Galicia chega a París cunha trintena de deportistas e varias opcións de medalla

Calendario dos deportistas galegos en París sobre unha imaxe dunha carreira de Adrián Ben en Toquio © Praza.gal/COE

O vindeiro venres 26 de xullo comezan en París os Xogos Olímpicos, a cita máis importante do deporte mundial. Galicia estará representada por preto dunha trintena de deportistas, entre os que hai varias opcións de medalla. Serán dúas semanas e media de intensa competición, ata o 11 de agosto, uns días nos que esperamos celebrar un gran número de éxitos para o noso deporte.

O venres que vén comezan os Xogos, nos que preto de 30 deportistas do país competirán entre os mellores do mundo. Hai un gran número de opcións de medalla e de diplomas olímpicos

En total, segundo a relación publicada en X por Alfonso Hermida, hai 27 deportistas galegos entre os participantes (entre eles algúns non nacidos en Galicia, pero establecidos aquí dende hai anos), aos que hai que sumar outros cinco que aínda que non viven en Galicia pero que contan con licenza galega ou están considerados pola Xunta DGAN (Deportistas Galegos de Alto Nivel).

Na seguinte táboa pódese consultar o seu calendario de competición, os días e horas nas que intervirán e nas que poden avanzar cara ás roldas finais, nas que se deciden as medallas. Como lembrabamos nesta Ducia, as e os deportistas de Galicia acadaron ao longo da historia unhas 25 medallas olímpicas, tanto de forma individual coma colectiva, nunha listaxe na que destaca por riba de todo o piragüísmo (12 metais) e un nome, o de David Cal, que entre 2004 e 2012 acadou cinco.

Galicia é unha potencia en piragüismo, con nove deportistas en París e un gran número de opcións de medalla e diplomas olímpicos. Tamén conta con representantes destacadas en atletismo, remo, vela e mesmo boxeo e, igualmente, con xogadoras e xogadores en deportes de equipo coma o balonmán, o fútbol ou o baloncesto

Galicia é unha potencia en piragüismo, con nove deportistas en París, e un gran número de opcións de medalla e diplomas olímpicos. Entre todos os participantes destaca a presenza de Teresa Portela, historia viva do deporte galego, que en París competirá nos seus sétimos Xogos Olímpicos, despois dos de Sidney (2000), Atenas (2004), Beixín (2008), Londres (2012), Río de Xaneiro (2016) e Toquio (2021), onde por fin acadou unha medalla olímpica, unha prata, despois de ter sumado un cuarto, tres quintos e un sexto posto nas citas anteriores.

Pero non é a única disciplina na que destaca Galicia, con representación en varios deportes acuáticos, coma a vela, o remo e a natación en augas abertas. Destaca tamén a ampla participación no atletismo, posiblemente o deporte rei nos Xogos, cun total de sete competidores e competidoras. Galicia participará tamén en Tríatlon, Skate, Boxeo e igualmente galegos e galegas formarán parte da selecciónm española en deportes colectivos, coma o balonmán (en categoría feminina e masculina), o fútbol (en categoría feminina) e o baloncesto (en categoría feminina.

Unha das mellores opcións de medalla para unha deportista galega é a de Ana Peleteiro en triplo salto, que competirá os días 2 e 3 de agosto

A regatista ourensá Támara Echegoyen será tamén protagonista en París, pois foi escollida para ser -xunto con piragüista Marcus Cooper- a abandeirada da selección española, é dicir, para portar a bandeira española na cerimonia de inauguración dos Xogos, o venres 26. En Londres 2012 Echegoyen e a coruñesa Sofía Toro gañaron o ouro en na clase Elliott 6m xunto a Ángela Pumariega. Foi o primeiro o primeiro -e ata agora único- ouro olímpico para unha deportista galega.

 

Opcións de medalla no atletismo

Unha das mellores opcións de medalla para unha deportista galega é a de Ana Peleteiro. A atleta de Ribeira, medalla de bronce en Toquio, de de proclamarse campiona de Europa en Budapest e é unha das favoritas á vitoria, máis aínda tendo en conta a ausencia de Yulimar Rojas por lesión. A cubana Leyanis Pérez, a dominiquesa Thea LaFond, a estadounidense Keturah Orji e a xamaicana Shanieka Ricketts serán as súas principais rivais. O 2 de agosto (cualificación) e 3 de agosto (final) temos unha das grandes citas dos Xogos.

Un dos saltos de Ana Peleteiro en Toquio 2020 © COE

De seguro que Adrián Ben dará moita guerra nos 800 metros

O resto de participantes galegos en atletismo téñeno máis difícil para aspirar aos metais, pero de seguro que Adrián Ben dará moita guerra nos 800 metros lisos. Hai tres anos foi quinto en Toquio e o pasado ano proclamouse campión de Europa en pista cuberta. En xuño en Roma foi sexto no Campionato de Europa ao aire libre. 

Belén Toimil, quinta no Campionato de Europa o mes pasado, buscará meterse na final de lanzamento de peso. O mesmo tentará en lanzamento de xavelina Yulenmis Aguilar, que vén de adquirir a nacionalidade e o permiso para representar a España. E na maratón Tariku Novales (actual recordman de España) e Ester Navarrete tentarán dar unha sorpresa. Tamén podería haber opcións na remuda mixta de marcha, na que Antía Chamosa, pode integrar unha das dúas parellas que representarán a España.

