A loita pola selección galega fortalécese coa plataforma Pro Oficialidade

Un siareiro, coa bufanda da selección galega no derbi CC-BY-SA Zelia García

Nace a plataforma Pro Oficialidade Galega. O vindeiro sábado 11 en Lugo, e coincidindo coa disputa do partido de rugby entre as seleccións de Galicia e Euskadi, o colectivo Siareiros Galegos presentará esta iniciativa, que segue o ronsel das xa existentes en Cataluña e o País Vasco, Esait e Pro-seleccions Esportivas Catalanes, que contará con senllos representantes  na presentación.

A plataforma pretende ser un "grupo específico de traballo" que "amplíe a base social e as expectativas" da reivindicación

Será no Pazo Provincial de Lugo a partir das 14 horas cando comece a andaina deste "grupo específico de traballo", como aclaran Siareiros nun comunicado, co que pretenden "ampliar a base social e as expectativas" traballando "cóbado a cóbado con outras plataformas do noso mesmo sentir". "Espallaremos a idea da soberanía deportiva como solución", engaden, "sen esquecer a quen ten dificultades para dispor dun campo de adestramento, quen loita por abrir portas ou quen, baixo un absoluto silencio mediático, alcanza grandes vitorias". "Todas e todos eles serán os nosos aliados, xa que non podemos entender unha iniciativa deste tipo sen a participación e a colaboración conxunta", din.

"Pro Oficialidade Galega e Siareir@s Galeg@s camiñarán da man nesta travesía chamada Oficialidade, co obxectivo de ouvir o himno galego de fondo nun campionato oficial e interncional", asegura o comunicado que presenta unha plataforma que pretende unir no seu seo a todos os sectores comprometidos coa oficialidade das seleccións deportivas galegas, a modo como xa se fixo en Euskadi e Cataluña, onde colectivos semellantes levan anos sumando forzas.

O colectivo segue o ronsel da plataforma vasca Esait ou da catalá Pro Seleccions

"Non podemo ollar cara a outro lado cando vemos como desde o Estado español lanzan ofensivas de adoutrinamento, cando nos negan o dereito a ter unha selección propia ou cando deportistas galegas non poden acudir a un campionato europeo porque non teñen para pagar o avión", continúan, tras destacar que esta situación "agrávase" cando "quen ten que velar polos nosos dereitos deportivos está sumido en procesos xudiciais, corrupción e só nos ofrece marxinación, miseria e máis adoutrinamento político en forma de selección española". "Perante estas condicións, tomamos a decisión, a responsabilidade e oo compromiso de crear un grupo específico de traballo", lembran.

Siareiros Galegos recorda tamén que xa pasaron dezaseis anos desde que se celebrar a primeira manifestación a prol da selección galega, en Vigo e con motivo dun partido entre o Celta e o Compostela, e ao que se uniran grupos de mozos afeccionados celtistas, compostelanistas e deportivistas.

Partido da selección galega cadete Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.