A UD Ourense fai historia: sete ascensos en doce anos, o triunfo do "fútbol popular"

Celebración na Praza Maior de Ourense polo ascenso da U.D. Ourense a Primeira Federación © U.D. Ourense

O club fundado no ano 2014 por un grupo de seareiros despois da desaparición do equipo histórico da cidade e xestionado democraticamente por eles acada o ascenso á Primeira Federación. Os unionistas derrotaron o Conquense 0-2 e desataron a euforia na Praza Maior de Ourense

O fútbol popular é un concepto popularizado nos últimos anos para abranguer distintas iniciativas nas que un grupo de seareiros toma o control (ou crea de novo) un equipo, nun proceso que xorde como crítica á xestión mercantilizada dos clubs, propiedade habitualmente de grupos empresariais, ou ás veces en resposta á propia desaparición da entidade. Esta alternativa democratizadora, motivada polo amor a unhas cores e ao propio deporte (e seguindo a máxima do "odio eterno ao fútbol moderno") ten exemplos destacados no Unionistas de Salamanca, no Xerez Deportivo ou na Unión Deportiva Ourense.

Este domingo a U.D. Ourense volveu facer historia co seu ascenso á Primeira Federación, a terceira categoría no fútbol español, na que o vindeiro ano militará xunto con outros equipos galegos, coma o Rácing de Ferrol Pontevedra, Lugo, o Celta Fortuna ou o Fabril. Os unionistas derrotaron no partido de volta do play-off ao Conquense (0-2) con goles de Busto e Migui, resultado que se uniu ao 1-0 da ida no Estadio do Couto.

Non foi doado -un ascenso nunca o é- e o equipo mesmo tivo que sobrepoñerse a un atranco de última hora, cando unha moi tardía decisión sobre unha aliñación indebida nun partido entre Numancia e Fabri do mes de xaneiro acabou, por unha carambola, prexudicando os ourensáns, que de súpeto viron como un empate na eliminatoria podería supor a súa eliminación.

A afección da U.D. Ourense no Estadio do Couto © U.D. Ourense

A festa en Ourense foi total. Ademais dos preto de 300 afeccionados que se desprazaron a Cuenca, milleiros de persoas celebraron na cidade das Burgas uns goles que chegaron nos últimos minutos do partido (89' e 92') e que certificaron o ascenso

A festa en Ourense foi total. Ademais dos preto de 300 afeccionados que se desprazaron a Cuenca, milleiros de persoas celebraron na cidade das Burgas uns goles que chegaron nos últimos minutos do partido (89' e 92') e que certificaron o ascenso. De inmediato a Praza Maior, onde se instalara unha pantalla xigante, estoupou co éxito do equipo vermello.

Trátase do sétimo ascenso do club nos últimos doce anos e o segundo consecutivo. A entidade, fundada no verán de 2014, debutou na Terceira Autonómica, o nivel máis baixo do fútbol federado. Nos anos seguintes, encadeou catro ascensos consecutivos, ata tocar por dous anos unha Terceira División que abandonou polo efecto arrastre da creación da 2ª RFEF e 3ª RFEF. De volta a esta categoría un ano despois, A U.D. Ourense fixo unha parada algo máis prolongada na Terceira Federación, na que permaneceu tres tempadas, ata que a pasada tempada acadou o ascenso á Segunda Federación. Este ano, malia ser debutante na categoría, a entidade encadeou un segundo ascenso consecutivo.

Un club xestionado de forma democrática polos seus afeccionados

Trátase do sétimo ascenso do club nos últimos doce anos e o segundo consecutivo

No ano 2014 o histórico Club Deportivo Ourense -fundado en 1952 e que xogou 13 tempadas en Segunda División- desapareceu por mor da crise económica que arrastraba. O equipo, que militaba na Segunda División B, levaba meses sen pagar as nóminas e foi descendido administrativamente e posteriormente liquidado. 

Ourense ficou orfo de fútbol de primeiro nivel, pero a desaparición do C.D. Ourense levou a dous movementos ben distintos: por unha banda o antigo Ponte Club de Fútbol foi renomeado como Ourense Club de Fútbol, S.A.D, co obxectivo de representar ao conxunto da cidade. 

Celebración dos xogadores da U.D. Ourense no partido de ida do play-off de ascenso, xogado a pasada semana no Couto © U.D. Ourense

En 2014, organizados na Plataforma SOS CDOurense os seareiros intentaron que o un club con 62 anos de historia non desaparecera. Non o conseguiron, pero por votación popular decidiron crear dende a base -a Terceira Autonómica- un club xestionado de forma democrática

En paralelo, un grupo de afeccionados optou por unha vía completamente distinta. Organizados na Plataforma SOS CDOurense os seareiros intentaron que o un club con 62 anos de historia non desaparecera. Non o conseguiro, pero seguiron reuníndose no emblemático campo do Couto buscando unha alternativa: por votación popular decidiron crear dende a base -a Terceira Autonómica- un club xestionado de forma democrática -“un socio, un voto”- polos seus socios e socias, un modelo absolutamente afastado do modelo das sociedades anónimas deportivas.

A U.D. Ourense fai historia cun equipo cun gran número de xogadores ourensáns, un importante traballo de canteira e apoiado sobre unha masa social ampla e crecente, que por exemplo no partido de ida ante o Conquense respondeu ata case encher o histórico estadio do Couto, con 4.300 espectadores

12 anos despois a Unión Deportiva Ourense chega á categoría de bronce do fútbol español, a mesma na que militaba a C.D. Ourense no momento da súa desaparición. Curiosamente substitúe Primeira Federación ao Ourense Club de Fútbol, S.A.D, ascendido hai dous anos e que nesta tempada finalizou en postos de descenso e o vindeiro curso xogará na Segunda Federación.

A U.D. Ourense fai historia cun equipo cun gran número de xogadores ourensáns, un importante traballo de canteira e apoiado sobre unha masa social ampla e crecente, que por exemplo no partido de ida ante o Conquense respondeu ata case encher o histórico estadio do Couto, con 4.300 espectadores. A celebración chegará este martes, cando a afección está convocada para unha nova festa, desta volta coa presenza dos xogadores. 

A U.D. Ourense derrotou o Conquense a domicilio para acadar o ascenso © U.D. Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.