Arde Lugo: Ascende a Segunda

Os afeccionados do Lugo deixáronse oír nun Ramón de Carranza ateigado Dominio Público Praza Pública

Ninguén dixo que fose ser doado, pero o guión do partido de hoxe parecía empeñado en que os afeccionados branquivermellos sufrisen minuto a minuto. Prórroga, ocasións falladas, erros tamén nos penaltis, que chegaron até o quinto lanzamento, e aí Manu non fallou. O Lugo é equipo da división de prata do fútbol español, regresa a Segunda vinte anos despois, completando unha gran tempada e sumándose tamén aos éxitos de Dépor, Celta e Ourense. Catro ascensos para un ano para lembrar no fútbol galego.

Lugo pasara toda a fin de semana de festa, vestido de romano ou de castrexo no Arde Lucus, pero as celebracións elevaron o ton a partir das dez menos cinco da noite. Unhas dúas mil persoas viran o partido na praza de Augas Férreas, pero sobre todo o ascenso celebrouse na Fonte do Rei. Unha longa noite  despois da noite máis curta do ano. Lugo é de prata.

O Lugo regresa a Segunda vinte anos despois, completando unha gran tempada e sumándose aos éxitos de Dépor, Celta e Ourense

Os ánimos eran bos ao comezo, o 3-1 da ida permitía os xogadores de Quique Setién xogar con tranquilidade, ou así debía ser. Pero o Cádiz comezou o partido moi concentrado, encadenando ocasións, e o Lugo non era quen de manter o balón. E así chegou no minuto 13 o 1-0, obra do ourensán Ferreiro. Parecía máis preto o 2-0 que o empate, pero no minuto 28 Isma colleu o balón no centro do campo e vestiuse de Xavi ou Messi para deixar só ao arxentino Claudio Monti fronte ao porteiro do Cádiz. 1-1 e o Lugo tranquilizábase.

Pero no minuto 45 Pita cometeu un penalti completamente innecesario sobre Góngora. Porén, Escalona comezou nese momento a vestirse de heroe, detendo o lanzamento. O Lugo estaba a 45 minutos do ascenso, superando a presión dun Ramón de Carranza ateigado e dos ataques lanzados ao longo da semana polo adestrador gaditano e os medios de comunicación da cidade.

Con todo, non ía ser tan doado. Aos trinta segundos da reanudación Dioni marcou o 2-1 e quince minutos despois, ante un Lugo noqueado, Juanjo facía o 3-1 e empataba a eliminatoria. Quedaba media hora para xogar nela toda unha tempada. A partir de aí o cansancio e o medo a encaixar o gol comezaron a pasar factura, sobre todo no Cádiz. Puido marcar Ikechi para o Cádiz, pero a ocasión máis clara tívoa Berodia para o Lugo, no 91. Chegou a prórroga, na que os minutos foron pasano moi rápido, cun Cádiz cada vez máis repregado e un Lugo que puido marcar, de novo a través de Berodia, que non tivo o seu día. 

Na rolda decisiva Escalona volveu ser o heroe do seu equipo detendo o penalti andaluz, e Manu marcou o 3-2

E chegaron os penaltis. 1-0 para o Cádiz, 1-1, 2-1. E nese momento Belforti fallou. Parecía que o Lugo morría na beira, cando xa rozara o ascenso coa punta dos dedos. Pero Akinsola fallou, e en cambio Luismi marcou o 2-2 para o Lugo. Tamén fallaron Cases e Berodia. E na rolda decisiva Escalona volveu ser o heroe do seu equipo detendo o penalti andaluz, e Manu, a persoa máis tranquila en todo o estadio, marcou o 3-2. 

Na rolda de prensa posterior ao partido, o adestrador do equipo lucense, Quique Setién, salientou que o Lugo "é un equipo modesto, pero serio", dedicoulle o ascenso ao presidente da entidade e gabou o seu rival, o Cádiz, de quen dixo que merecía ascender igualmente. Finalmente, sinalou que a partir deste luns decidirá o seu futuro. Asegurou que no tempo que leva no Lugo recibiu varias ofertas, pero el non moveu "un músculo".

Os afeccionados do Lugo deixáronse oír nun Ramón de Carranza ateigado Dominio Público Praza Pública
A emoción en Lugo concentrouse na praza de Augas Férreas © @LeonGaliza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.