As tres candidaturas de Madrid aos Xogos supuxeron un gasto de cen millóns de euros

Dirixentes políticos e deportistas nun dos actos de Madrid 2020 © Madrid2020

No medio da peor crise económica de España, falar de fastos olímpicos leva asociado, irremediablemente, a análise das cifras que se van gastar neste estipendio. A candidatura da "austeridade", como promulgan desde o Concello de Madrid, supón un desembolso en infraestruturas de case 6.000 millóns de euros. Pero a esta brocha gorda de gastos acompañána outras partidas que, aínda que menores, contan. Os custos de competir, tres veces, polo soño olímpico levou por diante polo menos 100 millóns de euros, aínda que as cifras exactas son difíciles de dar polo continuo baile entre o que se anunciou, o que apareceu nos orzamentos e o que finalmente se executou. A metade sairía das arcas municipais.

Os custos de presentar tres veces á candidatura olímpica supuxo 100 millóns de euros

A maioría destes orzamentos vanse en publicidade, facer lobby, mercadotecnia, viaxes de prensa ou en apostar por outras competicións deportivas que sirvan de carta de presentación para a cidade. É dicir, un gasto a fondo perdido. Aínda que segundoo ex alcalde de Madrid, Alberto Ruiz Gallardón, este diñeiro non foi gasto, senón "investimento" en promocionar a cidade polo mundo e en mellorar a súa imaxe.

A candidatura de Madrid 2012 é a máis opaca, tamén a máis afastada no tempo, xa que o seu orzamento remóntase ao ano 2003. Segundo publicaron os medios da época, a fase I (cidade solicitante) orzouse en 7,5 millóns de dólares e a fase II (cidade candidata), en algo máis de 8,1 millóns. Ao cambio uns 11,8 millóns de euros. Pero a cifra de gasto público realizado no programa Madrid 2012 ascendeu a 25,6 millóns de euros, segundo un informe resumo do director xeral de Deportes Pablo Buján datado en 2005 e que percorría "a xestión deportiva do Concello de Madrid entre 1951 e 2005".

Segundo varias fontes municipais, é case imposible saber con certidume canto se gastou naquela candidatura, xa que se deu "barra libre" á organización da primeira carreira olímpica e a preparación mesturouse coa enxeñaría financeira. Algúns medios elevaron o custo aspiracional de Madrid a até 60 millóns de euros, aínda que a diferenza púxoa o financiamento privado.

A achega privada é clave nas aspiracións da vila, que para Madrid 2016 gastou 37,8 millóns de euros en preparar unha misión case imposible. Daquela cifra, 16,8 millóns de euros correron a cargo das arcas públicas do Concello de Madrid, dez millóns enteiros desembolsados no primeiro ano de crise, 2008.

Madrid 2020 reduciu drasticamente o apoio á campaña das candidaturas. Nos orzamentos municipais de 2012 destináronse sete millóns de euros públicos a dotar de recursos a Fundación que se encarga de xestionar a candidatura e no ano seguinte as arcas municipais desembolsaron outros 3,9 millóns de euros. A esta achega de 11 millóns de euros pública hai que sumar a parte privada que non está claro a canto ascende finalmente xa que se abriu o prazo para acoller novos patrocinadores até o 1 de setembro.

A suma está en liña co orzamentado ao comezo da candidatura, que elevaba o prezo de participar na competición a 38,6 millóns de dólares (case 30 millóns de euros), e na que se aseguraba que o 38% sairía de fontes públicas, o que suporía que as empresas deberían achegar ao redor de 18 millóns de euros.

 

Beneficios fiscais para empresas e negocio

A achega privada é indispensable nestes eventos que, por suposto, teñen contraprestación para as empresas. Os que se consideren patrocinadores poden desgravar até un 15% do seu investimento en publicidade se se adhiren a este evento que, do mesmo xeito que outros moitos como o Xacobeo por exemplo, son declarados de interese público.

As empresas patrocinadoras poden desgravar até un 15% do seu investimento en publicidade por este evento, ao igual que ocorre co Xacobeo

Un recente cambio da lei pon tope a esta dedución fiscal, que non pode superar o 90% do achegado a patrocinar ao evento. Neste caso, a achega máxima de empresas como a de Telefónica, cuxas facturas publicitarias son inxentes, é de 800.000 euros, polo que se poderían desgravar en impostos até 720.000 euros. Hai que ter en conta que estas empresas patrocinan moitos eventos á vez, e estes cheques fiscais vanse sumando.

Na estrutura da Fundación Madrid 2020 pódese ser patrocinador socio (800.000 euros), preferente (400.000 euros), oficiais (200.000 euros) colaboradores (50.000 euros) e amigos (10.0000 euros). Tamén hai unha listaxe de "doantes" que non teñen obrigación de facer publicidade do acto (e viceversa, xa que non aparecen na listaxe de patrocinadores oficial). Son BBVA (800.000 euros), El Corte Inglés (400.000), Iberdrola (300.000) e Renault (200.000).

Os patrocinadores e doantes poden optar a facer negocios coa Fundación Madrid 2020

Dáse o caso de que estes patrocinadores e/ou doantes poden ademais optar a facer negocios coa Fundación Madrid 2020. Así, a última licitación pública foi a dos traxes que levará o comité español o sábado en Bos Aires e que se orzamentaron en case 43.000 euros. A firma encargada da súa provisión é El Corte Inglés. A consultora Bovis, que é patrocinador oficial, levou tamén a realización do dossier de presentación da candidatura, cifrado en 720.000 euros (puxo 200.000 no patrocinio) e o despacho de avogados Garrigues quedou coa representación xurídica por máis de 300.000 euros a pesar de ser patrocinador socio. Con todo, a licitación máis elevada desta última candidatura foi a da axencia de comunicación internacional que se adxudicou o servizo por 2,4 millóns de euros.

Dirixentes políticos e deportistas nun dos actos de Madrid 2020 © Madrid2020

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.