As rapazas da 'Irmandiña' volven reinar na area

A selección galega feminina celebra o campionato de España Dominio Público Praza Pública

As rapazas galegas volven triunfar na area. A selección galega feminina de fútbol praia revalidou o seu título de campioa de España esta fin de semana en Gran Canaria, confirmando así o seu dominio nesta modalidade e un novo éxito de Pilar Neira, a seleccionadora que regresa ao país cun novo título baixo o brazo.

A selección galega revalidou o seu título de campioa de España

Malia a condición case amateur desta selección e á falta de recoñecemento que moitas veces sofre, Galicia volveu impoñerse a todas as adversidades e venceu as Balears no último encontro do torneo por 4-3. Nin falta lle facía gañar á Irmandiña, que chegou ao derradeiro partido do campionato coa única necesidade dun punto para acadar o trofeo logo de vencer nos tres anteriores encontros. Melilla caeu por 11-1, Cataluña 5-4 e Murcia 4-3. E Galicia marchou das Canarias invicta e gañando todos os seus compromisos.

É un novo éxito no fútbol feminino galego, que na súa modalidade habitual e maioritaria conta cunha estrela mundial como Verónica Boquete e que no fútbol sala acumula éxitos e títulos co Burela Pescados Rubén. Na area, as galegas tamén están na elite. Vanesa, Anarea, Ana Bermúdez, Marta Rodríguez, Natalia de Francisco, Raquel, Sara González, Joana, Anarea e Sheila Fernández foron desta vez as protagonistas do éxito.

Ademais, en categoría masculina, a selección galega acadou un meritorio terceiro posto.

A selección galega feminina celebra o campionato de España Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.