrantes do K4 500 español (con Saúl Craviotto e Marcos Cooper) que finalizou en terceira posición, só por detrás de Alemaña (os grandes favoritos) e Australia
Comezan a chegar os metais para os deportistas galegos en París. Despois do bronce acadado o pasado sábado polo boxeador coruñés Enmanuel Reyes, este xoves o piragüismo volveu ser sinónimo de éxito para os competidores do país. O betanceiro Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade acadaron outra medalla de bronce como integrantes do K4 500 español (con Saúl Craviotto e Marcos Cooper) que finalizou en terceira posición, só por detrás de Alemaña (os grandes favoritos) e Australia.
A embarcación española saíu moi forte e dominaba a proba no seu ecuador -250 metros-. Porén, nos últimos cen metros foi superada por alemáns e australianos, que gardaran máis forzas para o final. Tan só 25 centésimas separaron o K4 español do ouro.
Carlos Arévalo (Betanzos, 1993) foi xa prata en Toquio en 2021 no K4 500, o mesmo que Rodrigo Germade (Cangas, 1990). Ambos os dous terán este venres unha nova oportunidade de sumar unha medalla nas probas finais do K2 500. A final está programada para as 13:30 horas.
A canguesa Teresa Portela e a pontevedresa Carolina García foron sextas na final do K4 500 feminino
Dez minutos antes fora a quenda do K4 500 feminino da canguesa Teresa Portela e a pontevedresa Carolina García, no que competía tamén a asturiana Sara Ouzande, afincada en Galicia e considerada DGAN (Deportista Galega de Alto Nivel), e Estefanía Fernández.
A embarcación española foi sexta na carreira, preto das medallas, pero por detrás das súas adversarias, nunha proba na que nunca conseguiron colocarse nas primeiras posicións. As galegas conseguen así un diploma olímpico.
Teresa Portela despídese así de París, os seus sétimos Xogos, nos que participou na súa sétima final olímpica
Teresa Portela (Cangas, 1982) despídese así dos Xogos de París, a súa sétima cita olímpica despois da de Sidney (2000), Atenas (2004), Beixín (2008), Londres (2012), Río de Xaneiro (2016) e Toquio (2021). Foi esta a súa sétima final, nunha brillante carreira que en Toquio se viu recompensada, por fin, cunha medalla de prata.
Carolina García (Pontevedra, 1999) e Sara Ouzande terán este venres unha nova oportunidade de medalla nas probas decisivas do K2 500, cuxa final está programada para as 13:10 horas.
Na final do C2 500 Diego Domínguez, piragüista madrileño afincado en Galicia, obtivo tamén o bronce
A outra medalla do día en piragüismo para a delegación española tivo tamén parte galega. Na final do C2 500 Diego Domínguez, piragüista madrileño con licenza galega (pertencente ao Club CMDC Breogán do Grove) e considerado DGAN (Deportista Galego de Alto Nivel), finalizou en terceira posición nunha carreira moi axustada na que a embarcación que comparte con Joan Antoni Moreno estivo preto da prata pero tamén puido quedar sen metal. Domínguez, de só 21 anos, estuda o Grao de Publicidade e Relacións Públicas na Universidade de Vigo,
Este venres e sábado os e as palistas galegas terán aínda máis opcións de acadar medalla: no K2 500 masculino e feminino, no C2 500 feminino, no C1 1000 masculino e no C1 200
Este venres e sábado os e as palistas galegas terán aínda máis opcións de acadar medalla. Ademais das finais do K2 500 en categoría masculina e femenina, tamén Antía Jácome desputa as semifinais (10:30) e final do C2 500 (12:50). Así mesmo, Pablo Crespo compite na semifinal (11:30) e final (13:50) do C1 1000. Antía Jácome completará a participación galega o sábado pola mañá nas semifinais e final do C1 200.