A enciclopedia do fútbol que conquista o mundo desde Galicia

Presentación de Fútbol Táctico en Beijing © Fútbol Táctico

Fútbol Táctico está presente na China. É o último logro dunha plataforma web galega que dá soporte a técnicos e xogadores de fútbol e fútbol sala de todo o mundo. Un produto único, unha enciclopedia do balompé que fornece a afeccionados, pero sobre todo a técnicos, e que conta, por exemplo, coa colaboración do coordinador da selección brasileira e campión do mundo hai vinte anos, Carlos Alberto Parreira, que é consultado polo actual seleccionador da canarinha, Scolari, e ao que están subscritos a metade dos adestradores da Primeira e Segunda División de España. Un proxecto tan descoñecido como exitoso, nado entre Carballo e A Coruña, e que vén de dar un paso de xigante coa súa instauración no país máis poboado do mundo.

Fútbol Táctico "agrupa todo o material técnico e táctico que un adestrador de calquera categoría precisa, desde a base até o profesional"

A chegada á China, tras a aterraxe no Brasil en abril, aumenta a presenza internacional dun proxecto que "agrupa todo o material técnico e táctico que un adestrador de calquera categoría precisa, desde o fútbol base até a monitores de tempo libre que fan exercicios co fútbol, pasando por profesionais e incluso seleccionadores nacionais". Quen así o explica é Carlos Beade, un dos directivos da compañía que viaxou a Beijing para consumar o acordo. "Co noso produto tes a capacidade de preparar completamente unha tempada, independentemente da categoría e do grao de profesionalidade do teu equipo", engade.

"É un produto único, non  hai outro semellante; unha enciclopedia na que calquera afeccionado pode atopar o que desexe sobre o balompé, tanto no ámbito máis profesional e técnico, como no xeral, coa recente posta en marcha dunha revista", explica un dos dirixentes dunha web que recibe 200.000 visitas mensuais e que conta con 100.000 usuarios rexistrados, unha cifra que pode multiplicarse por moito. Fútbol Táctico aspira a sumar entre 300.000 e 400.000 subscritores en canto pase o primeiro ano na China e ten o reto de alcanzar os dous millóns no seu segundo ano nun país de onde a firma espera conseguir o 80% da súa facturación en 2015.

A plataforma ten 100.000 subscritores e alcanza as 200.000 visitas mensuais

Porque esta plataforma web será unha ferramenta de traballo máis na formación dentro do Campus Fútbol, un proxecto institucional do Goberno chinés que chega a cinco millóns de nenos e que conta con presenza en diferentes localidades do país. O acordo permite a Fútbol Táctico ser unha das primeiras empresas -e a única no ámbito deportivo- á que o réxime asiático lle permite publicar online no país un contido non elaborado directamente na China e grazas á beizón da Asociación de Fútbol do país. "Será un salto moi grande", recoñece Beade, que puxo en marcha o proxecto xunto a outros compañeiros en Carballo hai seis anos.

Fútbol Táctico é das primeiras empresas á que o réxime chinés lle permite publicar on line un contido non elaborado directamente na China

Coa idea de xuntar nun único soporte todo o material necesario para un técnico de fútbol, logo dun proxecto inicial exitoso, os seus impulsores analizaron as posibilidades de captar clientes noutros mercados e deron o salto internacional a través do inglés e o portugués hai dous anos. Ademais, creouse outra sociedade para a comercialización dos produtos e deron forma a Fútbol-Táctico Televisión, a última aposta.

Entre emprego directo e indirecto, a plataforma conta con cen traballadores que forman parte da redacción, que desenvolven aspectos tecnolóxicos, gravan adestramentos, exercicios e partidos ou conferencias ou que comercializan os produtos. "Temos equipos de traballo por todo o mundo", explica Beade, que explica que a principal vía de ingresos de Fútbol Táctico son as subscricións, ademais da publicidade -diferente segundo cada país no que se abra a web-, a tenda online onde venden todo tipo de material deportivo, a comercialización de cursos ou os libros de coaching. Unha morea de oportunidades para os profesionais do deporte rei que inclúe un software para preparación de adestramentos onde se inclúen ferramentas para prácticas, partidos ou estratexias con todo luxo de detalles e en tres dimensións. A canle de televisión, onde se poden ver todas as conferencias, é a última aposta.

A metade dos adestradores do fútbol profesional español están subscritos a Fútbol Táctico

"E en breve xurdirán máis cousas porque colaboramos con varios programas de fútbol ou fútbol sala onde haberá un importante uso de nova tecnoloxía", explica Carlos Beade, que recoñece que, malia o éxito da compañía, é "xustamente en España onde notamos menos receptividade". "Aquí hai 46 millóns de adestradores e en internet hai moito material gratuíto para consultar, pero a diferenza é que nós apostamos por unha calidade superior, por produtos ben organizados visualmente e de maneira cómoda para calquera adestrador ou afeccionado", conta.

Tanto é o prestixio acadado pola plataforma que, aínda que prefire non dar nomes, Carlos Beade desvela que a metade dos adestradores dos 42 equipos da Liga de Fútbol Profesional están subscritos a Fútbol Táctico. "Emprégano como reforzo ou como forma de recordar estratexias e métodos de traballo", explica quen destaca as colaboracións "de primeiro nivel" coa súa web. Por exemplo, o coordinador da selección brasileira e campión mundial, Carlos Alberto Parreira, que traballa xunto a Scolari, actual adestrador do Brasil e un habitual usuario do proxecto. Tamén conta coa axuda de importantes preparadores físicos e de varios adestradores profesionais importantes, como Radomir Antic, ou doutros dos que non pode facilitar os nomes.

Presentación de Fútbol Táctico en Beijing © Fútbol Táctico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.