Marcos Pérez Pena

Unha ducia de medallistas de Galicia nos Xogos Olímpicos

O vindeiro 26 de xullo comezarán en París os Xogos Olímpicos, a cita deportiva máis importante do mundo, na que o deporte galego volverá estar representado e, ademais, con varias opcións de medalla. As e os deportistas de Galicia acadaron ao longo da historia unhas 25 medallas olímpicas, tanto de forma individual coma colectiva, nunha listaxe na que destaca por riba de todo o piragüísmo (12 metais) e un nome, o de David Cal, que entre 2004 e 2012 acadou cinco. Pero non foi o único.

  1. 01

    Ana Peleteiro

    Comezamos polo final, é dicir, polas últimas medallas acadadas polos deportistas do país nos Xogos Olímpicos de Toquio, previstos inicialmente para o ano 2020 e que a pandemia de Covid adiou ata o 2021. Foi unha das mellores edicións para os galegos e galegas, cun total de 6 medallas, entre deportes colectivos e individuais. 

    Ana Peleteiro acadou o bronce nunha final de triplo salto na que bateu dúas veces o récord de España e acadou unha mellor marca de 14,87 metros. A ribeirense, que vén de proclamarse campioa de Europa, opta a todo en París e é unha das nosas mellores apostas na procura dunha nova medalla.

  2. 02

    Teresa Portela

    Teresa Portela é historia viva do deporte galego. En París competirá nos seus sétimos Xogos Olímpicos, despois dos de Sidney (2000), Atenas (2004), Beixín (2008), Londres (2012), Río de Xaneiro (2016) e Toquio (2021). En Toquio acadou por fin unha medalla olímpica, unha prata, despois de ter sumado un cuarto, tres quintos e un sexto posto nas citas anteriores. En total, acumula 17 medallas en mundiais e outras tantas en campionatos europeos.

    É de Aldán, a vila máis olímpica de Galicia, que nas últimas décadas enviou aos Xogos a Portela, a David Cal, a Carlos Pérez Rial, a Sonia Molanes, a Rodrigo Germade ou a Iván Villar.

  3. 03

    Nicolás Rodríguez García-Paz

    Tamén foi medalla en Toquio o regatista vigués Nico Rodríguez, bronce en 470 xunto ao catalán Jordi Xammar.

    En Toquio tamén acadaron medalla os palistas galegos Rodrigo Germade e Carlos Arévalo, que integraron o K4 que acadou a prata en 500 metros. En París volverán ser olímpicos, de novo no K4 500 e tamén no K2 500.

  4. 04

    Rodrigo Corrales

    Tamén en deportes de pelota os galegos teñen cousas que dicir, como o demostra Rodrigo Corrales (outro de Cangas), o porteiro da selección española de balonmán que en Toquio acadou a medalla de bronce. Na actualidade xoga no Veszprém KC húngaro.

    Tamén foi medalla (de prata, neste caso) Iván Villar, de novo de Cangas e máis concretamente de Aldán (non sabemos que lles dan de comer alí), porteiro da selección española de fútbol que competiu en Toquio e que na actualidade xoga no Celta.

  5. 05

    Cristian Toro

    Os xogos de Río de 2016 non foron tan prolíficos en medallas para os deportistas galegos, pero Cristian Toro -nacido en Venezuela de pai e nai galegos e retornado sendo adolescente- obtivo a medalla de ouro na proba K-2 200 m con Saúl Craviotto. Posteriormente foi tronista no programa Mujeres y hombres y viceversa e presentouse ás eleccións municipais en Madrid nas listas de VOX.

  6. 06

    Begoña Fernández

    Seguimos falando de balonmán, disciplina na que a viguesa Begoña Fernández foi medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Londres 2012.

  7. 07

    Javier Gómez Noya

    O triatleta ferrolán Javier Gómez Noya acadou en Londres a medalla olímpica pola que levaba tanto tempo traballando. Campión do mundo en cinco ocasións. No ano 2008 ficara en cuarta posición nun mal día, pero catro anos despois foi segundo, só por detrás de Alistair Brownlee

  8. 08

    Toro e Echegoyen

    A ourensá Támara Echegoyen e a coruñesa Sofía Toro gañaron o ouro en Londres 2012 na clase Elliott 6m xunto a Ángela Pumariega. Foi o primeiro o primeiro -e ata agora único- ouro olímpico para unha deportista galega

  9. 09

    David Cal

    En Londres David Cal sumou a súa quinta medalla olímpica, unha prata que engadiu ás de ouro e prata acadadas en Atenas 2004 e ás dúas pratas de Beixín 2008, demostrando que o piragüísmo (C1, neste caso) se nos dá bastante ben aos galegos e máis aínda aos de Aldán.

  10. 10

    Carlos Pérez Rial

    Porque de Aldán tamén é Carlos Pérez Rial, medalla de ouro en Beixín 2008 no K2 500 m que compartiu con Saúl Craviotto. Perucho acadou en total catro campionatos do mundo.

  11. 11

    Echávarri e Paz

    En Beixín 2008 foron tamén medalla de ouro os regatistas Antón Paz Blanco (arousán) e Fernando Echavarri (nacido en Santander pero criado en Pontevedra), que gañaron na clase Tornado.

    Dende os Xogos de Atenas en 2004, cando os galegos sumaron as dúas medallas de David Cal e unha máis do ciclista galaico-catalán José Antonio Hermida, o deporte do país non falla á súa cita no podio. Non fora o habitual nos anos anteriores. Nin en Sidney 2000, nin en Atlanta 1996 houbo medallas galegas; en Barcelona 1992 tan só Alejandro Avecilla acadou unha prata en Hoquei Patíns, que era deporte de exhibición.

  12. 12

    Luis Gregorio Ramos Misioné

    No século XX os éxitos olímpicos galegos teñen un nome por riba de todo: o do lucense Luis Gregorio Ramos Misioné, que abriu os éxitos para o piragüismo do país. Foi prata en Montreal 1976 (K4 1000 m) e bronce en Moscova 1980 (K2 1000 m).

    En Os Ánxeles 1984 o palista tudense Enrique Míguez Gómez acadou o bronce en C2 500 m e, ademais, Fernando Romay formou parte da histórica selección española que foi prata en baloncesto.

  13. 13

    José Pedro Cea

    Quen foi o primeiro medallista galego? Temos que viaxar a Anveres 1920, cita olímpica na que a selección española de fútbol foi prata con dous galegos no equipo: o pontevedrés Luis Otero Sánchez e o vigués Moncho Gil.

    Pero tamén neses anos e tamén en fútbol atopamos unha curiosidade histórica: a primeira medalla de ouro para un deportista galego non foi obtida nunha selección española, senón uruguaia. Uruguai era na década dos vinte do pasado século o mellor equipo de fútbol do mundo, campión olímpico en 1924 e 1928 (e acadou a súa terceira estrela no campionato de 2030). Nesa selección estaba José Pedro Cea, nacido en Redondela e emigrado a Uruguai e que compartiu selección co tamén redondelán Lorenzo Fernández, igualmente campión olímpico en 1928.