Este venres a partir das 18.15 horas comeza a cualificación do triplo salto, no que a galega compite con outras 30 atletas
Os Xogos Olímpicos de París chegan ao seu ecuador, nunha fin de semana que dá paso á semana decisiva da maior parte de competicións. Entra en escena, ademais, o que probablemente é o deporte rei, o atletismo, no que ademais Galicia conta con competidores e competidoras de primeiro nivel. Como Ana Peleteiro. A atleta de Ribeira, medalla de bronce en Toquio, vén de proclamarse campioa de Europa e é unha das favoritas á vitoria, máis aínda tendo en conta a ausencia de Yulimar Rojas por lesión.
Este venres a partir das 18.15 horas comeza a cualificación do triplo salto, no que a galega compite con outras 30 atletas. Para acceder á final hai que superar os 14,35 metros ou, cando menos, rematar entre as 12 mellores. Peleteiro é oitava no ranking anual cun mellor salto de 14,85 metros que lle valeu o triunfo no Campionato e Europa de Atletismo de Roma do pasado mes de xuño.
A ribeirense debería entrar sen problemas na final, programada para o sábado ás 20:20 da tarde, onde se medirá cun grupo de rivais moi forte pero, en teoría, moi igualadas entre si. A cubana Leyanis Pérez, a dominiquesa Thea LaFond, a estadounidense Keturah Orji e a xamaicana Shanieka Ricketts serán as súas principais rivais. Sen esquecer á ucraína Bekh-Romanchuk, á tamén cubana Povea e á tamén xamaicana Williams.
Peleteiro non será a única protagonista galega esta fin de semana nos Xogos. No piragüísmo, o tomiñense Manu Ochoa participará a partir deste venres ás 15:30 horas na categoría de kayak cros, unha modalidade na que o pasado mes de xuño obtivo a vitoria en Praga na Copa do Mundo.
Ochoa non é favorito, pero busca cando menos meterse na final e aí ter un bo día que incremente as súas opcións. Compite na primeira rolda con outros 37 palistas, entre eles o catalán Miquel Trave que hai uns días ficou moi preto das medallas na final do slalon. Manu Ochoa compite o sábado, o domingo e tamén o luns. O luns 5 é o día clave, cos cuartos de final (15:52), semifinais (16:28) e a final (16:48).
Outra das citas da fin de semana está no boxeo. Enmanuel Reyes Pla, boxeador de orixe cubana e afincado na Coruña dende hai anos, asegurou este xoves unha medalla na competición olímpica de -92 quilos. Alcumado O Profeta, gañou con claridade o seu combate de cuartos de final ao belga Schelstraete. Este domingo 4 ás 13:08 horas Reyes Pla buscará na semifinal entrar na loita polo ouro, que tería lugar o venres 9. Pero mesmo perdendo a semifinal, o boxeador herculino acadaría unha medalla de bronce
Este sábado ás 17 horas a pontevedresa Teresa Abelleira xoga os cuartos de final da competición de fútbol ante a selección de Colombia, buscando as semifinais que a acheguen ás medallas. De gañar, España xogarían ante as gañadoras do Francia-Brasil.
Tamén xogarán o sábado, en baloncesto, a viguesa María Araújo e a ourensá Paula Ginzo. Ás 13.30 horas España e Serbia pelexarán polo liderado do seu grupo despois de dúas vitorias e para asegurar un mellor cruce nos cuartos de final.
Esta fin de semana competirá tamén a valdoviñesa Alicia Fernández en balonmán, pois a selección española xoga o sábado ás 11 horas contra Francia, despois de catro derrotas nos catro primeiros partidos.
Xoga tamén o cangués Rodrigo Corrales no balonmán masculino este venres ás 16 horas ante Alemaña e o domingo ás 21 horas ante Croacia. A selección española, con dúas vitorias e unha derrota, busca asegurar o pase a cuartos de final e evitar as seleccións máis duras do grupo B nos cruces.