A técnica que revolucionará o deporte: curar as lesións antes de que se produzan

Alba Cons, durante a súa estadía en Italia Dominio Público Praza Pública

Alba Cons é unha das mellores readaptadoras físicas que se coñecen. Esta galega licenciada en Ciciencas da Actividade Física e do Deporte aprende e traballa cos mellores especialistas a nivel mundial e afonda agora nun enorme obxectivo: acadar a prevención absoluta ao cento por cento das lesións non traumáticas dos deportistas. É dicir, prever as lesións aínda que estas non se manifesten a través de molestia ningunha.

Para logralo, a galega - que bateu records de vendas e fama co seu libro Quiero ser membrillo-  acudiu a Florencia para aprender de Gary Cook, considerado o mellor biomecánico deportivo do mundo, pero tamén dos mellores profesionais e colaboradores de equipos de elite como o Milan de fútbool ou o Cantú de baloncesto. Precisamente, este último conxunto converteuse no que menos lesións sufriu na liga italiana logo de aplicar os métodos de Cook, os mesmos que agora aprende Alba Cons para mellorar aínda máis o seu completo currículo, que inclúe o seu traballo co triatleta Javier Gómez Noya ou baloncestistas da selección arxentina.

Catro dos cinco últimos gañadores da Superbowl aplican o método que perfecciona Cons e que logrou reducir case á nada as lesións non traumáticas

“As lesións traumáticas son inevitables e aí non podemos facer nada; o brillante é que Gary Cook está revolucionando o deporte, como no fútbol americano: catro dos últimos cinco gañadores da Superbowl beneficiáronse do seu tratamento preventivo, que reduciu case á nada o número de lesións non traumáticas”, explica Alba Cons para reparar na importancia deste novidoso método.

Este método no que se especializa Cons consiste, basicamente, “en sete exercicios moi sinxelos”, así como en “avaliar as bases da motricidade humana”. “Igual a un deportista non lle doe nada, pero a través destes traballos averiguamos a porcentaxe de posibilidades de lesionarse baseándonos en xestos ou posicións que teñen durante o día e que son prexudiciais para o futuro aínda que non produzan dor”, relata a galega, que repara así “nas deficiencias” do corpo humano. O obxectivo, real porque xa se fai, “anticiparse ás posibles lesións dun deportista sen que teña molestia ningunha”. Descúbrense así vicios posturais que poden ser determinantes en mancaduras posteriores.

O método Cook logra anticiparse e previr as lesións, aínda que o deportista non teña molestia ningunha

Por todo isto, Cook e o seu equipo ultiman un acordo coa FIFA para desenvolver un programa informático de prevención de lesións e dedican semanas á formación de readaptadores en cursos que restrinxen a profesionais de acreditada traxectoria e que superan un exame previo. Entre ese grupo está Alba Cons, que viaxará a Roma en setembro para asesorar as Forzas Especiais da OTAN en métodos para reducir as lesións nas costas. Ademais, participará tamén nun sistema en rede que conecta aos principais recuperadores funcionais do mundo para intercambiar experiencias e unificar criterios.

Alba Cons asesorará ás Forzas Especiais da OTAN en Italia para reducir as lesións nas costas

Logo viaxará a Holanda e máis tarde aos Estados Unidos. Todo para seguir formándose e mellorar un método que aplicará en Galicia e que se basea “na prevención e na personalización”. Será a opción para anticiparse ás lesións e poder reducir ao cero todas aquelas non traumáticas. Un choio para calquera deportista e para equipo de elite.

Alba Cons, durante a súa estadía en Italia Dominio Público Praza Pública
Capa do famoso libro de Alba Cons Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.