A última xornada de Liga depara un drama para o fútbol galego

Unha xogada dun derbi galego en Balaídos CC-BY-SA Zelia García

Hai pouco máis dun ano, Deportivo e Celta celebraban cunha semana de diferenza o seu regreso á elite futbolística. O vindeiro sábado, un dos grandes galegos -ou incluso os dous- chorarán a súa volta á Segunda División tan só unha temporada despois da súa última gran festa. O destino quixo que o derbi do país non se repita na próxima campaña, logo de que os branquiazuis desaproveitasen coa súa derrota en Málaga a grande oportunidade de certificar a salvación e de que os celestes si aproveitasen coa súa vitoria en Valladolid os erros dos seus rivais.

Hai dous meses, o Deportivo nin soñaba con depender de si mesmo na última xornada; hai dúas semanas, o Celta tampouco confiaba en ter tantas opcións de se salvar

Así de cruel quixo ser esta Liga para o balompé galego e para dous equipos separados por tan só un punto a falta da última xornada de Liga. Depende de si mesmo o Deportivo, que nin soñaba hai agora dous meses con chegar nesta privilexiada situación ao último acto, pero que ve tamén como o seu rival -unha espléndida Real Sociedad que pelexa pola súa última opción de Champions- é o maior perigo para confirmar o milagre. Hai tan só dúas semanas, era o Celta o que confiaba todas as súas opcións a outra milagre que agora semella máis perto que nunca. E por cousas así disque este deporte é inimitable.

Todas as miradas estarán postas en Riazor este sábado ás 21 horas. Se o Deportivo gaña, o Deportivo sálvase. Non habería máis contas. Nin Mallorca, nin Zaragoza nin Celta poderían alcanzar os 38 puntos que sumarían os de Fernando Vázquez, o mesmo conxunto que hai dous anos bateu unha marca ao descender coa maior puntuación da historia (43).

Todas as miradas estarán postas en Riazor: se o Deportivo gaña, baixarán Celta, Zaragoza e Mallorca

As contas comezan no momento no que os coruñeses non acaden a vitoria. De empatar, o Deportivo tan só conseguiría a salvación se o Celta e o Zaragoza non gañan. A vitoria do Mallorca non variaría o resultado ao ter os branquiazuis a diferenza de goles gañada cos de Palma. E se os de Riazor perden? Neste caso, manterían a categoría se celestes e maños empatan, xa que un triplo empate a 35 puntos favorecería os de Fernando Vázquez, e se o Mallorca non gaña. O descenso á Segunda División tamén se confirmaría en caso de derrota se é o Zaragoza o que empata e o Celta perde. A igualdade a puntos unicamente cos aragoneses devolvería os da Coruña ao inferno.

Un triplo empate a puntos entre Deportivo, Zaragoza e Celta beneficiaría os coruñeses

As probabilidades do Celta son máis sinxelas, malia depender de resultados alleos. Precisa gañar ao Espanyol e que o Deportivo non acade a vitoria ante a Real Sociedad. Un empate non sería suficiente para os vigueses, xa que perde o goalaverage cos coruñeses e tamén sae prexudicado se hai igualdade a puntos entre os dous conxuntos galegos e os aragoneses.

Sexa o que for, será unha noite de nervos e tensión a deste sábado. Fernando Vázquez e os xogadores do Deportivo insisten en que non cambian a súa posición e o feito de xogar nun ateigado Riazor depender deles mesmos, e destacan que ese era o único obxectivo que se marcaban cando, tras a chegada do técnico de Castrofeito, aínda soñaban con non descender antes do último partido. No Celta, saben que tamén o teñen na man malia velo perdido hai tan só uns días. Non dependen deles pero confían nunha Real Sociedad que é un dos equipos en mellor forma do campionato e que chegará a Riazor necesitado de puntos. Pola contra, o seu rival en Balaídos, o Espanyol, chega a Vigo sen aspiración ningunha e cunha única posibilidade sentimental para os coruñeses: a presenza nos pericos de Verdú, Colotto e Joan Capdevila, ex branquiazuis e, no caso dos dous últimos, recoñecidos deportivistas.

 

Unha xogada do derbi galego en Balaídos CC-BY-SA Zelia García

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.