As federacións de peñas de Deportivo, Celta e Lugo fixeron público este sábado o seu rexeitamento a que a Liga xogue partidos "en ningunha das súas categorías" fóra do Estado Español, en resposta á proposta de que Miami acolla o Girona-Barcelona da segunda volta da competición. Representantes das peñas dos tres conxuntos realizaron un acto na Praza do Obradoiro, no que explicaron o seu posicionamento, un "non rotundo" ante o que entenden como "a enésima pretensión de grandeza e con finalidade exclusivamente económica do que consideramos un modelo de fútbol que non nos representa".
A proposta da LFP para que o Girona-Barcelona do vindeiro 26 de xaneiro se xogue en Miami conta tamén co rexeitamento da Federación de Fútbol (RFEF) e da Asociación de Futbolistas Españoles (AFE) e nos últimos días coñeceuse igualmente a negativa da FIFA a autorizalo.
"Alguén imaxina un derbi galego en Miami, Los Ángeles, Dubai ou onde queiran os designios dos dirixentes de La Liga que se celebre? Nós non. Máxime cando agardamos con fervura cada día de festa no noso estadio"
As peñas denuncian que "en ningún momento se lles consultou para poder expresar a súa opinión" e subliñan que "a desputa deste ou calquera partido lonxe da casa supón un prexuízo irreparábel para o socio e para o afeccionado en xeral, que o que quere é ver o seu equipo no seu estadio 19 veces por temporada no caso da Primeira Dvisión, 21 veces na Segunda División". "Alguén imaxina un derbi galego en Miami, Los Ángeles, Dubai ou onde queiran os designios dos dirixentes de La Liga que se celebre? Nós non. Máxime cando agardamos con fervura cada día de festa no noso estadio", engaden.
Lembran así mesmo que "levar un partido da competición doméstica fóra, a un campo neutral, supón unha adulteración da competición (...) Propor, sequera, que un deles teña lugar nun campo neutral é cambiar as regras do xogo de maneira inxusta". Afirman, igualmente, que este traslado dun encontro a outro país "xera unha perda monetaria para a hostalaría local, vítima colateral deste novo proxecto de sistema".
As peñas conclúen que "no momento en que un deses partidos se chegue a celebrar sentarase un precedente que fará un dano irremediábel ao noso fútbol e ao afeccionado", sobre todo "ao do coñecido como 'club pequeno', que será, segundo se dera a entender polos movementos das últimas semanas, o que saia prexudicado dentro desta nova estratexia do fútbol negocio".
As peñas convidan aos seus clubes a unirse ao rexeitamento desta "nova estratexia do fútbol negocio"
O comunicado finaliza pedíndolles aos seus respectivos clubes que "rexeiten de maneira pública ese ou calquera outro partido fóra do Estado Español" e animando ás peñas e federacións de peñas dos restantes equipos a que tamén se manifesten contra esta posibilidade, convidándoas a unirse ao comunicado difundido.