As rapazas do Burela, a un paso de entrar na historia

Tres xogadoras do Burela celebran un gol © Burelafs.org

A un paso de converterse en lenda. Así se atopa o equipo feminino do Burela Pescados Rubén, que será campión de Liga o vindeiro sábado se logra vencer o Atlético de Madrid na casa. Será un día de festa nesta localidade da Mariña, de tan só 9.000 habitantes, que presume dun club que é o único en todo o Estado que conta con dous conxuntos nas máximas categorías de fútbol sala.

A vitoria dálle o título ás galegas, a derrota e o empate deixa a Liga nas mans das madrileñas

Acadada a permanencia do equipo masculino, as rapazas están a só un chanzo de entrar na historia do deporte galego. Será finalmente a partir das 20 horas e retransmitido en directo pola segunda canle da TVG. E será a todo ou nada. A vitoria daralle o título ás galegas, mentres que unha derrota deixaríao nas mans do conxunto madrileño, ao que lle abondaría un empate para depender de si mesmo nunha última xornada na que ao Burela lle toca descansar.

Toda a vila e toda a Mariña está preparada xa para unha xornada histórica. A dun club do que é socio un de cada dez habitantes da localidade e cuxo equipo feminino debutou na división de prata hai case cinco anos e fixo a súa estrea na máxima categoría en 2011. Ano e medio despois, pode alcanzar a gloria. "Todo se logra grazas á implicación de moita xente, empezando pola directiva, pero tamén grazas a unha masa social se cadra máis implicada e ao apoio empresarial e institucional; sen os folgos que nos dá a nosa afección e a súa fidelidade, non valería a pena matarse por este proxecto", aseguraba a Praza o presidente, José Ramón González, un dos artífices que podería cualificarse como milagre, pero que é froito do traballo.

O equipo laranxa debutou na división de prata en 2011 e ano e medio despois está a un paso do título

Traballouse arreo desde que o Cefire, antigo equipo burelao que xa gozara da elite, cambiou a súa localidade pola veciña de Viveiro. Fundouse o actual club en 2001 e, pouco máis de dez anos despois, os rapaces mantéñense na elite e as rapazas están a piques de proclamarse campioas. Mentres, os 200 rapaces que o club move na canteira aseguran o futuro do fútbol sala na localidade.

Dirixidas por Javier Pardeiro, o técnico, Jozi, Patri, Dolo, Lucía, Dany, Peque, Maite, Lida, Haydée, Paulita e Silvia xa levan marcados 110 goles nesta tempada, fronte aos 35 encaixados. As redes sociais xa ferven con lemas como #todosaVistaAlegre para animar a afección a acudir a unha pista que ben seguro estará chea. A marea laranxa pode ser a clave para que estas mulleres fagan historia para Galicia, A Mariña e Burela. E calquera eloxio será pouco.

Equipo feminino do Burela © Burelafs.org
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.