A etapa Ponteareas-Sanxenxo abre cinco días de ciclismo de primeiro nivel nas nosas estradas, coa determinante contrarreloxo de Pontevedra, a espectacular ascensión ao Ézaro ou a durísima Palas de Reis-Porto de Ancares. Espectacular polo percorrido, e espectacular (ou iso parece) pola loita que dende a primeira etapa se estableceu entre os catro homes que, con permiso de Gesink ou Antón, loitan polo triunfo final: Purito Rodríguez, Froome, Valverde e Contador, separados por apenas un minuto na clasificación final.
Levamos apenas unha semana de competición e xa houbo máis batalla pola clasificación xeral quen en moitas voltas de tres semanas despois de 21 días. Esta segunda semana prevese decisiva, tanto pola dura contrarreloxo do mércores, na que Froome espera acadar o liderado da proba e distanciar suficientemente a Purito e Valverde, coma polas tres etapas de sábado, domingo e luns, con finais no Porto de Ancares, Covadonga e Cuitunigru, nas que Contador é o gran favorito.
Martes: Ponteareas - Sanxenxo (190 Kms). Pode parecer unha etapa cómoda e de trámite, pero ningunha etapa en Galicia o é. Os corredores percorrerán o Baixo Miño, Morrazo e Salnés, atravesando Mos, Vigo, Cangas, Bueu, Marín, Pontevedra, Combarro, Sanxenxo e O Grove, un percorrido moi propicio para as fugas.
Mércores: Cambados - Pontevedra (CRI, 39,4 Kms). Hai quen di que esta etapa pode decidir a Vuelta. Dende logo, Froome está obrigado a gañar tempo e Purito e Valverde a perder o menos posible. En calquera caso, non se trata dun percorrido de especialistas, senón que é unha crono de forza, mesmo cun porto de terceira categoría, o alto de Monte Castrove, na metade do percorrido.
Xoves: Vilagarcía - Mirador de Ézaro (190,5 Kms). Pode ser un dos finais de etapa máis espectaculares da carreira. O percorrido, que atravesa Caldas, Moraña, A Estrada, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Noia e Muros, vai pegado á costa dende a metade da etapa e non presenta grandes dificultades. Porén, haberá que estar atentos nos quilómetros previos ao comezo da subida ao Ézaro á loita por comezar a ascensión o máis diante posible. A subida final ten menos de dous quilómetros, pero un desnivel medio do 13,5%, con rampas de até o 30%. Non vai haber grandes diferenzas entre os favoritos, pero de seguro que algún deles perderá algúns segundos.
Venres: Santiago - Ferrol (172,8 Kms). A etapa pasará por Bertamiráns, Negreira, Santa Comba, Carballo, Arteixo, A Coruña, Sada, Miño, Ferrol e Catabois antes de regresar á cidade departamental. Non ten portos puntuables pero o perfil é un continuo sobe e baixa. De novo, unha etapa moi difícil de controlar para o pelotón.
Sábado: Palas de Rei - Porto de Ancares (149,2 Kms). Fálase moito da dureza do ascenso aos Lagos de Covadonga, Cuitunigru ou La Bola del Mundo, pero o ascenso inédito a Ancares pode ser mesmo máis duro. Non só polo porto final: dez quilómetros cunha pendente media do 9,5%, rampas do 13% e unha estrada estreita, senón polo resto do percorrido. Unha etapa curta, nerviosa, e con cinco portos de montaña, especialmente duro o de Folgueiras de Airas, que se ascende dende Navia de Suarna.