Ao ascenso do Dépor á máxima categoría do fútbol feminino poden unirse as promocións do equipo masculino á Segunda división ou do Básquet Coruña á ACB
14.057 persoas asistiron este domingo no estadio de Riazor ao partido no que o Deportivo consumou o seu ascenso á máxima categoría do fútbol feminino en España. A vitoria ante o Cacereño (3-1) significou un récord de asistencia na Primeira Federación e completou unha tempada de éxito para as coruñesas, que retornan tres anos despois a Primeira, convertida agora na Liga F.
As celebracións deste domingo, no estadio e nas rúas, foron o anticipo da sucesión de visitas institucionais que as xogadoras realizan este luns á sede da Xunta (recibidas por Alfonso Rueda), da Deputación (recibidas por Valentín González Formoso) e, sobre todo, ao Concello da Coruña (recibidas por Inés Rey), a partir das 19.30 horas, que rematará no balcón de María Pita, dende onde se dirixirán á cidadanía coruñesa.
O éxito do Dépor feminino pode ser o primeiro dunha sucesión de triunfos, ascensos e títulos para o deporte coruñés. Hai anos en que as malas novas chegan todas xuntas e outras, por coincidencias diversas, en que conflúen os bos momentos de distintos equipos de diferentes disciplinas. Así está a a ser nesta tempada 2023-24, que pode ser histórica para o deporte coruñés tanto en fútbol coma en baloncesto, hóckey, balonmán ou rugby, tanto en categoría masculina coma feminina.
Pero, ademais, o HC Coruña participa na final four da Champions do hóckey feminino, as xogadoras do CRAT optan a gañar a liga de rugby e tamén o Maristas, o Zalaeta ou o OAR poden conseguir ascensos en baloncesto, voleibol ou balonmán
Por este motivo non sorprendeu que o pasado venres a alcaldesa Inés Rey publicase un bando municipal "en apoio do deporte da Coruña" no que ennumeraba as moitas opcións de éxito dos equipos da cidade e destacaba que "o noso deporte" afronta "un momento decisivo que nos convoca a todos e a todas". "Como alcaldesa, fago un chamamento a todos os coruñeses e coruñesas para que, de novo, manifesten o seu amor á cidade e a Galicia. Animo a toda a veciñanza a acompañar nestas importantes xornadas a todos os nosos representantes deportivos, acudindo aos recintos onde xoguen, amosando os seus distinttivos ou do xeito que consideren oportuno".
O Dépor masculino, a cinco partidos do ascenso
Non sorprendeu que o venres a alcaldesa Inés Rey publicase un bando municipal "en apoio do deporte da Coruña" no que ennumeraba as opcións de éxito dos equipos da cidade e destacaba que "o noso deporte" afronta "un momento decisivo que nos convoca a todos e a todas"
Seguindo o ronsel aberto este domingo, o equipo masculino do Dépor encara un final de liga propicio para o seu regreso á Segunda División. A vitoria ante a Cultural Leonesa deste sábado, Día das Peñas, cun novo récord de asistencia na categoría (29.079 persoas en Riazor) deixa un pouco máis preto o ascenso. As malas experiencias dos últimos anos animan a ser prudentes, pero o Dépor mantén seis puntos de vantaxe ante o Barça B a cinco partidos do final. Despois dos encontros ante Arenteiro e Sestao, o enfrontamento directo ante o filial azulgrana do 12 de maio podería ser o primeiro matchball dos coruñeses.
O Básquet Coruña, camiño da ACB
O Básquet Coruña é lider da LEB Ouro a só tres xornadas do final e pode ascender á máxima categoría,
Tamén está a ser un ano excepcional para o baloncesto da cidade, convertido sempre no irmán pequeno do deporte rei. O Básquet Coruña é lider da LEB Ouro a só tres xornadas do final e pode ascender á máxima categoría, na que intentan resistir Breogán e Obradoiro.
Esta fin de semana a derrota ante o Alacante deixou o equipo galego sen parte do colchón que mantiña cos seus perseguidores. Segue líder en solitario, cunha vitoria da vantaxe ante San Pablo Burgos, Burgos Tizona e Lleida, pero xa non pode fallar. Este sábado xoga ante a súa besta negra dos últimos anos, o Oviedo, e remata a liga ante Tau Castelló. De non acadar o ascenso directo, sempre quedarían os playoff, nos que calquera cousa pode pasar.
O baloncesto feminino, tamén con opcións de ascenso
O Club Maristas Coruña conseguiu por primeira vez na súa historia clasificarse para a fase de ascenso á Liga Femenina Challenge, que se xoga a partir deste xoves
O Club Maristas Coruña conseguiu por primeira vez na súa historia clasificarse para a fase de ascenso á Liga Femenina Challenge, segunda categoría do baloncesto feminino en España (na Liga Endesa compiten o Baxi Ferrol, o Ensino de Lugo e o Celta de Vigo). As coruñesas xogarán xoves, venres e sábado en Utebo co obxectivo de pasar ás semifinais do domingo, que outorgarán o ascenso.
O hóckey, sinónimo de éxitos na Coruña
O HC Coruña será un dos catro partipantes da final four da Champions, que se xogará esta fin de semana na cidade herculina
Os maiores éxitos do deporte coruñés non chegaron do fútbol, a pesar dos anos de grandeza do Dépor e dos seus títulos de liga e copa, senón do hóckei patíns. O Liceo suma seis Copas de Europa e oito ligas, entre moitos outros trofeos, e practicamente todos os anos aspira a estar entre os mellores equipos na OK Liga e nas competicións europeas. Non está a ser esta, con todo, a súa mellor tempada, e os coruñeses son terceiros na clasificación, desta volta moi lonxe do invencible Barça.
Iso, se falamos dos homes, porque na categoría feminina o HC Coruña será un dos catro partipantes da final four da Champions, que se xogará esta fin de semana na cidade herculina. Fraga, Palau e Vila-sana serán os rivais das coruñesas, que non son favoritas, pero encaran un reto histórico para o club.
E máis: rugby, balonmán, voleibol, fútbol-sala...
O CRAT perdeu esta fin de semana a final da Copa, pero queda agora a Liga, na que as coruñesas xa están en semifinais
As posibilidades de éxito esténdense ao rugby, especialmente en categoría feminina, pois o CRAT está a realizar unha tempada fabulosa, que as levou esta fin de semana á final da Copa, que as coruñesas perderon ante o Majadahonda (10-16). Queda agora a Liga, na que as coruñesas xa están en semifinais.
En voleibol, o Club Instituto Zalaeta loitará tamén esta semana polo ascenso á máxima categoría
As opcións de ascensos ou de éxitos diversos non rematan aí. En voleibol, o Club Instituto Zalaeta loitará tamén esta semana polo ascenso á máxima categoría. As xogadoras coruñesas, que dende hai doce anos militan na Supeliga 2, xogarán entre o 25 e o 28 de abril en Cartaxena a fase de ascenso á Superliga Feminina
Finalmente, en balonmán o OAR Coruña é segundo na Primeira División masculina e busca unha praza para xogar o playoff de ascenso á División de Honor (segunda categoría, por debaixo da Liga Asobal na que compite o Frigoríficos de Cangas).