O poderío galego en piragüismo

Rodrigo Germade, Carlos Arévalo, Carolina García, Teresa Portela ou Antía Jácome optan aos metais en piragüismo

O piragüismo será unha vez máis a modalidade na que o deporte galego contará con máis posibilidades de acadar medalla ou diploma olímpico. Dende Atenas 2004, en todas as citas olímpicas os palistas do país acadaron algún metal. Nesta ocasión, as opcións son varias: aparecen entre os favoritos o K4 500 masculino (con Rodrigo Germade e Carlos Arévalo), o K4 500 feminino (con Carolina García e Teresa Portela), o K2 500 masculino (coa parella Rodrigo Germade e Carlos Arévalo), con grandes probabilidades tamén para o C2 500 feminino (con Antía Jácome) e para o K2 500 feminino (Carolina García). Ademais, participan -con menos opcións- Diego Domínguez, Pablo Crespo e Sara Ouzande.

No último Campionato de Europa, celebrado este ano, Antía Jácome acadou un ouro e unha prata e o pasado ano a mesma palista obtivo dúas pratas no Campionato do Mundo, no que tamén foron medalla Rodrígo Germade, Teresa Portela, Carolina García e Sara Ouzande.

Antía Jácome en Toquio 2020 © COE

A competición de piragüismo en augas tranquilas celebrarase entre o 6 e o 10 de agosto

A competición de piragüismo en augas tranquilas celebrarase entre o 6 e o 10 de agosto, na derradeira semana dos Xogos. Datas para ter moi en conta.

Non hai que esquecer, ademais, ao tomiñense Manu Ochoa, que participará na categoría de kayak cros, modalidade na que o pasado mes de xuño obtivo a vitoria en Praza na Copa do Mundo. Competirá entre o 2 e o 5 de agosto.

Galicia, país acuático

Hai opcións tamén en vela, da man de Támara Echegoyen no 49erFX

Galicia é un país litoral e acuático e somos especialistas en deportes que teñen como escenario o mar ou os ríos. Na historia dos Xogos, os deportistas galegos sumaron tres medallas en vela e en París poderían obter unha máis, a través de Támara Echegoyen no 49erFX, no que compite con Paula Barceló. A parella foi cuarta en Toquio e aspira a acadar unha medalla. O 29 de xullo comezarán a competición e o 1 de agosto celebrarase a derradeira regata, nas que se definirán os metais.

Carlos Arévalo en Toquio 2020 © COE

Non hai que esquecer na proba de natación en augas abertas á malagueña de orixe María de Valdés, que reside na Coruña dende o ano 2017

Tampouco hai que esquecer á malagueña de orixe María de Valdés, que reside na Coruña dende o ano 2017, e que participa na proba de natación en augas abertas de 10 quilómetros. Este ano foi medalla de prata na mesma proba no Campionato do Mundo de Natación.

En remo compite o noiense Caetano Horta na modalidade de dobre skul lixeiro. Horta foi sétimo en Toquio, polo que non hai que descatalo para nada. O mesmo sucede co moañés Rodrigo Conde, no dobre skul, despois de ter acadado unha medalla de prata no Campionato do Mundo de 2022.

Outras opcións

Tamén hai opcións de medalla en boxeo, con Enmanuel Reyes, cubano de orixe que reside na Coruña

E, igualmente, hai opcións de medalla en boxeo, con Enmanuel Reyes, cubano de orixe que reside na Coruña dende hai anos. En Toquio foi quinto e o pasado ano foi bronce no Campionato de Europa. En París competirá na categoría de 92 quilos e figura entre os favoritos para acadar un metal.

Tamén hai grandes opcións de medalla en judo, aínda que neste caso a galeguidade dos competidores é máis discutible. Fran Garrigós, Nikoloz Sherazadhisvili e Laura Martínez non naceron nin residen en Galicia, pero están considerados pola Xunta DGAN (Deportistas Galegos de Alto Nivel). De igual xeito, David García conta cunha licenza galega sen residir no país. Todos eles están entre os mellores das súas categorías e sobre todo Garrigós e Sherazadhisvili teñen opcións de medalla.

Támara Echegoyen e Paula Barceló, competindo nos Xogos Olímpicos de Toquio © Sailingshots / María Muiña

Máis difícil o terá o vigués Antonio Serrat Seoane en Tríatlon, onde terá moita competencia. Con todo, o atleta galego foi bronce nos Campionatos europeos hai tres anos. E máis remotas aínda son as opcións da coruñesa Julia Benedetti en skate, nos que serán os seus segundos Xogos Olímpicos.

María Araújo e Paula Ginzo, xogadoras da selección española de baloncesto © FEB

Deportes de equipo

Hai galegas nos combinados de balonmán, baloncesto e fútbol feminino e un xogador na selección de balonmán masculino. O fútbol feminino e o balonmán masculino son favoritos para as medallas, pero os catro combinados teñen opcións

Rematamos cos deportes de equipo, onde hai galegas nos combinados de balonmán, baloncesto e fútbol feminino e un xogador na selección de balonmán masculino. Nas catro modalidades hai opcións de medalla, especialmente no fútbol e no baloncesto feminino e no balonmán masculino

Teresa Abelleira é o metrónomo da selección española de fútbol, a peza clave do centro do campo que ordena o xogo das campioas do mundo. Aínda que parte nun grupo difícil, España é unha das grandes favoritas ao ouro.

Tamén no baloncesto feminino España é unha das principais potencias; prata en Río 2016, prata tamén no último Europeo, o equipo no que xogan a viguesa María Araújo e a ourensá Paula Ginzo opta ás medallas. 

No balonmán masculino, Rodrigo Corrales forma parte dunha selección española que foi bronce en Toquio e nos dous últimos mundiais e que aspira claramente aos metais.

Finalmente, a valdoviñesa Alicia Fernández está na selección de balonmán, que foi bronce en Londres 2012 e espera dar a sorpresa en París.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.