A selección galega de ciclocrós suma dez medallas nos campionatos estatais, con Iván Feijoo e Ricardo Buba como estrelas

Ricardo Buba gañou o ouro na categoría junior © Luz Iglesias / RFEC

Destacou o triunfo de Ricardo Buba na categoría junior e o terceiro posto acadado por Iván Feijoo na máxima categoría. Ademais, Laura Mira foi prata en categoría junior feminina e Miguel Rodríguez foi bronce na categoría sub23 masculina

Galicia demostrou esta fin de semana ser unha potencia no ciclocrós. A selección galega obtivo dez medallas nos campeonatos de España, que se celebraron durante tres días na localidade vaenciana de Xàtiva. Entre elas destacou o triunfo de Ricardo Buba na categoría junior e o terceiro posto acadado por Iván Feijoo na máxima categoría. Ademais, Laura Mira foi prata en categoría junior feminina e Miguel Rodríguez foi bronce na categoría sub23 masculina. Estes éxitos súmanse a outras seis medallas obtidas en categorías cadete, máster ou na carreira por equipos.

Os resultados acadados pola selección galega certifican, sobre todo, a existencia dun futuro brillante nesta disciplina. Non só polo ouro de Ricardo Buba (17 anos), a prata de Laura Mira (17 anos) e o bronce de Miguel Rodríguez (18 anos) nas categorías junior e sub23, senón tamén pola excelente carreira do allarizao Iván Feijóo, de 22 anos, campión Sub23 nas últimas tres edicións e que no seu salto á máxima categoría derrotou a rivais moito máis experimentados.

A selección galega de ciclocrós obtivo dez medallas © Luz Iglesias / RFEC

Os resultados acadados pola selección galega certifican, sobre todo, a existencia dun futuro brillante nesta disciplina

Feijóo só foi superado por Felipe Orts -un dos mellores do mundo na categoría, afeito a competir todas as semanas cos Van Aert, Pidcock, Van der Poel e Iserbyt- e Kevin Suárez, tamén habitual en campionatos internacionais. O galego, agora no equipo MMR, marchaba lonxe do podio nas primeiras voltas, pero unha gran remontada nos quilómetros finais levouno a adiantar competidores. A tres voltas do final era xa terceiro e xa non abandonou esa posición.

O gondomareño Buba dominou a carreira junior con claridade

Mención especial merece por suposto o triunfo de Ricardo Buba. Compoñente do sexteto da Selección de Galicia que o venres se adxudicou a competición Team Relay de remudas por equipos, Buba volveu festexar un triunfo na carreira coa que se abriu a xornada de clausura do campionato. O gondomareño tomou o mando da proba júnior dende o esprint inicial. Con todo, o valenciano Raúl Mira mantívose sempre moi preto do galego. O título júnior que defendía Galicia, tras a vitoria de Miguel Rodríguez no 2021 en Torrelavega, decidiuse nos últimos quilómetros. Buba lanzou outra ofensiva no ecuador da última volta e volveu descolgar a Mira. Nesta carreira o tudense Iván Fernández foi cuarto, a tan só catro segundos do bronce.

A selección galega de ciclocrós obtivo dez medallas © Luz Iglesias / RFEC

Galicia obtivo un total de dez medallas

En total, a colleita de metais galegos en terras valencianas, entre os logrados pola Selección e polos ciclistas que competiron polos seus equipos, alcanzou a decena: catro ouros -Team Relay, o da cadete María Filgueiras, o da máster-40 Marina González (Illas Cíes) e o do júnior Ricardo Buba-, tres pratas -a da cadete Aroa Otero, a do máster-40A Andrés Calvete e a da júnior Laura Mira- e tres bronces -o do máster-40 B Moisés Leboso (G.D. Diez), o do sub23 Miguel Rodríguez e o do elite Iván Feijoo (MMR)-.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.