As rapazas galegas tamén triunfan na area

Selección galega que se proclamou campioa de España en Almería Dominio Público Praza Pública

Un novo éxito para o fútbol galego. E un novo éxito en feminino, como a das rapazas do Burela que este ano se proclamaron campioas de Liga e Copa en fútbol sala. Desta vez, foi a area da praia a que lle trouxo a vitoria a Galicia no campionato estatal por autonomías celebrado en Almería a pasada fin de semana. Volveron co título e fixérono logo de vencer na final a Murcia (3-4), unha das grandes favoritas.

A selección está composta por xogadoras de equipos de fútbol, pero tamén de fútbol sala

Composto por xogadoras do Olivo, a Erizana, o Sárdoma e o Friol de fútbol e tamén por futbolistas da Ponte Ourense de fútbol sala, a selección adestrada por Pilar Neira volveu acadar o éxito logo do subcampionato logrado na súa última participación no torneo hai dous anos. Todo, malia que Andalucía e Murcia volvían ser as favoritas e a pesar de que se trata dun equipo amateur e que aturou 18 horas de autocar ata a localidade almeriense onde se celebrou a competición.

"As rapazas e os técnicos teñen moito mérito; non cobramos nada e facémolo de forma altruísta e chegamos moi cansos a casa logo de 18 horas de traxecto, despois do cal moitos de nós fomos traballar sen durmir", relata Neira, a seleccionadora, que lembra tamén como a viaxe se tivo que atrasar un día pola imposibilidade dalgún membro da expedición de ausentarse do traballo.

Pero nada puido cun equipo que, tal e como aclara Neira, "era dos mellores" da competición. "Contei con xogadoras moi importantes que se souberon adaptar á area", explica. "Non ten nada que ver este fútbol co fútbol once ou o fútbol sala e parte do éxito vén de esa adaptación ao terreo", engade a tamén ex seleccionadora da Irmandiña liderada por Vero Boquete hai uns anos, que fixo unha preselección de vinte xogadoras das que saíron as dez elixidas.

Pilar Neira destaca a repercusión cada vez maior que os medios dan ao deporte feminino, pero lamenta que ningunha institución dese os parabéns ao equipo

"A clave é que formamos unha gran familia, tamén co equipo masculino", destaca Neira, que aínda que segue comprobando a escasa repercusión que teñen os éxitos do deporte feminino, si recoñece un cambio nos medios de comunicación, "que chamaron en canto acabou o campionato para saber do triunfo". No entanto, a seleccionadora continúa agardando algunha chamada das administracións. "Aínda estou esperando que chame algunha institución para darnos os parabéns, porque creo que non sobran", reivindica a que tamén fora pioneira dos éxitos do fútbol en Galicia como xogadora.

Agora, desde o banco, segue acumulando triunfos. Desta vez cun equipo de rapazas que venceu todos os encontros da competición e que remontou na gran final logo de ir perdendo 3-0 tras un mal inicio de encontro. Foi a recompensa ao esforzo dun conxunto feminino que fixo esquecer un pouco a mala sorte dos homes, eliminados en primeira fase pola diferenza de goles malia só perder un partido.

A selección galega de fútbol praia, con Pilar Neira, campioa de España Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.