Dende Atenas 2004, en todas as citas olímpicas os piragüístas galegos acadaron algunha medalla
Non houbo fortuna esta fin de semana con Ana Peleteiro na final do triplo salto, aínda que a galega obtivo un meritorio diploma olímpico. Porén, as opcións de medalla dos deportistas galegos multiplícanse nesta derradeira xornada dos xogos, especialmente co inicio da competición de piragüísmo en augas tranquilas, na que compiten oito palistas do país. Todo comeza este martes coas primeiras series, mentres que a maior parte das finais terán lugar o venres.
Dende Atenas 2004, en todas as citas olímpicas os palistas do país acadaron algún metal. Nesta ocasión, as opcións son varias: aparecen entre os favoritos o K4 500 masculino (con Rodrigo Germade e Carlos Arévalo), o K4 500 feminino (con Carolina García e Teresa Portela), o K2 500 masculino (coa parella Rodrigo Germade e Carlos Arévalo), con grandes probabilidades tamén para o C2 500 feminino (con Antía Jácome) e para o K2 500 feminino (Carolina García).
Temos por unha banda, as dobres opcións de Rodrigo Germade e Carlos Arévalo, primeiro no K4 500 e despois no K2 500
Temos por unha banda, as dobres opcións de Rodrigo Germade e Carlos Arévalo, primeiro no K4 500 e despois no K2 500. As series do K4 comezan ás 9:30 horas e os cuartos de final ás 13:10; o xoves 8 tería lugar a hipotética semifinal (11:50) e a posible final (13:50). Mentres, as series do K2 inícianse ás 11:30 horas e os cuartos de final celébranse ás 14:30; o venres 9 serían as semifinais (11:10) e final (13:30)
Tamén hai galegas no K4 500 e no K2 500, con Teresa Portela e Carolina García
Tamén hai galegas no K4 500 e no K2 500. No K4, no que participan Teresa Portela e Carolina García (e a asturiana con licenza galega Sara Ouzande), as series comezan ás 10 horas, para buscar o pase para as semifinais (11:40) e final (13:40), que terán lugar o xoves. No K2 500, no que están Carolina García e Sara Ouzande, as series comezan tamén este martes ás 12:10 horas e os cuartos de final serán ás 14:10; o venres 9 terán lugar as semifinais (10.50) e final (13:10).
Entre todos os participantes destaca a presenza de Teresa Portela, historia viva do deporte galego, que en París compite nos seus sétimos Xogos
Entre todos os participantes destaca a presenza de Teresa Portela, historia viva do deporte galego, que en París competirá nos seus sétimos Xogos Olímpicos, despois dos de Sidney (2000), Atenas (2004), Beixín (2008), Londres (2012), Río de Xaneiro (2016) e Toquio (2021), onde por fin acadou unha medalla olímpica, unha prata, despois de ter sumado un cuarto, tres quintos e un sexto posto nas citas anteriores.
Hai tamén grandes opcións no C2 500 de Antía Jácome, cuxas series comezan este martes ás 11 horas
Hai tamén grandes opcións no C2 500 de Antía Jácome, cuxas series comezan este martes ás 11 horas e que terá os seus cuartos de final ás 13:20; Jácome tería a súa hipotética semifinal o venres ás 10:30 horas e a final ás 12:50. A palista galega tamén compite no C1 200, que comeza as súas series o xoves ás 10:30 horas e que terá os seus cuartos de final ese días ás 12:40 horas; a semifinal e final serían o sábado pola mañá.
Ademais, participan -con menos opcións- Diego Domínguez (C2 500 masculino), Pablo Crespo (C1 1000 masculino). As series do C2 500 comezan este xoves ás 10:30. As series do C1 1000 inícianse o mércores ás 11:40 horas.
Outros deportes
Este mércores comeza a competición o viveirense Adrián Ben nos 800 metros lisos
Ademais, nestes últimos días de Xogos, tamén comeza a competición o viveirense Adrián Ben nos 800 metros lisos, unha competición na que busca entrar na final e acadar diploma olímpico e na que de seguro que dará moita guerra. Hai tres anos foi quinto en Toquio e o pasado ano proclamouse campión de Europa en pista cuberta. En xuño en Roma foi sexto no Campionato de Europa ao aire libre.
Ben comeza ás series o mércores ás 11:55 horas, cunha posible repesca o xoves. A semifinal será o venres ás 11:30 horas e a final o sábado ás 19:25 horas.
Tamén podería haber opcións na remuda mixta de marcha, na que Antía Chamosa integra o equipo español
Tamén podería haber opcións na remuda mixta de marcha, na que Antía Chamosa integra o equipo español. Será o mércores a partir das 7:30 horas da mañá.
Ademais, Belén Toimil, quinta no Campionato de Europa o mes pasado, buscará meterse na final de lanzamento de peso. O mesmo tentará en lanzamento de xavelina Yulenmis Aguilar, que vén de adquirir a nacionalidade e o permiso para representar a España. E na maratón Tariku Novales (actual recordman de España) e Ester Navarrete tentarán dar unha sorpresa.
Optan a medalla Teresa Abelleira en fútbol e María Araújo e Paula Ginzo en baloncesto
E ollo ao fútbol e ao baloncesto, porque Tere Abelleira xa está en semifinais da competición de balompé, que España xoga este martes ás 21:00 horas con Brasil, á que xa derrotou na primeira fase. Igualmente, María Araújo e Paula Ginzo xogan os cuartos de final de baloncesto ante Bélxica; será o mércores ás 17:30 horas.
Nesta derradeira semana tamén compite María de Valdés en natación de augas abertas e Julia Benedetti en skate.