O torneo, que terá lugar do 11 ao 17 de abril, convértese na auténtica Copa de Europa da disciplina, coa participación dos mellores equipos do continente, incluíndo o Sporting e o Porto portugueses, o Barça e o Liceo
A Coruña acollerá en abril a Champions do hóckey a patíns, unha competición de clubs que reunirá os 12 mellores equipos do continente baixo a denominación de Golden Cup 50 aniversario Deportivo Liceo, pois o torneo tamén servirá para celebrar o medio século de historia da formación galega.
No torneo, que terá lugar do 11 ao 17 de abril, participarán cinco equipos portugueses (Sporting de Portugal, Porto, Benfica, Barcelos e Oliveirense), cinco españois (Deportivo Liceo, Barça, Noia, Reus e Caldes), un italiano (Forte dei Marmi) e un francés (Saint-Omer).
O pasado verán os clubs máis importantes do continente, unidos na EHCA (European Hockey Clubs Association) separáronse da federación WS Europe e abandonaron a Liga Europea, debido ás discrepancias sobre o modelo de competición. Os equipos reclamaban a organización dunha verdadeira Euroliga na que xogasen todos os equipos contra todos, para facer máis atractiva a competición, que nos últimos anos perdeu patrocinadores, audiencia e relevancia social.
O pasado verán os clubs máis importantes do continente, unidos na EHCA (European Hockey Clubs Association) separáronse da federación WS Europe e abandonaron a Liga Europea
Na competición do vindeiro mes de abril, que se converte na auténtica Copa de Europa da disciplina, xogarase primeiro unha fase de grupos, divididos os 12 clubs en catro grupos de tres equipos cada un (nos que non pode haber tres equipos dun mesmo país). Sporting, Porto, Barça e o propio Liceo serán os cabezas de serie que encabezarán cada un deles. Os dous mellores de cada grupo pasarán ás roldas eliminatorias, xogando cuartos de final (venres), semifinais (sábado) e final (domingo).
Xa están dispoñibles as 500 primeiras entradas para o evento, unha promoción reservada a socios e socias do Liceo
Xa están dispoñibles as 500 primeiras entradas para o evento, unha promoción reservada a socios e socias do Liceo, que ata o venres 25 de febreiro poderán adquirir un abono completo para toda a competición por só 50 euros. Ademais, pola adquisición de catro pases, o club entregará outro completamente de balde.
Nas vindeiras semanas o Liceo informará sobre o prezo das restantes entradas e a capacidade dispoñible no Pazo dos Deportes de Riazor, na actualidade fixada nun máximo do 75%, debido ás restricións que aínda existen por mor da COVID, pero que o club espera que en abril xa non se apliquen.
50 anos de historia
O Liceo suma 6 Ligas, 10 Copas do Rei e 6 Copas de Europa, o que o converte no club deportivo máis laureado de Galicia
O Hockey Club Liceo da Coruña naceu en 1972 da man de catro persoas, entre as que destaba Augusto César Lendoiro, presidente durante 28 anos. O equipo chegou á máxima categoría no ano 1979, gañando a súa primeira liga na tempada 1982-83. Viñeron despois outros cinco títulos da máxima competición estatal, ademais de 10 Copas do Rei (a última o pasado ano), 6 Copas de Europa, 2 Copas CERS e 2 Recopas de Europa.
Sobre todo nos anos 80, o Liceo converteu A Coruña na capital do hóckey a patíns, levando máis de 10.000 persoas ao Pazo dos Deportes de Riazor. Aínda que a finais da década dos 90 o equipo viviu unha etapa de certo decamento, nos últimos anos o club loita de novo polo triunfo na OK Liga (foi segundo nas catro últimas tempadas) e nas competicións europeas.